imprimir

Aprobación das actas anterior

Queda pendente a do 1 de xuño, pois a CIG tiña solicitado na última MXN do 24 de xullo que se repasara o audio nun punto da acta, algo que non se fixo.

Tampouco aprobamos a do 24 de xullo, en primeiro lugar porque tiña que figurar o resultado da comprobación dos audios da reunión anterior algo que tampouco fixeron e en segundo lugar, queixámonos unha vez mais de que ningunean nas actas as aportacións positivas que fai a CIG, neste caso concreto non nos nomean para nada cando a proposta aprobada por unanimidade foi da CIG.

Modificación do cadro de persoal 2018

Explican que debido a aprobación dos orzamentos do estado no pasado xuño, o Concello da Coruña ao cumprir unha serie de indicadores económicos pode aumentar o cadro de persoal en 4 prazas, unha praza que pode ir só para a policía e 3 que deciden que serán para técnicos/as da administración xeral.

Sobre o plan de estabilización nada novo que engadir a outras MXN, máis que recordar que hai un prazo de 3 anos dende a publicación da OPE para a súa execución.

Grupo B

Sobre este tema temos que recordar que na anterior MXN do 24 de xullo informouse á concelleira dun posible problema para os servizos de urbanismo e infraestruturas, pois os delineantes destes servizos están plantexandose a posibilidade de optar a postos de inspección. cos que incrementarían un 30% de salario, e iso podería ocasionar un grave problema nas oficinas técnicas tanto de urbanismo coma de infraestruturas.  Esta é unha máis das circunstancias que xunto coas convocatorias das novas prazas e o cumprimento da legalidade, obriga ao concello a decidirse a encarar o pase ao grupo B, esperemos que con carácter definitivo, aos técnicos de formación profesional de segundo grao.

Diante da petición rexistrada pola CIG o pasado 20 de agosto (núm rexistro 28217) da pregunta remitida o pasado 2 de agosto á Dirección de Función Pública en relación si os postos barrados no grupo B na última modificación da RPT poden ser reclasificados ou se é necesario o sistema de promoción interna, o Goberno Municipal decidiu trasladar esta información á MXN.

A concelleira recoñeceu que houbo outras administracións máis pequenas que reclasificaron aos seu técnicos pero eran de tamaño menor co concello da Coruña e afectaban a menos postos, a este respostamos que a legalidade dos actos non depende do número de afectados nin do importe económico, se non do acto en si.

Despois do debate a concelleira de persoal manifesta que se a dirección da función publica non informa positivamente ao concello para unha reclasificiación quere un acordo cos sindicatos para abordar a promoción interna da maneira máis simple posible de aquí a primeiro do ano próximo.

A CIG expón que si todos pensamos que estamos ante un proceso de reclasificación con independencia do que diga Función Pública haberá que optar polo proceso máis sinxelo posible ,  e recordamoslle que a legalidade actual permite convalidar na promoción interna aqueles temas que se utilizaran para a praza de inicio, neste caso a totalidade deles, por coincidir a titulación que se lles exixiu para o acceso que é a mesma para a promoción.

Finalmente expoñemos a RPT ten montón de erros entre eles a falta de singularización de moitos postos de administración especial.

Proposta e estudo do Plan de absentismo

Achegáronnos  previamente á MXN o borrador dunha instrución para  recuperar a situación anterior ao decreto 20/2012 para o descontos das baixas por IT, ao mesmo tempo persoal presentounos na reunión un plan de control de absentismo para axudar no trámite da instrución. Logo de falar e de mostrar algúns desacordos coa maneira de redactar a instrución, acordamos que persoal achegaría o texto refundido vía correo electrónico para mellorar o texto e para que mostremos a nosa opinión sobre el.

Outras cuestións tratadas na MXN

Tratouse a promoción de Aux Administrativos a Administrativos, a CIG propuxo copiar o modelo usado na Deputación da Coruña. Quedamos en trasladar toda a documentación da que dispoñamos deste proceso para o seu estudo.

Houbo preguntas dalgún sindicato por algúns postos que ou ben seguen a darse de maneira directa ou non saen a concurso, como os da xefatura de departamento de deportes ou a de dirección de centros cívicos que estase a pagar a quen ocupa este último a través dunha produtividade, contestan que están estudando as distintas propostas para sacar postos e que as xefaturas tanto de departamento coma de servizo van por designación directa. Os mesmos sindicatos que preguntan e se queixan destas cuestións son os mesmos que pactaron tanto as bases coma a listaxe do próximo concurso.

A CIG preguntou se van a contestar as alegacións as bases do concurso e como estaban as execucións de sentencias dos nomeamentos nas xefaturas de servizo de infraestruturas e edificación ao que contestaron que aínda non tiñan constancia da firmeza desas sentenzas, que só tiveran coñecemento da firmeza da de xefe de servizo de planeamento e xestión que xa está executada.

Rematamos a mesa discutindo novamente con persoal sobre a distinta vara de medir entre a produtividade e a especial dedicación...nada novo sobre reproches e contestacións.

Categoría: MXN
Visitas: 3274