A xustiza volve darlle a razón á CIG e anula outra comisión de servizo no Concello da Coruña

A Coruña, a 10 de maio de 2022

Se no mes de abril era o Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 o que anulaba tres comisións de servizo na área de Servizos Sociais por falta de transparencia nos criterios de avaliación, esta semana o TSXG emitiu sentenza pola que bota abaixo a resolución  do Concello da Coruña pola cal se nomea outra comisión LIGAZÓN , neste caso na Xefatura de Infraestruturas, ao entender que esta praza debería terse incluído na convocatoria do concurso ordinario de méritos para a súa cobertura mediante este procedemento.

Para a sección sindical da CIG esta nova resolución xudicial "pon ás claras" o uso que está a facer o Goberno municipal da Coruña coas comisións de servizo "como un sistema para premiar a persoas afíns ou castigar a determinado persoal que non é do seu gusto". Explican que "se a anterior sentenza sacáballe ás cores á xestión en canto aos baremos utilizados, nesta ocasión é polos tempos".

"O TSXG non acepta o manido argumento da urxente e inaprazábel necesidade de cobertura do servizo ao que sempre recorre o Concello e entende que a praza de Técnico de Patrimonio en cuestión debería terse incluído no concurso ordinario de méritos". Concurso que, apunta a representación da CIG,  foi publicado no BOP tan só un mes despois de terse anunciado na web do Concello a convocatoria da comisión.

De feito, o TSXG incide en que a urxente necesidade de ocupar a vacante alegada polo Goberno "só xurdiu unha vez publicado o concurso e as prazas incluídas neste", entre as que non estaba o posto denunciado. É máis, a sentenza recalca que a praza permanecía vacante dende a súa creación no ano 2017, polo que non existían motivos para non incorporala no concurso ordinario de méritos.

Hai que subliñar que a convocatoria do concurso aprobouse en maio de 2020, pero posteriormente houbo dúas modificacións das bases a respecto dos postos a cubrir, a última delas publicada o 9 de xullo de 2020. Isto é, un día antes de que se anunciara a convocatoria para a cobertura mediante proceso extraordinario da praza de Técnico de Patrimonio. 

Con esta nova sentenza na man, a sección sindical da CIG insta o Goberno municipal a mudar a súa política laboral e a respectar a legalidade; así como demándalle ao concelleiro de Persoal que deixe de xogar a confundir coa súas declaracións e a tentar descualificar a representación dos traballadores e das traballadoras.

Neste senso, subliñan que as comisións de servizos son un medio de cobertura de postos extraordinario cuxo uso debe estar limitado e a súa urxencia debidamente xustificada. Pero, como a CIG leva anos denunciando na vía xudicial, no Concello da Coruña practícase un abuso na utilización das comisións que ademais de xerar inseguridade xurídica, bloquea a carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas das administracións.

Respecto á nota de prensa que onte enviamos aos medios de comunicación e, á vista da resposta que da un representante do GOBERNO DE INÉS REY, que afirma nos medios o seguinte:

“acusó a los “representantes” sindicales de desconocer “la diferencia entre un procedimiento de libre designación y una comisión de servicio”

Na CIG temos tan clara a diferenza entre os dous procedementos que van moitísimos anos que non recorremos un nomeamento polo sistema de LD. Cremos recordar que a ultima denuncia de LD realizada pola CIG tiña que ver cunha xefatura de servizos sociais que estando reservada a funcionarios o Goberno Socialista daquela época pretendía adxudicarlla a alguén que non tiña esta condición. Por certo, gañamos o recurso e a persoa nomeada tivo que ser cesada.

Recordar tamén que a ultima denuncia contra a LD a fixo unha asociación de funcionarios deste concello contra o nomeamento das xefaturas de servizo por este sistema, sentenza que tamén gañaron e que obrigou a adaptar a RPT. Magoa que o resultado desta denuncia sexa que parte das denunciantes ocupen estes postos en comisión de servizo, no lugar dun proceso de provisión definitivo.

Cremos que quen traslada a confusión aos medios o fai porque prefire seguir agochando a realidade e enganando á cidadanía.

Neste Concello temos un histórico no tema das comisións de servizo amplamente denunciado pola CIG. A sentenza de onte é unha máis.

A realidade das COMISIÓNS DE SERVIZO non está en cuestión, na CIG temos moi claro que é un sistema utilizado polo goberno actual para premiar ou castigar aos seus amigos/inimigos. Recordade o cese que leva unha tempada nos medios, ou incluso colocar a membros das súas listas electorais.

