imprimir

A xustiza volve darlle a razón á CIG e anula outra comisión de servizo no Concello da Coruña

A Coruña, a 10 de maio de 2022

Se no mes de abril era o Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 o que anulaba tres comisións de servizo na área de Servizos Sociais por falta de transparencia nos criterios de avaliación, esta semana o TSXG emitiu sentenza pola que bota abaixo a resolución  do Concello da Coruña pola cal se nomea outra comisión LIGAZÓN , neste caso na Xefatura de Infraestruturas, ao entender que esta praza debería terse incluído na convocatoria do concurso ordinario de méritos para a súa cobertura mediante este procedemento.

Para a sección sindical da CIG esta nova resolución xudicial "pon ás claras" o uso que está a facer o Goberno municipal da Coruña coas comisións de servizo "como un sistema para premiar a persoas afíns ou castigar a determinado persoal que non é do seu gusto". Explican que "se a anterior sentenza sacáballe ás cores á xestión en canto aos baremos utilizados, nesta ocasión é polos tempos".

"O TSXG non acepta o manido argumento da urxente e inaprazábel necesidade de cobertura do servizo ao que sempre recorre o Concello e entende que a praza de Técnico de Patrimonio en cuestión debería terse incluído no concurso ordinario de méritos". Concurso que, apunta a representación da CIG,  foi publicado no BOP tan só un mes despois de terse anunciado na web do Concello a convocatoria da comisión.

De feito, o TSXG incide en que a urxente necesidade de ocupar a vacante alegada polo Goberno "só xurdiu unha vez publicado o concurso e as prazas incluídas neste", entre as que non estaba o posto denunciado. É máis, a sentenza recalca que a praza permanecía vacante dende a súa creación no ano 2017, polo que non existían motivos para non incorporala no concurso ordinario de méritos.

Hai que subliñar que a convocatoria do concurso aprobouse en maio de 2020, pero posteriormente houbo dúas modificacións das bases a respecto dos postos a cubrir, a última delas publicada o 9 de xullo de 2020. Isto é, un día antes de que se anunciara a convocatoria para a cobertura mediante proceso extraordinario da praza de Técnico de Patrimonio. 

Con esta nova sentenza na man, a sección sindical da CIG insta o Goberno municipal a mudar a súa política laboral e a respectar a legalidade; así como demándalle ao concelleiro de Persoal que deixe de xogar a confundir coa súas declaracións e a tentar descualificar a representación dos traballadores e das traballadoras.

Neste senso, subliñan que as comisións de servizos son un medio de cobertura de postos extraordinario cuxo uso debe estar limitado e a súa urxencia debidamente xustificada. Pero, como a CIG leva anos denunciando na vía xudicial, no Concello da Coruña practícase un abuso na utilización das comisións que ademais de xerar inseguridade xurídica, bloquea a carreira profesional á que teñen dereitos todos os empregados e empregadas das administracións.

Categoría: cs
Visitas: 714