Bo día todos/as

Logo de un ano e 7 meses do anterior COMITÉ DE SAÚDE LABORAL…Logo de telo solicitado en moitas ocasións pola necesidade de tratar cuestións de gran importancia para a vosa Saúde e Seguridade…Logo das denuncias que fixemos, tanto por rexistradas coma nas distintas Mesas de Negociación… O pasado 26 de xaneiro fomos convocados ao Comité de Saúde Laboral.

Empezaron trasladándonos a acta anterior de maio 2016...non houbo ningún tipo de rubor, nin pola tardanza nin pola longa listaxe de cuestións pendentes a tratar, se ben atenderon algunhas cuestións denunciadas, moitas seguen sendo tratadas a futuro...

Dentro da cantidade de cuestións a tratar, destacamos:

  • Sobre as reducións na Produtividade das Incapacidades Laborais(IT), volvemos a recordar a discriminación que existe nas reducións desta retribución ao respecto das Especiais Dedicacións, e que a Produtividade descontase no caso dunha enfermidade grave. Logo dun debate sobre cales se consideran enfermidades graves e moi graves, aprobamos que utilizarase a listaxe do  decreto 1148/2011 ,polo que a partir de agora inclúense tamén as enfermidades graves que aparecen no devandito decreto.
  • Revisións dos Plans de Autoprotección, logo de detectarse deficiencias importantes en distintos centros de traballo.
  • Equipos de Protección Individual(EPIs), chalecos  de protección na Policía Local e creación dunha comisión de compras para EPIS en cementerios
  • Convocatoria do comité de Riscos Psicosociais(RPS)  para establecer un calendario á hora de pasar os test de RPS.
  • Inspeccións nalgúns centros para avaliar condicións ambientais.
  • Creación dunha comisión con distintas facultades da Universidade da Coruña para facer estudos e propostas de actuación fronte ao Gas Radón.

Esperamos que esta información fora do voso interese.

Un saúdo

A sección sindical da CIG

José María Calatayud Sánchez con D.I. 18164080-z e enderezo, para os efectos de notificación, nos locais sindicais que a C.I.G. ten no Concello da Coruña, na súa condición de Delegado de Prevención.

 COMUNICA:

Que  ademais dos centros de traballo no que só  hai persoal municipal tamén hai outros centros de traballo con persoal ou doutras administracións ou outras empresas.

Que ao que se refire a PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS nestes centros de traballo, é necesario facer un plan de prevención conxunto.

Que temos acumuladas moitas cuestións para tratar no Comité de Saúde Laboral, algunhas delas que causan preocupación como por exemplo as medicións de Gas Radon.

Que fixemos varias solicitudes para que se convocase o COMITÉ DE SAÚDE LABORAL e que a pesar das continuas promesas en distintas Mesas de Negociación dunha inminente convocatoria, a día de hoxe non temos indicios de que isto poda acontecer.

Polo anteriormente exposto

SOLICITO:

Que se faga unha convocatoria á maior brevidade posible do Comité de Saúde Laboral e que ademais dos temas pendentes, se inclúa nel  a necesidade de abordar o devandito plan de prevención conxunto co resto de administracións ou empresas non centros no que coincidan coa presencia de persoal municipal.

A Coruña, 15 de xaneiro de  2018.

 ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA CORUÑA.

 

Aquí poidedes descargar os impresos en GALEGO:

IMPRESO AXUDAS ECONÓMICAS DO FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

AUTORIZACIÓN DATOS FISCAIS

Recordade que tedes ata o 31 de xaneiro de 2018

Aquí podedes atopar o plan de formación da EGAP para o ano 2018

FORMACIÓN EGAP 2018

AO COIDADO DO PLENO DA XUNTA DE PERSOAL

PARA INCLUIR NA ACTA DO PLENO DO 28 DE NOVEMBRO

Dende o principio da singradura do regulamento de axudas económicas do Concello da Coruña as diferentes Xuntas de Persoal que tiveron que aplicalo mantiveron , con absoluta claridade, que non serian obxecto desta axudas nin os tratamentos cubertos pola Seguridade Social  (SS) nin os medicamentos.

Acordamos que non se aboarían  aos tratamentos cubertos pola SS por dous motivos , o primeiro é que, como empregados públicos, considerabamos que tiñamos o deber de defender a sanidade pública  e o segundo por que o acceso a medicina privada non está ao alcance da totalidade dos nosos compañeiros e polo tanto, de facelo, estariamos discriminando ao persoal municipal en función dos seus ingresos.

O motivo de decidir non incluír  os medicamentos foi que, tanto os que forman parte do catalogo da SS como os que non, implican a realización dun gasto e non seria xusto cubrir uns e outros non (caso dos enfermos crónicos, que ao longo do ano gasta máis en medicamentos cubertos pola SS que aquel que precisa un medicamento concreto nun momento determinado, aínda que non este cuberto pola SS).