Por isto resúltanos curioso que existindo unha recente SENTENZA (promovida por funcionarios) gañada contra unha LIBRE DESIGNACIÓN deste concello (en favor dunha persoa que conformaba a candidatura do PSOE local encabezada por Inés Rey) fagan este tipo de chamada de atención... Quen está confundido ou xoga a confundir?

A xustiza anula o nomeamento de tres comisións de servizos no Concello da Coruña por falta de motivación

Determina que non houbo transparencia no proceso de selección ao descoñecéronse os criterios de valoración dos méritos

A Coruña, a 27 de abril de 2022:- O xulgado do contencioso administrativo nº4 da Coruña declarou non conforme a dereito a resolución pola que o Concello da Coruña cubriu tres postos de dirección en Servizos Sociais mediante o procedemento de comisión de servizo. A sentenza LIGAZÓN conclúe que na súa decisión o Goberno municipal non foi transparente e incluso entende que os criterios de valoración empregados foron elaborados para cada caso especificamente, sen que existiran baremos homoxéneos, cuantificábeis e computábeis.

Sobre a falta de transparencia, na propia sentenza sublíñase que o Concello publicou a convocatoria das vacantes para a súa cobertura polo sistema de provisión, pero despois non fixo público nin notificou ás restantes 14 persoas interesadas o resultado da selección, impedindo así que estas coñeceran os motivos polos que se elixiron a determinadas funcionarias e funcionarios para cubrir as comisións.

Con este proceder, puntualiza a sentenza, o Concello faltou ao deber de transparencia e obxectividade que debe rexer as súas decisións. Que as comisións se ían dar a determinadas persoas previamente elixidas, evidénciase no feito de que na publicación da convocatoria o Concello da Coruña deixou en branco o apartado de méritos que se terían en conta para acceder ao posto. Isto implica, engade o auto, "que os méritos se estableceron con posterioridades a coñecer quen se presentaba e que currículo presentaba, o que pode favorecer que os méritos se poidan establecer ad hoc para determinado persoal".

Uso retorcido das comisións

A sección sindical da CIG critica o "uso retorcido" que o Goberno de Inés Rey fai da provisión de postos pola vía das comisións de servizo e que, a pesar das denuncias xudiciais e das advertencias, segue sen cumprirse coa obrigada transparencia. E acusa ao Goberno da socialista Inés Rey de escudarse na auto-organización e na lei de protección de datos para non facilitar información á representación do persoal sobre as adxudicacións das comisións.

Neste senso, explican que coa intención de darlle unha aparente transparencia á discrecionalidade coa que se sigue actuando, en outubro de 2020 o Goberno municipal aprobou, sen ningún tipo de consenso, a Instrución 3/2020: un procedemento interno de xestións dos procesos de comisión de servizo que tiña como obxecto axilizalos e establecer os supostos nos que se procedería á provisión de postos.

Pero a realidade deste artificio "é a de vestir administrativamente un procedemento no que non figura nela ningún tipo de baremo, deixando todo ao informe dun responsábel e ao que até o de agora non se lle daba publicidade".

De maneira parcial e, tamén a raíz da denuncia no xulgado dunha delegada sindical da CIG, a sección sindical tivo acceso á documentación dalgunhas das comisións de servizo. "Esta información permítenos afirmar que  os nomeamentos que se puideron dar dende outubro de 2020, veñen derivados de valoracións non aclaradas nos informes quedando a parte de méritos taxábeis en meras anécdotas. Isto pode dar como resultado un traxe a medida, algo máis difícil de xustificar nun concurso ordinario", advirten.

Da información que o xulgado lle obrigou ao Concello a facilitar derivouse un proceso contencioso-administrativo contra a resolución baseada nos expedientes dos que a CIG ten coñecemento e que deu á razón á central sindical ao detectar o “incumprimento no deber de transparencia pola falta de comunicación ás interesadas polo que resulta imposible controlar a obxectividade das eleccións realizadas”.

Esta actuación do Concello obriga o persoal funcionario a ter que acudir ao xulgado pola ocultación de información, a discrecionalidade nos nomeamentos de postos ou outras circunstancia que atentan aos dereitos do persoal, co conseguinte posible custe económico e emocional.

Agardando que sexa do voso interese, un cordial saúdo.

Na seguinte LIGAZÓN podedes consultar a Sentenza 00017/2022 do Contencioso Administrativo núm 4 de febreiro de 2022 que recoñece o dereito a recibir a información solicitada (e sempre denegada) sobre as COMISIÓNS DE SERVIZO

Na seginte Ligazón podedes acceder ao auto que o xulgado contencioso administrativo número 2, enviou ao concello o martes 23 de novembro sobre  AS COMISIÓNS DE SERVIZO, nel o  empraza a continuar ca execución da senteneza e o informe no máis breve prazo a resolución defintitiva e firme da fase de concurso que afecta ao grupo A.

