INICIO
Sentenza 3195/2020 do Tribunal Supremo sobre a información das PRODUCTIVIDADES
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 1044
Denuncia a suspensión da xuntanza que xa estaba prevista e teme que se estea negociando por detrás
A CIG solicita a retirada da proposta de modificación do Estatuto Básico do Empregado/a Público/ (EBEP) e que se presente unha nova proposta. Cuestiona ademais a xestión da negociación, para a que estaban comprometidas todas as xuntanzas necesarias, pero que foi suspendida de forma unilateral polo Ministerio.
CONSULTA PROPOSTA REFORMA ESTADO
CONSULTA POSICIONAMENTO CIG ÁREA PÚBLICA
A primeira xuntanza do grupo de traballo celebrárase o pasado día 24 de maio. Na mesma sinalábase como data da seguinte reunión o día 27 de maio. O propio secretario xeral do Ministerio afirmaba nesa xuntanza que tiña a axenda libre para reunirse todos os días que fixera falta para acelerar as negociacións. Porén, ao día seguinte, a central sindical recibía unha comunicación pola que se cancelaba a reunión prevista coa escusa de darlle prazo aos sindicatos para presentar alegacións, cando todos aceptaran a data proposta.
A CIG pon en cuestión a decisión de suspender as reunións e que se solicite agora que se remitan as alegacións por escrito. A central sindical témese que os sindicatos estatais, que mantiveron un hermetismo absoluto e para nada informaron desa xuntanza, estean negociando por detrás, como ten acontecido noutras ocasións, para chegar a un acordo.
A CIG xa adianta que promoverá mobilizacións no caso de que non se retire a proposta tal e como está.
Retirada da proposta
Función Pública afirmou na reunión do 24 de maio que a reforma sobre a temporalidade descansaría sobre tres patas: modificación do EBEP; flexibilización da taxa de reposición (en ningún caso eliminación) e proceso de estabilización vinculado co compromiso expresado polo Estado no documento enviado á UE para os fondos europeos
Para a CIG non se pode chegar a acordos no ámbito da Mesa Xeral cando o único que se presentou foi unha das tres “patas”, a do EBEP. A posición da central sindical nun tema de relevancia como o das medidas para reducir a temporalidade é que se debe facer nun marco de respecto ás miles de persoas que veñen ocupando postos de traballo como persoal interino ou temporal, nun claro abuso da contratación temporal.
A reforma do EBEP, sen procesos de consolidación e sen claros mecanismos de sanción, non soluciona o problema nin busca saída para quen durante anos foron vítimas da temporalidade abusiva.
Nova proposta
Fronte a isto a posición da CIG descansa sobre tres eixos fundamentais e así foron trasladados nun escrito remitido ao Ministerio de Función Pública tras a cancelación unilateral da segunda reunión:
- ELIMINACIÓN DA TAXA DE REPOSICIÓN. Cada administración pública debe poder dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias. Para isto, é imprescindíbel que desaparezan as taxas de reposición con carácter básico da lexislación do Estado.
- PROCESOS EXCEPCIONAIS. Debe articularse unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada, apostando por uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece a súa especificidade (educación, sanidade).
- RÉXIME SANCIONADOR E REPARADOR. É fundamental fixar un marco sancionador moi estrito e contundente con aquelas administracións que incumpran a norma, identificando ás persoas responsábeis dos órganos que non cumpran. Mais tamén deben existir medidas reparadoras co persoal temporal que foi ou é vítima do abuso na contratación temporal.
Canto ao texto presentado, a CIG considera que hai unha clara intencionalidade de incorporar medidas no EBEP para blindar e protexer as propias administracións diante dos bandazos que están a dar os tribunais de xustiza. Así se evidencia con estas incorporacións ao EBEP:
- que o nomeamento de interino non dá lugar a ningún tipo de recoñecemento de condición de funcionariado de carreira ou permanencia.
- que no caso de cese do persoal interino non se xera dereito á indemnización
Para a CIG o estabelecemento dun período de proba é innecesario e improcedente , xa que un dos motivos de cese xa é a falta de capacidade ou rendemento, o que levaría consigo un expediente disciplinario. Fixar o período de proba pode introducir arbitrariedade polo que a central sindical está en desacordo e demanda a retirada.