 No seu momento chegouse á conclusión de que seria materialmente imposible a xestión e comprobación do gasto farmacéutico da, moi posiblemente,  totalidade das unidades familiares que conforman o persoal municipal.

Que nos recordemos, estes criterios so se obviaron en dúas ocasións, a primeira para aboar un tratamento experimental para un compañeiro enfermo de cancro, e a segunda para aboar unha operación de cancro de mama nunha clínica privada sen xustificación algunha, neste último caso co voto en contra da CIG que como acto de protesta non volveu a participar da xestión das axudas no resto do mandato desa Xunta de Persoal.

Para poder optar a recibir axuda por tratamentos médicos non cubertos pola SS era preciso que, despois de ter feito o recorrido posible no servizo público de saúde, o teu médico da SS recomendara a utilización doutro procedemento ou tratamento.

Dende o inicio deste mandato o Pleno da Xunta de persoal empezou a mudar os criterios descritos con anterioridade e, co argumento de que se debería aplicar o regulamento no seu teor literal, que non impedía expresamente aboar medicamentos, decidiu aboar as vacinas non cubertas pola SS. Non fomos quen de evitalo, pero conseguimos introducir o criterio de que para aboarse debería existir unha enfermidade preexistente  que fixese necesaria esa vacinación. O ano pasado déronlle outra volta e, de novo en contra do noso criterio, aboáronse medicamentos estimulantes da erección,que non estaban cubertos pola SS, un sistema de control da glicosa diferente ao facilitado polo servizo público de saúde e obviouse  o requisito de enfermidade preexistente  nas vacinas.

Este ano repetiuse a mesma canción e volvéronse a relaxar os criterios para darlle validez aos informes médicos, repetindo a axuda para o aparello para medir a glicosa e aboando vacinas sen existir enfermidade preexistentes. Debemos mencionar que, tal  e como avisamos que pasaría, se solicitaron axudas para medicamentos cubertos e non cubertos pola SS que non foron atendidos polo Pleno da Xunta de Persoal. Onde está a aplicación literal do regulamento?, qué diferenzas hai entre as medicinas para que unhas se aboen e outras non?, si se aceptan informes médicos que recomenden  ou  indiquen a necesidade de saltarse o procedemento ou tratamento da SS sen explicar porqué, como se enfrontaran operacións realizadas fora da SS que custan miles de €?, se lle adiantará o diñeiro aos compañeiros que non teñan capacidade económica para facer fronte ao gasto para evitar a discriminación en función dos ingresos?

Os delegados/as da CIG quedamos sós unha vez mais na defensa dos criterios iniciais de interpretación do regulamento de axudas póndose de manifesto que o noso posicionamento é contrario á totalidade do resto da Xunta de  Persoal, nestas circunstancias consideramos que non debemos asumir cargos de goberno dentro deste órgano de representación que poidan dar a entender que somos participes destas decisións e polo tanto presentamos  as dimisións irrevogábeis que a continuación se relacionan:

  • Ana Filgueiras Espasandín ao cargo de vicesecretaria.
  • Mª Elena Iglesias Deza ao cargo de tesoureira.
  • Roberto Tizón Miguéns ao cargo de presidente.

  A Coruña 24 de novembro do 2017.

Asdo.: Ana Filgueiras Espasandín.    Asdo.: Elena iglesias Deza     Asdo.: Roberto Tizón Miguéns.

           Vicesecretaria                                      Tesoureira                              Presidente.

DO CORREO (A XUSTIZA NOS RECOÑECE O QUE O CONCELLO NOS NEGA)

Nesta ocasión o Goberno Municipal obrigounos a acudir aos xulgados para reclamar algo que se nos nega en María Pita, tanto nas MESAS XERAIS DE NEGOCIACIÓN, nas MESAS TÉCNICAS, nas CONTESTACIÓNS AS NOSAS ALEGACIÓNS en calquera materia de persoal ou coma neste caso nunhas alegacións a BASES DE SELECCIÓN DE PERSOAL... isto só é unha mostra do tratamento  que o goberno municipal está dando ao sindicato CIG...polo tanto vímonos na obriga de denunciar cuestións tan básicas como que unhas bases non se adecuasen , nin a titulación nin ao temario nin as características da praza, o resultado foi esta SENTENZA... sentenza que pode acarearlle gastos ao concello, polos prexuízos ocasionados aos/as opositores/as, en todo caso agardaremos a que o Concello decida recorrela ou executala.

Aproveitamos este correo para informarmos tamén de que logo de estudar as CONTESTACIÓNS que nos deu persoal, as nosas ALEGACIÓNS Á APROBACIÓN DA RPT, o pasado 30 de outubro presentamos un recurso  contencioso administrativo contra a aprobación da actual RPT, algo do que vos informaremos chegado o momento.

un saúdo

A SECCIÓN SINDICAL DA CIG NO CONCELLO DA CORUÑA

 

Aquí tedes unha sentenza do TSXG na que se critica que se invoque o criterio de autoorganización para a modificación das RPT.

