MXN

OPE 2018: achegáronnos un borrador que non é posible aprobalo mentres teñamos prorrogados os orzamentos do estado.  Logo de revisar a documentación e a falta de concretar  o número total que completa a taxa de reposición, falamos tanto das prazas libres como as de promoción interna e no que máis debatemos foi:

-Sobre a diminución de número de prazas de aux administrativos, argumentaron que é pola intención de reconvertelas ao posto de Oficial Administrativo (C1). Nesta proposta convocan 20 prazas de C1, por promoción interna que incrementadas aos dos anos anteriores (2014/15/16/17) fan un total de 39 prazas de promoción ao C1.

-Inclúen nesta proposta a cobertura dos postos do novo Grupo B coma promoción interna, recordoulles que estaba pendente de decidir nunha mesa técnica, porque dende a CIG, consideramos que ao coincidir a equiparación académica das titulacións requiridas no seu momento para o acceso ao subgrupo C1, coas requiridas para o novo grupo B, non supón un cambio de grupo, se non unha adecuación da titulación ao grupo, que debería facerse de xeito automático.

ACORDO MARCO: a concelleira de persoal informounos da intención de acometer un acordo que sirva para regular, aspectos sobre a Carreira Profesional,  a Promoción Interna, a Provisión de Postos(CONCURSO), os aspectos Retributivos e de Xornada. Esperemos que a falta de interese demostrado neste asunto ata agora (incluíndo ao anterior goberno en maioría do Partido Popular) convértase nun acordo consolidado que sexa a garantía para que todo persoal municipal teña incentivos alcanzábeis e non coma ata agora que as melloras salariais non obedecían a criterios transparentes.

BASES CONCURSO: Se ben no apartado anterior parece que todas as partes están da cordo, neste punto non existe unanimidade para consensuar un texto definitivo, estes son os puntos de desencontro:

  • Orde de prelación no caso de desempate CIG, CSIF e CCOO coincidimos en que fora Antigüidade, traballo desenvolvido, cursos de formación e perfeccionamento incluído o Galego. A UGT propuxo a orde do decreto da Xunta, grao persoal consolidado, valoración do traballo desenvolvido, curso de perfeccionamento inclúe o de galego e por último antigüidade. Temos que manifestar que no 5 de febreiro do 2016, a UGT asinou un escrito co resto de sindicato, no que defendía a orde que seguen a propoñer CIG,  CSIF e CC.OO.,  non explicaron a que se debe este cambio de opinión... Sobre isto non hai aínda unha decisión tomada pola Concelleira.
  • Grao persoal consolidado, a CIG propuso a aplicación da legalidade vixente recollida no decreto 93/1991 no seu artigo 10b), que indica que o grao persoal se valorará en razón directa á proximidade do nivel do posto solicitado. O resto de sindicatos e a propia concellería non están pola labor de que este sistema penalice a aqueles que pretenden ocupar postos nun grado inferior ao que teñen consolidado.
  • Acordouse no apartado do traballo desenvolvido, en contra do criterio da CIG, valorar o tempo traballado en Comisións de servizo ate un máximo de dous anos. UGT propuxo que se debería de valorar tamén o tempo traballado en adscricións “irregulares” e tanto nós como a propia concelleira mantivemos o criterio de que non se podían valorar ilegalidades.

OUTRAS REUNIÓNS:

Mesa Técnica Licencias, Permisos e Vacacións: logo de moitas xuntanzas coa xefatura de persoal, estamos a piques de aprobar un regulamento que mellore a interpretación e xestión do exercicio destos dereitos. Nestas negociacións estamos a colaborar todos na mesma liña.