A medida de cesar ao persoal interino despois dos 3 anos, penalizando á persoa e o servizo público sen que se poida cubrir a vacante durante un ano é ademais “un despropósito”. Se queren evitar o abuso na contratación temporal que sancionen duramente á persoa ou persoas á fronte dos órganos de persoal que o permiten, mais que non fagan recaer a penalización no persoal interino e nos propios servizos públicos.
Outro dos apartados máis preocupantes da proposta do goberno estatal é a negación expresa do dereito á carreira profesional do persoal interino mentres no acade a condición de funcionariado de carreira. Estamos diante dunha medida impresentábel, que vai contra dereitos adquiridos en moitos casos grazas a sentenzas e conflitos xudiciais promovidos pola CIG (os sexenios docentes ou a carreira profesional na administración xeral da Xunta) e acordos que incorporan o persoal interino na carreira profesional (SERGAS). A CIG está totalmente en contra dunha medida que considera regresiva e que prexudicaría a miles de persoas polo mero feito de ser interinas malia realizar o mesmo traballo.
A CIG amosa a súa incredulidade diante das cifras de prazas a convocar e dos seus efectos
En diferentes declaracións do ministro Iceta e dos responsábeis do Ministerio na Mesa Xeral cifráronse nun mínimo de 300.000 as prazas que se deberán ofertar no presente ano 2021, nun calendario que se estendería para facer todos os procesos convocados até o 2024.
A certeza dos datos dos denominados “procesos de estabilización” vinculados cos pactos dos sindicatos estatais co goberno español non deixa lugar a dúbidas. Segundo datos do propio goberno (de abril de 2021) houbo un total de 218.671 prazas autorizadas para incorporar en ofertas de emprego público.
Porén, tan só se ofertaron 154.483 prazas (é dicir, non se ofertaron o 30% das prazas inicialmente previstas). Destas só se cubriron 56.236, o que implica que tan só o 25% das prazas que se venderon como de “estabilización” chegaron a se transformar en fixas no conxunto do Estado e no total dos sectores (ensino, sanidade, xustiza, administración xeral..). Con estes precedentes, a CIG amosa a súa incredulidade sobre se realmente se van cubrir as cifras anunciadas polo Ministerio.
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 925
A CIG ve imposíbel acadar un acordo se non se elimina a taxa de reposición
Nunha primeira reunión do grupo de traballo da Mesa Xeral das Administracións Públicas, o Ministerio de Política Territorial e Función Pública adiantou unha serie de cambios relacionados coa modificación do EBEP, no que ten a ver coa regulación da selección do persoal interino sen entrar no fondo do problema, e anunciou a súa intención de que a negociación sexa moi breve, pretendendo que se peche o día 4 de xuño.
LIGAZÓN REFORMA TEMPORALIDADE MINISTERIO
A CIG considera que as modificacións non implican ningunha solución ao problema da temporalidade e ve imposíbel avanzar en posíbeis acordos se non se elimina a taxa de reposición e non se respectan as sentenzas do TXUE canto ao abuso da contratación temporal e adopción de mecanismos sancionadores contundentes.
Estas son as propostas avanzadas polo Ministerio e que serán revisadas nunha nova reunión que terá lugar o xoves 27.
Modificación do artigo 10 do EBEP (funcionariado interino):
- 1.a) Prazas de persoal interino en vacantes. Remarcan o límite temporal en 3 anos desde que se produce o nomeamento coa obriga de sacar a praza ocupada a OPE.
- d) Ampliarán os posíbeis nomeamentos por acumulación de tarefas a un máximo de 9 meses nun prazo de 18 meses (dos 6 meses en 1 ano actual).
- 2. Selección do persoal interino: “primar a axilidade” e indicar expresamente que o nomeamento como interino non dará lugar en ningún caso a nomeamento como funcionariado de carreira ou de permanencia máis alá do tempo de contratación temporal.
- 3. Especifican as causas de cese, recoñecendo a capacidade das diferentes administracións:
- por fin da causa do contrato
- por fin do prazo autorizado para a tarefa
- pola cobertura do posto
- por razóns organizativas
- por falta de capacidade e rendemento
- por non superar o período de proba, no caso de que exista.