Despois de que no 2020 solicitaramos a execución da sentenza das COMISIÓNS DE SERVIZO sen éxito, recentemente e despois de reiterar a nosa petición no contencioso administrativo a primeiros de 2021, conseguimos que o xulgado pedira explicacións ao Concello da Coruña de como estaba a resolverse a sentenza.

Na seguinte LIGAZÓN podedes consultar o informe de persoal achegado ao xulgado,  documento onde se mencionan os postos ocupados en COMISIÓN DE SERVIZOS denunciados en 2018 e o estado actual; Termina este informe cunha data prevista de finalización da convocatoria para o grupo A o 31 de outubro de 2021. A CIG exixirá o cumprimento desta contestación ao xulgado.

Porén nada se sabe de datas para adxudicación definitiva (CE ou LD) daqueles postos de XEFATURAS DE SERVIZO que logo dos bailes que coñeceredes seguen en COMISIÓN DE SERVIZO.

Para tratarse dunha sentenza que versa sobre a caducidade de 2 anos das COMISIÓNS DE SERVIZO, non nos parece razoable que o Concello da Coruña faga abuso de tempos nos distintos procedementos administrativos para alongar todo o posible as adxudicacións definitivas, incluso argumentando prudencia xudicial con algunhas sentenzas cando non aplica a aoutras... dependerá dos/as litigantes?

Aquí podedes consultar LIGAZÓN a execución da sentenza a PETICIÓN DA CIG das COMISIÓNS DE SERVIZO notificada o pasado 21 de maio pola que acorda:

-Requerir al Concello de A Coruña para que en un plazo máximo de QUINCE DÍAS desde la notificación de la presente resolución, aporte información detallada e individualizada de cada uno de los puestos de trabajo objeto de la presente ejecución debiendo, respecto de cada uno de ellos, dar cuenta primero de su inclusión en una convocatoria, segundo el estado de dicha convocatoria y tercero la fecha previsible de resolución de la misma, todo ello bajo los apercibimientos legales del artículo 112 de la LJCA

Aqui podedes consultar a listaxe das COMISIÓNS DE SERVIZO de pasadas lexislaturas despois do ÚNICO CONCURSO que abarcou a todos os grupos e categorías da nosa RPT

LIGAZÓN

 

DATA, HORA E NUMERO DE REXISTRO
16/03/2021 15:36:30 nº22608

Jose María Calatayud Sánchez con DI xxxxxx e enderezo para os efectos de notificación nos locais que a CIG ocupa no pazo de María Pita, na miña calidade de Secretario da Sección Sindical da CIG no concello da Coruña

DIGO:

Que solicitei por rexistro electrónico o 30/10/2020 as  13:15:08 co número de rexistro nº55416, unha convocatoria dunha MXN para a negociación dunhas bases xerais a rexer nos procesos de provisión de postos para a cobertura temporal mediante comisión de servizos e o procedemento a seguir nestes casos.

Que solicitei en numerosas ocasións o estado das COMISIÓNS DE SERVIZO, en canto aos titulares, duración e motivacións, a última o 18/01/2021 13:03:56 co número de rexistro nº4074

Que a día de hoxe nin se negociaron unhas bases para a provisión de postos para a cobertura temporal (COMISIÓNS DE SERVIZO) nin se publicou ou achegou a información sobre a totalidade das coberturas.

Que o pasado 12 de marzo de 2021 o servizo de persoal fixo publica unha INSTRUCIÓN 3/2020: PROCEDEMENTO INTERNO DE XESTIÓN DOS PROCESOS DE PROVISIÓN TEMPORAL DE POSTOS DE TRABALLO NO CONCELLO DA CORUÑA datada no documento co 16 de outubro de 2020 e asinado eletrónicamente polo concelleiro de persoal José Manuel Lage Tuñas o 23 de outubro de 2020.

Que dentro de esta instrución aparecen uns Criterios xerais para a provisión temporal de postos

  • Méritos xerais: Obedecerán a elementos relativos á traxectoria profesional dos candidatos, e, en todo caso, antigüidade e grao persoal consolidado.
  • Méritos específicos: Obedecerán á vinculación da dita traxectoria profesional, académica e persoal aos requisitos, habilidades e necesidades específicas do posto. Nomeadamente, as especializacións que fagan ao candidato especialmente idóneo para as necesidades de provisión temporal a satisfacer.