MT de Bombeiros: se ben as reclamacións non son novidades sobre este colectivo (anos levamos...) nesta ocasión a CIG fixo unha presentación moi explícita polo que se consolidou algo tan inxusto como é o factor de perigrosidade que afecta tanto a Bombeiros coma a Policía... de novo hai compromiso de abordar esta cuestión que tanto as Concelleiras de Persoal e de Seguridade entenden que non é correcta, esperemos que isto se solvente para os colectivos mencionados dentro da valoración prometida da RPT. Tamén propuxemos abordar unha promoción interna para o Subgrupo C1; Somos conscientes de que ao ser un corpo xerarquizado isto incidiría nos postos de mandos coma así sucedeu na Policía que ten una lexislación propia, polo que a nosa solicitude foi de atopar as vías legais para acometelo, nas próximas mesas faremos proposta concreta a isto.(sobre isto podedes ter máis información a traves do bombeiro que acudiu como asesor da CIG)

MT de Estación de Autobuses.: Abordamos o calendario anual e as problemáticas que xorden para cubrilo pola falta de persoal, acordamos por unanimidade aprobar una proposta dos traballadores do servizo.

NOTA:  están xurdindo moita preguntas entorno ao se dimitir aos cargos da Xunta de Persoal, se seguimos sendo ou non delegados/as, a resposta é que si o somos e seguimos estando ao voso servizo, coma sempre, no teléfono ext 10141 ou nos propios locais sindicais.

A CIG foi convocada a unha reunión co Alcalde que comezou explicando que iniciaron unha ronda de convocatorias pola solicitude que fixera un sindicato.

Asistentes nesta reunión:

polo GM: o Alcalde Xulio Ferreiro e a Concelleira de Persoal Eugenia Vieto

pola CIG: Ana Filgueiras, Cris Díaz, Roberto Tizón e José María Calatayud

 

Aproveitamos esta reunión para informarlle en primeira persoa do descontento que hai dende a CIG coa xestión que se está a facer dende Persoal e mencionamos varios exemplos:

  • Non respectar os tempos nas distintas negociacións e publicalas sen acordo (Listaxes de Agarda, Plan de Igualdade, retribucións contratos temporais art 63 convenio colectivo)
  • Nas  gratificacións extraordinarias e a pesar de que fixemos proposta nunha MXN (19 maio 2016) para regulalas, estas seguen sendo retribuídas cunha total falta de transparencia por parte de persoal. Temos constatado gratificacións de máis de 3000€ a unha funcionaria co seguinte argumento “...as indemnizacións que o Servizo de Persoal considere adecuadas para remunerar o importante esforzo que realizaba con absoluta responsabilidade...”
  • Ter un dobre criterio para nomeamentos das Comisións de Servizo en función do grupo, do grupo C para baixo mediante concorrencia pública e para arriba a dedo.
  • E derivado disto último, a falta dun concurso de provisión de postos.
  • Falta de execución da totalidade das Ofertas Públicas de Emprego e tendencia a concentralas  nos grupos superiores.

 

Tamén recordamos que ao principio do mandato a CIG propuxo un cronograma de actuación moi claro...1)MODIFICACIÓN ORGANIZATIVA RPT para a continuación un 2)CONCURSO estes sen custe económico para o Goberno Municipal, para posteriormente acometer unha 3)VALORACIÓN REAL DA RPT...Se embargo optouse por adiar as negociacións da modificación organizativa en aras de atender demandas de determinado persoal que gusta da facer “cola de pasillo”, isto incidiu nos tempos para aprobar algo que debería levar pouco e que ao ter modificacións non explicadas suficientemente obrigounos a recurrir no contencioso administrativo.

O Alcalde pediu consenso sindical para axilizar temas expostos na conversa, ao que dende a CIG contestamos que sempre apoiaremos as cuestións dende un punto de vista lóxico e xusto e non só por ter maioría.

Chegado a este punto fixemoslle varias solicitudes relacionadas coas RETRIBUCIÓNS:

  • Concurso de provisión de postos
  • Simplificación da RPT por ter demasiados postos iguais con distintos salarios, actualmente a nosa RPT, semella máis unha Relación de destinos froito de unhas Relacións Persoais...(acabamos de actualizar a infor das CS PREME AQUÍ)
  • Aplicar  na productividade mensual os incrementos retributivos aplicables ao resto das retribucións e a súa inclusión no complemento específico (para que non reciban trato diferente á ED)
  • Paso ao novo grupo B, mediante un proceso de reclasificación e non por promoción interna (pdte mesa técnica)
  • Sobre a carreira profesional, achegámoslle dous regulamentos (Concello Valencia e dun Guadalupe Cáceres) coma exemplos de dous procedementos distintos para chegar a desenvolver a Carreira Profesional, estos documentos poderían servir de base para desenvolver o noso propio.