- 4. As prazas vacantes ocupadas por persoal interino ofertaranse nas OPE “en execución da normativa orzamentaria” (é dicir, coa limitación dos orzamentos de cada administración e, por tanto, da taxa de reposición). O nomeamento do persoal interino en vacante poderá manterse até que finalice o proceso selectivo da súa praza, fixando un máximo de 3 anos desde o nomeamento até a publicación da convocatoria de oposición. Se a praza non se convoca pola administración correspondente, o persoal interino será cesado e durante 1 ano esa praza non se poderá cubrir con persoal interino.
- 5. Recoller expresamente os dereitos e deberes do persoal interino.
Entre outros, negar o dereito á carreira profesional ao persoal interino
- 6. Eliminar a mobilidade de persoal contratado para executar programas.
Introducen unha nova disposición adicional 17ª no que se refire á sanción para a administración polo incumprimento das normas de temporalidade; hai unha invocación xenérica á responsabilidade do órgano de persoal no nomeamento do persoal interno.
Tamén indican que, dada a especificidade dos sectores educativo e sanitario, se dá un prazo de 1 ano para adecuar a lexislación propia do seu persoal interino (ingreso, etc..) á nova reforma do EBEP.
Tal e como recolle a “compoñente 11” do documento enviado polo goberno español á Unión Europea, no marco dos compromisos vinculados cos fondos europeos, os prazos previstos polo Ministerio son os seguintes:
- 2021: antes de rematar o ano terán que convocarse todas as OPE vinculadas con esta reforma. Por tanto, todas aquelas prazas vacantes de máis de 3 anos terían que ser convocadas Estas prazas non consumirían taxa de reposición.
- 2022: deberán estar publicados todos os procesos selectivos destas OPE
- 2024: deberán estar finalizados todos os procedementos.
A entrada en vigor de todas estas normas non terían carácter retroactivo polo que non afectarían ao persoal que actualmente ocupan prazas vacantes (no referido ao cese despois de tres anos, especialmente).
Críticas aos anteriores acordos de “estabilidade”
A CIG centrou a súa intervención en criticar os anteriores acordos de “estabilidade” que non só non implicaron ningunha mellora na fraude na contratación temporal senón que mesmo asentaron, pola parte sindical estatal, a aceptación da taxa de reposición, unindo así a súa posición á dos gobernos español e galego.
Coincidindo na conveniencia de clarificar no EBEP prazos de execución das ofertas de emprego e simplificar os procesos selectivos, o problema da temporalidade non se soluciona se non se permite a cada administración pública dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que presta, en función das súas propias capacidades orzamentarias.
Para isto, é imprescindíbel que desaparezan as taxas de reposición con carácter básico da lexislación do Estado, permitindo que as administracións creen emprego directo, sen verse obrigadas a acudir á externalización de servizos mediante fórmulas máis caras e fraudulentas.
Desde a CIG tamén se incidiu na necesidade de dar unha solución excepcional ao problema da temporalidade acumulada, e en apostar por uns verdadeiros procesos de consolidación de emprego, e na necesidade de respectar os ámbitos de negociación, tanto a nivel territorial como nos diferentes sectores que o propio EBEP recoñece a súa especificidade (educación, sanidade).
A central sindical considera que algunhas das propostas avanzadas polo Ministerio inciden en cargar a responsabilidade do abuso na contratación temporal sobre o propio persoal afectado, cando este é a vítima e non a responsábel dese abuso, e en incorporar medidas que pretenden limitar a temporalidade pola vía da eliminación de postos de traballo e non da transformación de emprego temporal en fixo, reducindo as taxas de temporalidade a base de incrementar as listas do paro.
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 964
Exixe a supresión da taxa de reposición, principal causa do abuso da temporalidade
A CIG-Administración, ante a perspectiva dunha posible prórroga dos procesos e próxima modificación dos criterios de estabilización de emprego no ámbito EBEP, vai exixir nas mesas de negociación a paralización dos procesos de estabilización até que o goberno do Estado clarifique as modificacións que pretende levar a cabo, para evitar distintas “varas de medir” nas diferentes administracións públicas.
Xunto a isto, demanda, en cada administración, unha negociación dos procesos, previa ás modificacións da RPT, aprobación dos cadros de persoal e ofertas de emprego anuais, así como as bases dos procesos.
