1.- APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR

Hai varias actas pendentes de aprobación. Explican que están redactándoas e que as enviarán todas xuntas por correo electrónico para a súa revisión e sinatura a vindeira semana.

2.- APROBACIÓN RPT

Informan de que o prazo para as alegacións para a aprobación definitiva da RPT amplíase ao 4 de xuño debido a problemas derivados da aplicación informática. Nese momento a CIG menciona a solicitude que rexistrou no día de onte sobre á aplicación da sentenza que gañou outro sindicato en relación ao recoñecemento do complemento de Atención ao Público (AP1), na que solicitamos que se aplique o dito complemento a unha serie de postos. (LIGAZÓN) NOTA: Debido a solicitudes recibidas por correo electrónico engadimos outros postos a listaxe rexistrada na propia MXN.

A concelleira di que en todo caso,  habería que solicitar ao xulgado unha extensión dos efectos da sentenza, e que non procede a aplicación xa que a demanda interposta polo sindicato xa contemplaba a concesión dese complemento a eses postos e que non foi estimada na sentenza, que o limita a dous postos: auxiliar de estación de autobuses e psicólogo clínico. Na revisión que a CIG fixo da sentenza non é certo que se pedise este complemento para os postos que reclamamos.

A concelleira remite a que a valoración dese complemento deberá facerse nunha nova valoración de postos de traballo. A CIG pregunta o porqué da decisión do Goberno Municipal de non ter recurrido a sentenza, tal e como acostuma a facer co resto de cuestións xudiciais en materia de persoal, a concelleira traslada esta  responsabilidade: “ás estratexias do departamento de Asesoría Xurídica”.

O sindicato demandante, solicita que se recoñeza tamén o dito complemento de Atención ao Público ao posto de Oficial de Estación de Autobuses, ou do contrario deberá deixar de facer a atención. De igual xeito que chama a atención que o Concello non recurrise este fallo e aceptase a cuestión, non deixa de sorprender que este sindicato demandante tampouco recorrese o fallo e aceptara a firmeza da sentenza, cando é evidente que consideran que non satisface as súas pretensións (solicitan o recoñecemento de diversos complementos para mais de 15 postos, mais aceptaron o recoñecemento dun único complemento para tan so dous postos concretos).

3.- PLANIFICACIÓN DA SEGUNDA FASE DO CONCURSO DE TRASLADOS (C1, A2, A1)

Unha semana máis, plantexan un novo cambio de criterios no tócante ao requisito de incluír ou non memoria nos méritos específicos. Despois de ter acordado a semana pasada eliminar a Memoria do concurso, proponse que sí deberán presentar memoria os postos de xefatura/dirección/coordinación  a partir do nivel 24 e en todo caso para os postos a partir do nivel 26.  Dada a improvisación e falta de criterio constante nesta cuestión, a CIG abstívose nesta cuestión mentres que o resto dos sindicatos aceptan a proposta.

Múdase tamén o relativo á formación considerada básica e obrigatoria, e polo tanto, non puntuable,  en materia de igualdade e riscos laborais. Propoñen que nesta fase de concurso considérese “formación básica” a aprobada recentemente no Plan de Formación, que será de 8 horas. Polo tanto, a formación que exceda desa duración, sí se terá en conta e puntuará. Un novo cambio de criterio con respecto aos aprobados para a primeira fase do concurso.

  1. ROLDA DE INTERVENCIÓNS

Ante a petición dalgún sindicato na previsión de prazos para resolver o concurso en todas as súas fases, a concelleira escúdase en que xa non dependerá dela se non da nova persoa que ocupe a concellería, mais que segundo a previsión que ela barallou, non debería de exceder do final de ano.

Dende a CIG solicitamos a remisión do Plan de Formación unha vez tidas en conta as modificacións acordadas na Mesa de Formación. Quedan en remitila de xeito inmediato.