AO COIDADO DO PLENO DA XUNTA DE PERSOAL

PARA INCLUIR NA ACTA DO PLENO DO 28 DE NOVEMBRO

Dende o principio da singradura do regulamento de axudas económicas do Concello da Coruña as diferentes Xuntas de Persoal que tiveron que aplicalo mantiveron , con absoluta claridade, que non serian obxecto desta axudas nin os tratamentos cubertos pola Seguridade Social  (SS) nin os medicamentos.

Acordamos que non se aboarían  aos tratamentos cubertos pola SS por dous motivos , o primeiro é que, como empregados públicos, considerabamos que tiñamos o deber de defender a sanidade pública  e o segundo por que o acceso a medicina privada non está ao alcance da totalidade dos nosos compañeiros e polo tanto, de facelo, estariamos discriminando ao persoal municipal en función dos seus ingresos.

O motivo de decidir non incluír  os medicamentos foi que, tanto os que forman parte do catalogo da SS como os que non, implican a realización dun gasto e non seria xusto cubrir uns e outros non (caso dos enfermos crónicos, que ao longo do ano gasta máis en medicamentos cubertos pola SS que aquel que precisa un medicamento concreto nun momento determinado, aínda que non este cuberto pola SS).

 No seu momento chegouse á conclusión de que seria materialmente imposible a xestión e comprobación do gasto farmacéutico da, moi posiblemente,  totalidade das unidades familiares que conforman o persoal municipal.

Que nos recordemos, estes criterios so se obviaron en dúas ocasións, a primeira para aboar un tratamento experimental para un compañeiro enfermo de cancro, e a segunda para aboar unha operación de cancro de mama nunha clínica privada sen xustificación algunha, neste último caso co voto en contra da CIG que como acto de protesta non volveu a participar da xestión das axudas no resto do mandato desa Xunta de Persoal.

Para poder optar a recibir axuda por tratamentos médicos non cubertos pola SS era preciso que, despois de ter feito o recorrido posible no servizo público de saúde, o teu médico da SS recomendara a utilización doutro procedemento ou tratamento.

Dende o inicio deste mandato o Pleno da Xunta de persoal empezou a mudar os criterios descritos con anterioridade e, co argumento de que se debería aplicar o regulamento no seu teor literal, que non impedía expresamente aboar medicamentos, decidiu aboar as vacinas non cubertas pola SS. Non fomos quen de evitalo, pero conseguimos introducir o criterio de que para aboarse debería existir unha enfermidade preexistente  que fixese necesaria esa vacinación. O ano pasado déronlle outra volta e, de novo en contra do noso criterio, aboáronse medicamentos estimulantes da erección,que non estaban cubertos pola SS, un sistema de control da glicosa diferente ao facilitado polo servizo público de saúde e obviouse  o requisito de enfermidade preexistente  nas vacinas.

Este ano repetiuse a mesma canción e volvéronse a relaxar os criterios para darlle validez aos informes médicos, repetindo a axuda para o aparello para medir a glicosa e aboando vacinas sen existir enfermidade preexistentes. Debemos mencionar que, tal  e como avisamos que pasaría, se solicitaron axudas para medicamentos cubertos e non cubertos pola SS que non foron atendidos polo Pleno da Xunta de Persoal. Onde está a aplicación literal do regulamento?, qué diferenzas hai entre as medicinas para que unhas se aboen e outras non?, si se aceptan informes médicos que recomenden  ou  indiquen a necesidade de saltarse o procedemento ou tratamento da SS sen explicar porqué, como se enfrontaran operacións realizadas fora da SS que custan miles de €?, se lle adiantará o diñeiro aos compañeiros que non teñan capacidade económica para facer fronte ao gasto para evitar a discriminación en función dos ingresos?

Os delegados/as da CIG quedamos sós unha vez mais na defensa dos criterios iniciais de interpretación do regulamento de axudas póndose de manifesto que o noso posicionamento é contrario á totalidade do resto da Xunta de  Persoal, nestas circunstancias consideramos que non debemos asumir cargos de goberno dentro deste órgano de representación que poidan dar a entender que somos participes destas decisións e polo tanto presentamos  as dimisións irrevogábeis que a continuación se relacionan:

  • Ana Filgueiras Espasandín ao cargo de vicesecretaria.
  • Mª Elena Iglesias Deza ao cargo de tesoureira.
  • Roberto Tizón Miguéns ao cargo de presidente.

  A Coruña 24 de novembro do 2017.

Asdo.: Ana Filgueiras Espasandín.    Asdo.: Elena iglesias Deza     Asdo.: Roberto Tizón Miguéns.

           Vicesecretaria                                      Tesoureira                              Presidente.