Exixe que o persoal que ten recoñecida a contratación temporal en fraude de lei e xa superou probas selectivas sexa considerado laboral fixo
Ademais defende que se exclúan das OPEs as prazas ocupadas por persoas próximas á xubilación e que o persoal que ten recoñecida unha relación laboral indefinida por resolución xudicial ou administrativa –e que xa superou probas selectivas en condicións de igualdade para o acceso- sexa considerado persoal laboral fixo a todos os efectos.
Xunto a isto sostén que as prazas ocupadas con persoal que ten recoñecida unha relación laboral indefinida por resolución xudicial ou administrativa –que non superou as probas selectivas- se inclúa nos procesos de estabilización mediante concurso oposición, en procesos selectivos diferenciados dos de quenda libre, aínda que simultáneos.
Demanda a supresión da taxa de reposición de efectivos, principal causa do abuso da temporalidade
Considera necesario o incremento de efectivos e entende que os procesos de consolidación e estabilización non son suficientes para facerlle fronte aos servizos que é necesario prestar. Por iso entende que a taxa de reposición debe eliminarse.
A alta taxa de temporalidade nas administracións públicas do estado español deriva de varios factores, pero o máis determinante durante os últimos 12 anos vén sendo, segundo a CIG-Administración, a limitación imposta polos gobernos do Estado ao incremento dos cadros de persoal, establecendo taxas de reposición de efectivos con carácter de normativa básica, que impiden a cobertura de prazas estruturais.
Denuncia que estas decisións non teñen en conta en absoluto as necesidades e demandas da cidadanía, o correcto funcionamento dos servizos públicos nin -tan sequera- a saúde orzamentaria de cada administración. “O resultado destas políticas erráticas, iniciadas polo Partido Popular pero sostidas no tempo por gobernos que se din progresistas, é unha taxa de temporalidade en índices tan indecentes que a propia Unión Europea ten que cominar ao Estado español a reducila”.
A eliminación da taxa de reposición é unha demanda da CIG desde o mesmo momento da súa implantación. Teñen que ser as diferentes administracións, en función das súas necesidades de persoal para o mantemento duns servizos públicos de calidade e universais e das súas dispoñibilidades orzamentarias as que decidan as súa ofertas de emprego, sen limitacións alleas. De non ser así, advirte de que “por moitos procesos extraordinarios de estabilización que se leven a cabo, a temporalidade volverá a incrementarse nas administracións públicas inevitablemente, pervertendo os procesos ordinarios de selección de persoal”.
Os acordos de concertación social non son a solución
A CIG-Administración lembra que nos anos 2017 e 2018 asináronse acordos entre os sindicatos estatais e o goberno moribundo do Partido Popular que, baixo a falsa aparencia de acordos de estabilización de emprego viñan a referendar o mantemento das taxas de reposición e, aínda establecendo taxas adicionais ás que xa existían, impedían o incremento de efectivos con carácter básico a todas as administracións públicas.
A nivel galego, eses acordos co goberno do PP reproducíronse mimeticamente no ámbito da Xunta de Galicia, onde se asinou en outubro de 2017 o acordo coas organizacións sindicais CC.OO., CSIF y UGT para o desenrolo dun plan de estabilidade, e en xaneiro de 2019o Acordo de concertación do emprego público de Galicia (desta voltasen a anuencia do CSIF).
Tanto os acordos estatais como os de ámbito galego foron rexeitados e denunciados pola CIG, principalmente porque viñan consagrar as taxas de reposición de efectivos, ao tempo que en materia de estabilización de emprego, o goberno do Estado e os sindicatos asinantes renunciaban a establecer criterios para regular os procesos selectivos de estabilización de emprego temporal, lavándose as mans e deixando a cada administración a “papeleta” de tomar decisións nos seus ámbitos respectivos.
Procesos de estabilización
Neste momento estamos ás portas dunha negociación no ámbito da Mesa Xeral das Administracións Públicas á que o Ministerio se comprometeu a levar unha serie de modificacións do EBEP, teoricamente para dar solución ás altas taxas de temporalidade, mais que polas declaracións do propio ministro, tanto na reunión mantida coa CIG como nas súas comparecencias públicas, se limitaría a modificar o artigo 10 do EBEP.