E outras de carácter SOCIAL:

  • Sobre a recuperación da semana de antigüidade, contestaron que a ían conceder.
  • Requerimos rematar coa modificación do regulamento de axudas económicas que presentou a Xunta de Persoal fai moitos meses, estas negociacións foran paradas no seu día sen ningún tipo de explicacións
  • Sobre o plan de pensións, argumentaron que politicamente están en contra dos plans de pensións privados, que están explorando a posibilidade entre outras de destinar eses cartos ao fondo de acción social, ao que propuxemos que o destinaran directamente a salario.

 

ORZAMENTOS E CADRO DE PERSOAL

Ao respecto dos orzamentos informaron que reservan un 2% de incremento salarial para o 2018, pero na que exclúen outra vez á produtividade mensual, recordámosvos  (nestes enlaces  1% productividade   corrección  na solicitude) a solicitude que fixemos o ano pasado ao respecto...Non dan explicacións do distinto trato que se segue a dar entre os que cobran Productividade e os que non... que combran ED.

Informan dunha reserva de 200.000€ de incremento para a Policía, pero á espera de esquivar os reparos de legalidade que fixo o Interventor Municipal a esta subida e que este gasto sexa autorizado por un organo de tutela na Xunta de Galiza... en ningún momento explicaron en que concepto iría (salario base ou específico), pois non se mencionou ningún cambio na Relación de Postos de Traballo(RPT) que como todos/as sabedes é o documento que determina cales son as nosas retribucións.

Ao respecto do Cadro de Persoal, achegáronnos a previsión para o 2018 e que a CIG testou ao respecto dos 2 anos anteriores PREME AQUÍ, a pesar de que parece que se incrementa a dotación de efectivos, este incremento non é real,  pois son as prazas reservadas para a promoción interna, a tendencia xeral segue sendo a de a diminución nas prazas de grupos inferiores e o incremento nas superiores.

PROMOCIÓNS

O debate que mantivemos coa Concelleira sobre a inclusión dos postos de FP2 como de promoción no lugar de reclasificación como temos solicitado con argumentos totalmente legais (Proposta reclasifiación novo grupo B) levounos a que  a Concelleira solicitara consenso entre todos os sindicatos antes de abordar as cuestións de persoal... curioso argumento esgrimido, pois  nalgunhas cuestións  todos os sindicatos estabamos da cordo dende fai moito tempo e tampouco foron atendidas (unha promoción real de AUX ADM C2  a OFICIAIS ADM C1  por poñer un exemplo) e noutras a pesar de que non todos estabamos da cordo ían adiante... dende a CIG tivemos que recordarlle que as negociacións non funcionaban así e que cada quen pode facer as súas propostas e defendelas como considere, pois os/as traballadores/as do Concello xa farían as oportunas valoracións... recriminámoslle que tiña todo moi paralizado e desatendido, algo que non lles gustou demasiado.

MODIFICACIÓN DA INSTRUCCIÓN DAS LISTAS DE AGARDA

A Concelleira fixo unha proposta para modificar a instrución de substitucións que como recordaredes causou bastante controversia no momento da súa aprobación de maneira unilateral, neste ocasión os cambios propostos foron, reducir a 24 horas o prazo de aceptación do nomeamento e a obrigación de comunicar ao Concello a finalización das causas de suspensión, algo que xa mencionamos no seu momento pero que non foi recollido.

PLAN DE ESTABILIZACIÓN

Déronnos o listado cos 24 postos que finalmente inclúen no proceso de Estabilización, recordamos que a CIG non está da cardo cun proceso de Estabilización Parcial que resulta da aplicación dun acordo UGT-CCOO-CSIF co goberno do PP, no que se acordou unha subida do 1% para o 2017 e se renunciou ao resto das reivindicacións...PODER ADQUISITIVO...NIVEL DE EMPREGO PÚBLICO..ETC

Como xa dixemos con respecto a este asunto só participaremos na negociación das bases do sistemas selectivos que se acorden.