Que os algúns méritos incluídos non se poden achegar a ningún tipo de criterio obxectivo nin se coñece cales prevalecen sobre outros, facendo de facto un nomeamento a dedo.

Que esta instrución non foi  negociada, e apareceu o 12 de marzo no portal ALFRESCO como feito consumado o que para nós constitúe unha vulneración do deber legal de negociación segundo o artigo 37 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, sobre as materias obxecto de negociación, que dispón:

  1. Serán obxecto de negociación, no seu ámbito respectivo e en relación coas competencias de cada Administración Pública e co alcance que legalmente proceda en cada caso, as materias seguintes:

(...)
c) Las normas que fijen los criterios generales en materia de acceso, carrera, provisión, sistemas de clasificación de puestos de trabajo, y planes e instrumentos de planificación de recursos humanos

Quere dicir iso, en consecuencia, que nos atopamos no presente caso en presenza de materia suxeita a negociación, a súa ausencia só pode xustificarse ben por quedar dita materia integramente delimitada por unha negociación anterior, ou por tratarse de cuestións que aínda que están relacionadas co obxecto de negociación, o que non acontece.

Polo anteriormente exposto

SOLICITO:

Que se teña por presentado este recurso de REPOSICIÓN e tralos tramites legais oportunos, se deixe sin aplicación a  INSTRUCCIÓN 3/2020 do Concelleiro delegado de Economía, Facenda e Réxime Interior pola que se estableceron os méritos para a cobertura de provisión de postos temporais.

Que se nos convoque aos/as representantes dos/as traballadores/as a unha Mesa Xeral de Negociación para negociar unhas bases de para a provisión de postos para a cobertura temporal (COMISIÓNS DE SERVIZO)

A Coruña, 16 de marzo de 2021

Ao coidado do Concelleiro Delegado de Persoal do Concello da Coruña

Cód. asento      Data e hora do rexistro
RMPE150356    18/01/2021 13:03:56

José María Calatayud Sánchez co DI XXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretario da sección sindical da CIG no concello da Coruña 

MANIFESTA: 

Que esta sección sindical leva reclamando dende o ano 2019 información sobre as comisións de servizo que se están a producir de maneira alarmante nesta administración así como das renovacións de comisións de servizo que exceden os dous anos.

Que o concello só publica convocatorias abertas sen motivar as urxencias e necesidades nin as motivacións que dan lugar a nomeamento dalgunhas persoas sobre outras, motivacións que tamén temos solicitadas baseándonos en sentenzas do Tribunal Supremo (rec 1594/2017)

Que a única información facilitada ata o día de hoxe foi do día 22 de decembro é:

  • Unha relación de 40 postos nos que figura o número de aspirantes (non identificados) o aspirante proposto sin ningun tipo de valoración por medio e a data de resolución do nomeamento.

Esta información facilitada polo servizo de persoal na data indicada, dista moito do solicitado, tendo en conta que a relación que dende este sindicato estase a seguir polas publicacións no portal de Alfresco supera os 140 procesos de selección para comisións de servizo e ademais non aporta ningún tipo de motivación en canto as urxencias das convocatorias ou a idoneidade dos nomeamentos.

Polo anteriormente exposto e en base a sentenza anteriormente mencionada e ao artigo 9 da lei 9/1987:

SOLICITO:

  • Todas as resolucións de todos os nomeamentos en comisión de servizo deste concello dende o 24 de xuño de 2019.
  • As motivacións da urxencia e necesidade para cubrir os postos en comisión de servizo.
  • Os criterios utilizados para a selección de aspirantes a postos en comisión de servizo
  • As motivacións que na fase de valoración deron lugar aos distintos nomeamentos.
  • Información  sobre calquera tipo de cambio na situación administrativa do persoal, incluíndo dentro deste concepto comisións de servizo, adscricións provisionais, e traslados dentro dos diferentes postos de traballo sen que medie modificación da situación administrativa.

A Coruña a  18 de xaneiro de 2021

SRA. ALCALDESA DO CONCELLO DA CORUÑA

SENTENZA SOBRE A MOTIVACIÓN NOS NOMEAMENTOS EN COMISIÓNS DE SERVIZO CANDO CONCURREN VARIOS/AS CANDIDATOS/AS 

SENTENZA SOBRE Á INFORMACIÓN QUE A ADMINISTRACIÓN TEN QUE FACILITAR AS/OS REPRESENTANTES DAS/DOS TRABALLADORAS/ES (aplicable tamén as CS)