Amais da Mesa Xeral das Administracións Públicas, son varios os ámbitos de negociación nos que, ante as aprobacións das ofertas públicas de emprego e convocatorias específicas de procesos selectivos de estabilización, necesariamente, haberá que ter en conta a porcentaxe de temporalidade e a orixe das prazas obxecto de estabilización, así como a forma de acceso ao emprego temporal en cada ámbito ou sector, pois e obvio que non vale unha solución única para situacións tan diversas.
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 852
REXISTRADO ELECTRÓNICAMENTE o 15 de maio, número 38366
José María Calatayud Sánchez co DI XXXXXXe enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña
EXPON
Que tivemos coñecemento de que se está realizando un servizo de conserxería para control de accesos na Estación de Autobuses.
Que só hai unha persoa realizando ese traballo o que lle dificulta tanto coller o seu tempo de descanso como atender as súas necesidades fisiolóxicas.
Polo anteriormente exposto
SOLICITAMOS
Que a este servizo se destiñen dous empregados para estas funcións
A Coruña 15 de maio de 2021
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DA CORUÑA
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 607
- ASUNTOS ACHEGADOS POLA CIG Á XUNTA DE PERSOAL PARA SOLICITAR UNHA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN
- DOCUMENTO FINAL DA XUNTA DE PERSOAL PARA A MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 883
A CIG presentou a demanda tras CCOO e UGT sacrificar a este persoal nun acordo discriminatorio da Xunta de Galiza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de obrigar a incluír ao persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta de Galiza no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional. A sentenza, ditada a raíz da demanda presentada pola CIG-Administración Autonómica, foi cualifica pola súa responsable nacional, Zeltia Burgos, como “demoledora”.
O Acordo de concertación asinado entre a Xunta CCOO e UGT e o seu desenvolvemento co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional, excluía ao persoal funcionario interino e laboral temporal do dereito a solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional e, polo tanto, de cobrar a mesma. O determinante para acceder, segundo a sentenza, non é se o posto se desempeña con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.
Esta foi unha das razóns polas que a CIG non asinou este acordo que, ademais, condicionaba ao persoal laboral fixo coa obriga da funcionarización para acceder ao sistema extraordinario. “Unha chantaxe pola que tamén interpuxemos outra demanda ante o TSXG, e da que estamos pendentes do xuízo”, sinala Burgos.
Sentenza “demoledora”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimou a demanda nunha sentenza “demoledora”. A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica entende que “con este novo golpe xudicial á Xunta, demostramos que non valen as chantaxes e que non se pode excluír ao persoal laboral temporal e funcionario interino do dereito á carreira”.
Tamén no caso do Consorcio emitiuse xa a primeira sentenza gañada recoñecendo o dereito ao persoal fixo a acceder ao sistema extraordinario de carreira profesional, algo que con esta nova sentenza do TSXG cobra máis forza.
Dos fundamentos de dereito despréndese que a aplicación do sistema extraordinario ten que abranguer con carácter universal a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra os requisitos de ter cinco anos de antigüidade e os fixados no artigo 2 do acordo, sen que caiba discriminar por razón da existencia dun vínculo temporal ou permanente coa administración.
A sentenza non declara a nulidade da Orde, polo que todo o persoal que xa accedeu ao sistema extraordinario conserva os seus dereitos e seguirá cobrando a carreira profesional, pero si anula “... por contraria ao ordenamento xurídico, a mencionada Orde, na medida en que se exclúe ao persoal laboral temporal e aos funcionarios interinos…”, e por tanto obriga a incluír a este persoal no seu ámbito subxectivo.
Por iso Burgos afirma que “parece inconcibible que CCOO e UGT sacrificaran a este persoal nun acordo discriminatorio”.
A CIG-Administración Autonómica exixe á Xunta de Galiza que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito subxectivo do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2019.
De paso, apunta Zeltia Burgos, “que isto serva de acicate para sacar a CCOO, UGT e á Xunta do limbo da inacción e se poña en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2”.
Xunto a isto exixen que non se recorra a sentenza no Tribunal Supremo, “tendo en conta xa a clara xurisprudencia ao respecto, exposta nos propios fundamentos da sentenza”, e “que non se trate de prolongar a denegación dun dereito ao persoal que eles, CCOO e UGT excluíron”.