ROLDA DE INTERVENCIÓNS

Como en puntos anteriores cortáronnos as intervencións que lles afeaba a falta de evolución  nas negociacións...Volvemos a recriminarlles a falta de concreción en todas as cuestións que estamos a tratar actualmente e as que foron achegadas fai tempo e que seguen sen resolverse... dende a CIG pedimos explicacións de porque non se nos contestou as alegacións a unhas bases de Cabos do SEIS e si se contestou a outro sindicato...a explicación que nos deron e que nos contestarían máis tarde a pesar de que as alegacións ían no mesmo sentido.

 Acordamos a maiores da Mesa Técnica para abordar o novo Grupo B, convocar ao Comité de Saúde Laboral no que temos cuestións pendentes dende fai moitos meses.

RESUMO CIG MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN

O pasado xoves 26 de outubro fomos convocados a outra Mesa Xeral de Negociación (MXN) co seguinte orde do día:

  1. Aprobación da acta da sesión anterior
  2. Plan de Estabilización do artigo 19.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017
  3. Proposta de acordo sobre cobertura temporal de postos de traballo.
  4. Constitución de Mesas Técnicas para o estudo das bases do concurso e do regulamento de permisos. Vacacións e licenzas.
  5. Rogos e preguntas

 

Primeiro punto: preséntannos unha acta da reunión anterior na que se recollen interpretacións do responsable de actas e non a literalidade do manifestado na mesa, queixámonos contra esta maneira de facer as actas porque,  en ocasións, cambian por completo o sentido do manifestado.

Segundo punto: se nos  expón o plan de estabilización de emprego, baseado no recollido na lei de orzamentos do estado para o 2017 consecuencia do pacto acadado entre CSIF, UGT e CCOO que entre outras cousas supuso que o incremento da retribucións deste ano, só recuperaran o 1% do noso salario roubado. Non estamos dacordo coa implementación deste pacto polos seguintes motivos:

  • Non afecta a totalidade dos postos vacantes ocupados por persoal interino.
  • O persoal que ocupa os postos está en peor situación respecto aos que ocupan postos que non son obxecto de estabilización, pois eles/as de non superar o proceso selectivo estarán cesados/as e o resto non.

A pesar de que o resto das seccións sindicais comparten a nosa visión das consecuencias deste proceso, o asumen por ser un acordo aprobado en Madrid e a nivel autonómico polos seus órganos superiores

Terceiro punto: o Goberno Municipal (GM) no canto de poñer data para a realización do concurso de provisión de postos de traballo, falounos de modificar os criterios para a selección das comisións de servizo (xa sabedes as que non implican xefatura ou postos con ED) incluíndo unha cláusula que obrigue a permanecer no posto acadado por este sistema un tempo mínimo dun ano. Manifestámoslle o noso malestar coa utilización da comisión de servizos como medio normal de cubrir os postos de traballo, cando debía ser un recurso para cobertura de prazas de carácter urxente, como algo estrutural.

Neste capítulo, fixémoslle mención a falta de criterios á hora de rematar as comisións de servizo, unhas se extinguen aos dous anos, como marca a lei, mentras outras non teñen posta data nin intención de poñela para o seu remate.

 

Cuarto punto: acordamos fixar un día  para as mesas técnicas de bases de concurso (luns) e regulamento de permisos, vacacións e licencia (xoves). A falta de ano e medio do remate da lexislatura, comezaremos máis mesas técnicas como a que temos na Policía Local (mércores) dende fai moitos meses...

En roldas de intervención: Como un dos argumentos que usou a Concelleira para avalar o plan estatal de estabilización foi que melloraba as condicións do persoal interino, recordámoslle que persoal estaba a negar o complemento de produtividade a unha parte do interinaxe, coa escusa de ”...en ningún sitio pon que teñan que cobralo...” recordámoslle ao concello que fai máis dun ano inicio negociacións co comité de empresa do concello para dignificar as retribucións do persoal contratado ao abeiro de programas de inserción laboral ou similares e que o ten abandonado como outras moitas cousas no caixón do xastre.