José María Calatayud Sánchez co DI 18164080z e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña 

 MANIFESTA:

  1. Que o pasado 25 de agosto do 2017 a Xunta de Goberno resolveu as alegacións presentadas á aprobación inicial da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello da Coruña e procedeu a súa aprobación definitiva.
  2. A resolución destas alegacións produciron modificacións na RPT inicialmente aprobada
  3. Co obxecto de poder valorar a motivación dos cambios producidos e a súa adecuación a dereito

SOLICITAMOS:

Que se nos facilite copia integra do expediente da resolución das alegacións contra a RPT resoltas pola xXunta de goberno local o 25 de agosto do 2017

 

A Coruña 7 de setembro   do 2017

O pasado 28 de agosto recibimos da xefa de persoal un correo electrónico sobre a aprobación definitiva da RPT, nel se que incluían respostas as nosas alegacións a RPT.

Logo de analizar estas contestacións, chegamos a conclusión que cando non existen argumentos para defender os cambios realizados fronte as nosas alegacións, utilizan algo tan elástico como é concepto de AUTOORGANIZACIÓN, a xefatura de persoal confunde este concepto co DESPOTISMO, que aplica para determinar as retribucións no Concello da Coruña, volvendo a utilizar de maneira arbitraria as modificacións na RPT, un exemplo máis pode ser  complemento que sempre da lugar á controversia, tanto polo trato discriminatorio sobre os descontos nas ITL(Baixas), nas concesión de compatibilidades, ou o computo horario... a Especial Dedicación(ED), lonxe de abordar un debate serio sobre este complemento, a suman e restan como se dun reparto de caramelos se tratase.

VALORACIÓN DESTA MODIFICACIÓN DA RPT

Se ben é certo que a nova RPT, abre o camiño para a promoción profesional, a valoración da CIG sobre a aprobación desta nova RPT é que asume a arbitrariedade como modelo de xestión, esta maneira de actuar non é nova para nós, pois o negociado de persoal está xestionado pola mesmas persoas dende fai moito tempo.

O que inicialmente tiña que ser unicamente unha modificación a nivel organizativo, e que no debería levar moito para a súa adecuación á nova estrutura política, retrasouse demasiado e  agora a menos de 21 meses das próximas eleccións este goberno municipal, afirma que abordará unha revisión da valoración dos postos desta RPT, se para a proclamada “aotoorganización” necesitou máis da metade do seu mandato, Canto tempo tardará en facer unha valoración dos postos?

Por último, informar que estudiaremos emprender accións legais contra aprobación desta RPT.

José María Calatayud Sánchez con D.I. 18164080-z e enderezo, para os efectos de notificación, nos locais sindicais que a C.I.G. ten no Concello da Coruña, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG.

COMUNICA:

Que o pasado 25 de agosto solicitamos por erro o 1% correspondente  aos meses de xaneiro, febreiro e marzo.

Que o erro foi producido ao revisar unha nómina e dar por finalizada a súa lectura polo pé da páxina onde xa figuraban os totais.

Que trala lectura correcta non atopamos máis novidades ao respecto do complemento de PRODUCTIVIDADE

 

Polo anteriormente exposto

SOLICITO

Que se de por non feita a reclamación referida aos atrasos de xaneiro, febreiro e marzo e aproveitamos para reiterar o solicitado no complemento de PRODUCTIVIDADE.

 

A Coruña, 28 de agosto de  2017

José María Calatayud Sánchez con D.I. 18164080-z e enderezo, para os efectos de notificación, nos locais sindicais que a C.I.G. ten no Concello da Coruña, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG.

COMUNICA:

Que na pasada nómina o persoal municipal percibiu o 1% pendente tanto nas retribucións básicas coma nas retribucións específicas devengado só dende abril de 2017.

Que o complemento de PRODUCTIVIDADE non tivo este incremento, pero sí o de Especial Dedicación(ED), volvendo a producirse outro agravio comparativo entre estes dous complementos.

Que o devandito complemento sufriu o 5% de desconto no 2010 como o resto das retribucións do persoal deste Concello.

Que temos solicitado en moitas ocasións e con distintos gobernos municipais a inclusión deste complemento no factor de responsabilidade, tendo como resposta unha falta de interese pola outra parte da Mesa de Negociación.

 

Polo anteriormente exposto

SOLICITO

Que se retribúa o 1% correspondente  aos meses de xaneiro, febreiro e marzo e que tamén se inclúa o 1% de incremento no complemento de PRODUCTIVIDADE.

Que o complemento de PRODUCTIVIDADE forme parte do factor de responsabilidade (FR) naqueles postos que actualmente non teñen a ED.

 

A Coruña, 25 de agosto de  2017