Nese sentido, Burgos apunta que “os nosos servizos xurídicos están a estudar as posibilidades para que se faga efectiva esta sentenza, xa sexa mediante negociación o mediante accións individuais”.
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 683
José María Calatayud Sánchez co DI XXXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña
MANIFESTA:
Que no día de hoxe tivemos constancia da existencia da INSTRUCCIÓN 4/2020 SOBRE SERVIZOS EXTRAORDINARIOS PRESTADOS FORA DA XORNADA NORMAL DE TRABALLO POLO PERSOAL FUNCIONARIO DO CONCELLO DA CORUÑA
Que nela existe un erro en canto a compensación das horas extraordinarias de unha hora e media por hora traballada e nos días festivos e en horario nocturno de dúas horas.
Que no convenio colectivo vixente neste concello establece unha compensación de dúas horas de compensación por hora realizada fora da xornada laboral e de dúas e media cando é en festivo ou en horario nocturno
Polo anteriormente exposto
SOLICITO:
Que se corrixa a INSTRUCCIÓN 4/2020 en canto as compensacións de horas extraordinarias:
- Dúas horas por hora realizada
- Dúas horas e media por hora realizada en día festivo ou en horario nocturno
A Coruña a 31 de marzo de 2021
SRA. ALCALDESA DO CONCELLO DA CORUÑA
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 1103
José María Calatayud Sánchez co DI xxxxxxxx e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña
EXPÓN:
Que o pasado 15 de decembro de 2020 rexistramos (nº68551) unha solicitude para:
- Que, tras a realización dos procedementos oportunos, se proceda a perfeccionar a Relación de Postos de Traballovixente no sentido de dotar á totalidade dos postos clasificados na Administración Especial da titulación ou titulacións necesarias para poder exercer o seu desempeño
Que como mencionamos na exposición desta solicitude o concello acumula máis dunha sentenza neste sentido (exemplo 206/2017)
Que o 19 de xaneiro o servizo de persoal informa da resolución da Xunta de Goberno Local de 15 de xaneiro de 2021 que debido á sentenza FIRME 0000038/2020-M, exclúe da segunda fase de concurso os postos de Director/a de Unidade Técnica, integrados na Unidade Organizativa de Centros e Programas de Servizos Sociais, con números de referencia 1390 a 1399, pola non esixencia de titulación especifica de educador social ou traballador social ou subsidiariamente daquelas titulacións universitarias que se puidesen considerar relacionadas co ámbito funcional dos citados postos.
Que na propia comunicación da resolución da XGL vincula a necesaria modificación da Relación de Postos de traballo cas sentenzas 145/19 e 25/2019, que obrigan ao Concello da Coruña a ser dilixente na celebración e terminación dos procesos selectivos convocados para a provisión de postos de traballo (CONCURSOS).
Que a firmeza desta sentenza comunicouse o 19 de novembro de 2020 e polo tanto os prazos na tramitación dunha modificación de RPT para a súa adecuación á sentenza xa se podería ter efectivizado.
Que os postos de referencia de 1390 ao 1399 exceden amplamente os 2 anos na provisión en comisión de servizo e a decisión de excluílos do concurso entendemos que é arbitraria, porque o Concello da Coruña non recorreu a sentenza e ao noso entender tivo tempo suficiente para adaptar a RPT a unha sentenza, que é moi clara e concisa no seu fallo e porque excluir os postos que máis tempo levan en COMISIÓN DE SERVIZOS sen especificar cando se proveeran polo sistema de CONCURSO non é actuar ca dilixencia que demandan as sentenzas contra o abuso das COMISIÓNS DE SERVIZO no Concello da Coruña.
Polo anteriormente exposto
SOLICITA:
- A non exclusión do concurso ordinario dos postos de Director/a de Unidade Técnica, integrados na Unidade Organizativa de Centros e Programas de Servizos Sociais, con números de referencia 1390 a 1399
- A convocatoria urxente dunha Mesa Xeral de Negociación para tratar unha modificación puntual da RPT para que nos postos de 1390 ao 1399 figure o requisito de acceso a titulación especifica de educador/a social ou traballador/a social ou subsidiariamente daquelas titulacións universitarias que se puidesen considerar relacionadas co ámbito funcional dos citados postos.