Sumámonos á pregunta que realiza CSIF, sobre o cambio de criterio que elimina a incompatibilidade da Especial Dedicación (ED) coa realización das horas extraordinarias, a resposta que nos dá o GM, é que o complemento de ED é algo que se vai a revisar, pero a realidade é que con este cambio poderíase cobrar horas extraordinarias ademais dun complemento que remunera o exceso de xornada.

Outras cuestións expostas foron, a reclasificación do novo grupo B, as listaxes de voda, as obras do rexistro da Franxa, a situación sanitaria da auga da billa en María Pita, medición de condicións medioambientais na sala de pantallas e solicitude de convocatoria do comité de saúde laboral.

AQUÍ PODEDES ATOPAR UN ENLACE SOBRE A REPRESENTACIÓN SINDICAL NA GALIZA

José María Calatayud Sánchez co DI 18164080z e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña 

 MANIFESTA:

  1. Que o pasado 25 de agosto do 2017 a Xunta de Goberno resolveu as alegacións presentadas á aprobación inicial da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello da Coruña e procedeu a súa aprobación definitiva.
  2. A resolución destas alegacións produciron modificacións na RPT inicialmente aprobada
  3. Co obxecto de poder valorar a motivación dos cambios producidos e a súa adecuación a dereito

SOLICITAMOS:

Que se nos facilite copia integra do expediente da resolución das alegacións contra a RPT resoltas pola xXunta de goberno local o 25 de agosto do 2017

 

A Coruña 7 de setembro   do 2017

O pasado 28 de agosto recibimos da xefa de persoal un correo electrónico sobre a aprobación definitiva da RPT, nel se que incluían respostas as nosas alegacións a RPT.

Logo de analizar estas contestacións, chegamos a conclusión que cando non existen argumentos para defender os cambios realizados fronte as nosas alegacións, utilizan algo tan elástico como é concepto de AUTOORGANIZACIÓN, a xefatura de persoal confunde este concepto co DESPOTISMO, que aplica para determinar as retribucións no Concello da Coruña, volvendo a utilizar de maneira arbitraria as modificacións na RPT, un exemplo máis pode ser  complemento que sempre da lugar á controversia, tanto polo trato discriminatorio sobre os descontos nas ITL(Baixas), nas concesión de compatibilidades, ou o computo horario... a Especial Dedicación(ED), lonxe de abordar un debate serio sobre este complemento, a suman e restan como se dun reparto de caramelos se tratase.

VALORACIÓN DESTA MODIFICACIÓN DA RPT

Se ben é certo que a nova RPT, abre o camiño para a promoción profesional, a valoración da CIG sobre a aprobación desta nova RPT é que asume a arbitrariedade como modelo de xestión, esta maneira de actuar non é nova para nós, pois o negociado de persoal está xestionado pola mesmas persoas dende fai moito tempo.

O que inicialmente tiña que ser unicamente unha modificación a nivel organizativo, e que no debería levar moito para a súa adecuación á nova estrutura política, retrasouse demasiado e  agora a menos de 21 meses das próximas eleccións este goberno municipal, afirma que abordará unha revisión da valoración dos postos desta RPT, se para a proclamada “aotoorganización” necesitou máis da metade do seu mandato, Canto tempo tardará en facer unha valoración dos postos?

Por último, informar que estudiaremos emprender accións legais contra aprobación desta RPT.

REXISTRADO 21 DE XULLO 

José María Calatayud Sánchez con D.I. 18164080-z e enderezo, para os efectos de notificación, nos locais sindicais que a C.I.G. ten no Concello da Coruña, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG. 

COMUNICA

Que o pasado 19 de febreiro de 2016 solicitamos:

“A listaxe dos empregados e empregadas municipais que non ocupen posto en adscrición definitiva e a de aqueles que a pesar de ter un posto en adscrición definitiva ocupan outro posto en comisión de servizos facendo mención en ambos casos do nome do empregado e empregada, do posto de orixe, do posto ocupado en adscrición provisional ou comisión de servizo e a data da resolución que deu orixe á mesma.” 

Que despois de moitas desculpas, a única documentación entregada foi, unha RPT onde se especificaba a situación do posto (ocupada ou vacante) e a situación administrativa deses postos pero non o a listaxe solicitada.

