imprimir

O pasado 3 de abril e o 14 de maio tivo lugar as xuntanzas de Mesa de Formación. Na historia recente nunca se solicitaron tan pronto as propostas aos sindicatos e nunca tan tarde se asinou un plan de Formación.

Facendo as contas do tempo real que queda para desenvolver este Plan aprobado para este ano non é máis de 5 meses e medio aproximadamente, sendo xenerosos, xa que no mes de decembro os servizos teñen moitos problemas para deixar que o persoal se ausente dos seus postos de traballo debido a peche de exercicio económico, polo que a segunda quincena case está descartada.

Entre outros asuntos,  preguntamos ao Goberno Municipal por que quedaron cursos sen facer do Plan de 2017,  o xefe de sección de Formación, respondeu que moitos deles non dou tempo a facelos.

Nada que dicir sobre o que pode ocorrer este ano.

En canto a Bombeiros sinalan dende persoal que  “ a partida redúcese este ano en 9.000 €, en parte débese a que por un erro do Concello o ano pasado pasáronselle facturas de máis con cargo á subvención de Inditex e esta decidiu pagalas este ano, reducindo así  o importe desta subvención”. A CIG solicitará aclaracións sobre estes feitos.

Incorpóranse cursos de prevención de riscos laborais e de igualdade para todo o persoal como cumprimento dun acordo de Mesa Xeral de Negociación, considerándose cursos obrigatorios (proposto pola CIG na MXN); instamos ao Goberno Municipal un esforzo  neste sentido.

Esta sección sindical solicitou que se poña empeño nas enquisas que debe facer o persoal ao final de cada curso, aos efectos dunha valoración  real, así como que se avalíe o  aproveitamento  ao persoal asistente.

Tamén, na historia recente, esta é a segunda vez que a CIG non asina un Plan de Formación, a anterior foi co PP,   nesta ocasión está motivado pola inclusión dos cursos:

-Opencertiac- programa utilizado pola práctica totalidade do concello polo amplo contido, cunha previsión de gasto de 30.000 €

-Estima- programa utilizado na área económica, cunha previsión de gasto de 18.000 €

Como todas e todos sabemos estas son ferramentas básicas de traballo que temos que coñecer para o correcto desenvolvemento do noso traballo, mais nós consideramos que a formación destas ferramentas ten que ser levada a cabo pola empresa que vendeu os programas, e non copar a partida de formación deste ano para o persoal de oficinas que, descontando o custe citado queda en 19.000 €

Estes cursos o goberno municipal quéreos desenvolver durante un período plurianual cambiando así os criterios manexados ata o de agora e sen maior aclaración nin detalle.

Esperamos que esta información fora do voso interese.

A sección sindical da CIG

Categoría: MXN
Visitas: 3525