A Coruña, 19 de xaneiro 2021
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DA CORUÑA
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 929
Levamos tempo requirindo esta modificación para evitar o laxa que é a nosa RPT en canto a requirimentos nalgúns postos, pois ocasiona problemas sobre todo cando hai procesos de acceso a postos, sexa por novo ingreso ou as outras formas de provisión (concurso, ads. Prov. e comisións de servizo), pois a día de hoxe non existen impedimentos para que persoal municipal que accedera nun posto de novo ingreso cunha titulación específica (enxeñeiro/a de camiños, técnico/a superior informático, veterinario/a...) poda acceder a calquera posto que sendo de Adm. Especial non especifique a titulación, incluso en postos barrados tamén á Adm. Xeral... a día de hoxe non se quixo corrixir, pois ao marxe doutros argumentos esgrimidos en distintos contenciosos administrativos contra a RPT, na capacidade de auto-organización parece que tamén hai lugar a este disparate.
Tal e como están as BASES DO CONCURSO, poden promover movementos de persoal contrarios aos intereses dun bo funcionamento da administración, isto haberá que agradecerllo as seccións sindicais asinantes (CSIF, UGT e CCOO) que tanto bombo lle deron uns días antes das EESS.
Como sabedes, no concello hai distintas sentenzas (recordamos na propia solicitude unha da CIG LIGAZÓN) que, se ven non van contra a RPT e a súa capacidade organizativa difícil de combater (disto a CIG algo sabe), veñen a corrixila en canto as titulacións requiridas para o desempeño de posto na ADMINISTRACIÓN ESPECIAL
En canto a recursos contencioso administrativos, á CIG resúltanos moi curioso o comportamento de destacados membros dalgunhas organizacións sindicais, que por un lado piden o voto para un sindicato e por outro litigan contra acordos asinados polo mesmo,...que cada quen faga a súa valoración.
SOLICITUDE NÚMERO REXISTRO 68551
José María Calatayud Sánchez co DI XXXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña
EXPÓN:
-
Que no artigo 170do RDl 781/86 se determina que “ terán a consideración de funcionarios de administración especial os que teñan atribuído o desempeño das funcións que constitúan o abxecto peculiar dunha carreira, profesión, arte ou oficio.
-
Que , na Relación de Postos de Traballo vixente no concello da Coruña se recollen un gran número de postos clasificados como de Administración Especial nos que non se recolle ningún tipo de titulación que xustifique a clasificación na escala de Administración
-
Que esta administración acumula mais dunha sentenza que declaran a nulidade en procesos selectivos por non ter determinado a titulación especifica requirida para o seu desempeño, entre elas a número 206/2017 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña, do 14 de novembro de 2017.
Polo anteriormente exposto
SOLICITA:
Que, tras a realización dos procedementos oportunos, se proceda a perfeccionar a Relación de Postos de Traballo vixente no sentido de dotar á totalidade dos postos clasificados na Administración Especial da titulación ou titulacións necesarias para poder exercer o seu desempeño
A Coruña 15 de decembro de 2020
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DA CORUÑA
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 1096
Aquí podedes consultar a SENTENZA do Tribunal Supremo do Contencioso-Administrativo en canto á transparencia en materia de persoal e que asume o razoamento da Sala Social do Tribunal Supremo de 16 de decembro de 2019:
…los datos identificativos recabados sobre las personas que desempeñan el puesto de trabajo en la Administración Pública se encuentran directamente relacionados con la organización y funcionamiento de un organismo público, esto es, son datos asociados al desempeño de una labor o actividad pública de la Agencia Estatal, en el que concurre un interés público relevante y tiene como finalidad suministrar una información a la Junta de Personal que representa a quienes ocupan los puestos de trabajo. Por ende, no cabe considerar aplicable la previsión del artículo 19.3 de la Ley 19/2013, en la forma en la que lo ha interpretado la Audiencia Nacional, teniendo en consideración lo antes razonado y que la ocupación de los puestos de trabajo controvertidos está sometida a publicidad.”
- Detalles
- Escrito por CIG Concello A Coruña
- Categoría: INICIO
- Visitas: 843