Que dende persoal seguen a promoverse as situacións de adscricións non definitivas.

Que a pesar de que fai meses promóvemos unha negociación para creación das bases do esperado concurso e que xa hai unha RPT en vías de aprobación definitiva, non hai previsión dun proceso de pública concurrencia para a totalidade dos/as empregados/as deste Concello.

Polo anteriormente exposto

SOLICITO

  • Que se nos facilite a listaxe dos empregados e empregadas municipais que non ocupen posto en adscrición definitiva e a de aqueles que a pesar de ter un posto en adscrición definitiva ocupan outro posto en comisión de servizos facendo mención en ambos casos do nome do empregado e empregada, do posto de orixe, do posto ocupado en adscrición provisional ou comisión de servizo e a data da resolución que deu orixe á mesma.
  • Que non se produzan máis comisións de servizo, e que se aborde o demandado concurso de provisión de postos.

A Coruña 21 de xullo de 2017

REXISTRADO 21 DE XULLO 

José María Calatayud Sánchez con D.I. 18164080-z e enderezo, para os efectos de notificación, nos locais sindicais que a C.I.G. ten no Concello da Coruña, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG.

COMUNICA:

Que o 11 de xullo recibimos un correo do servizo de persoal informando que tras as Mesas Xerais de Negociación (MXN) para a creación dunha instrución realizadas en xuño, daban por definitivo un texto que  non foi acordado nin validado polos representantes sindicais.

Que o 17 de xullo presentamos alegacións ao devandito texto.

Que sen mediar contestación as alegacións, o 21 de xullo recibimos un correo masivo onde se informa que foi negociada cos representantes sindicais e da por finalizada a devandita MXN.

Que o incio da negociación desta instrución foi debido á denuncia que fixemos pola xestión ANORMAL dunha lista de agarda para nomeamento de Orientadores/as laborais.

Que dende o 7 de xullo temos solicitado diversa documentación sobre os chamamentos que se produciron para cubrir postos de Orientadores/as Laborais e coa información á que tivemos aceso, podemos afirmar que foi, ou xestionado de maneira moi torpe ou cunha intención de beneficiar a uns integrantes da lista sobre os outros.

Que mentres este goberno municipal é moi exquisito anulando probas e paralizando procesos de selección como a recente de Policía Local, por outro lado non se preocupa de que formen parte dun proceso de negociación representando ao goberno municipal, alguén que se tiña que terse inhibido por ter un familiar directo que habitualmente forma parte destas listas.

Que a maiores de todo isto, na web municipal na que se publican os procesos de selección de persoal están desaparecendo convocatorias moi recentes e nalgúns casos como é a de ADL, nunca foi publicada a listaxe coas puntuacións finais de todos/as os/as participantes  e que segundo as propias bases (publicadas no seu día), podería dar lugar a unha lista de agarda deste posto.

Polo anteriormente exposto

SOLICITAMOS

  • Que se atenda a solicitude de documentación do 7 de xullo relacionada co proceso de Orientadores/as Laborais.
  • Que se atendan as alegacións presentadas o pasado 17 de xullo.
  • Que se publique o resultado final do proceso de ADL
  • Que en aras da transparencia, se publiquen todos os procesos de selección de persoal que tiveron lugar dous anos atrás.

A Coruña, 21 de xullo de  2017

 

Alegacións listas de agarda

publicación web municipal

Aquí podedes atopar as alegacións a RPT presentada pola Sección Sindical da CIG.

Nesta nova achegámosvos toda a documentación relacionada coa modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e que durante estas semanas estivo a exposición pública no servizo de Persoal só en papel, fixemos unha solicitude en soporte dixital que publicamos aquí tal e como nola entregaron o pasado venres 2 de xuño. Nela podedes atopar as motivacións dos cambios efectuados, tamén aparecen uns informes das actas das Mesas Xerais de Negociación (MXN) que non foron enviados aos sindicatos e que a CIG non vai a asumir, pois non se adecúan na totalidade do acontecido nin aparecen os documentos que a CIG presentou nas mesmas.

DOCUMENTACIÓN

XERAL

POR SERVIZOS

 

A Coruña 5 de xuño de 2017