imprimir

REUNIÓN DA MESA DE NEGOCIACIÓN DO CONCELLO DA CORUÑA DO DIA 30 DE NOVEMBRO DO 2021

Instrución sobre teletraballo: Aprobouse por unanimidade a instrución sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo no que se recolle, entre outras cousas:

Poderá prestarse ata un máximo do 40% da xornada semanal nesta modalidade, un 20% menos que na administración do estado.

Deberá establecerse na RPT que postos son susceptibles de ser exercidos en teletraballo

O concello proporcionará o equipamento informático necesario (por razóns orzamentarias durante un período transitorio , sen determinar,serán as persoas solicitantes as que deben achegar os medios informáticos) e mirarán como compensar os gastos do teletraballo.

O espazo de traballo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais


A mesa xeral de negociación do día de hoxe será recordada como a do dia en que os traballadores en activo expulsaron aos seus compañeiros pensionistas e xubilados do ámbito de aplicación do Regulamento de Axudas Sociais do concello da Coruña, compañeiros xubilados que durante a súa vida laboral non tiveron ningún inconveniente en compartir unha parte do seu salario cos cónxuxes e fillos do resto dos empregados. Hoxe, cando xa non se poden defender, foron apartados do último vinculo que os unía a esta administración co único obxectivo de saciar a avaricia de algúns e engordar o ego de outros.

Pero a expulsión de pensionistas e xubilados, presentes e futuros, deste regulamento non foi o único cambio radical que sufriu o regulamento de axudas xa que tamén se modificaron as táboas para determinar o porcentaxe do gasto suxeito a axuda beneficiando con este cambio ás unidades familiares con mais ingresos, e se lle dará validez aos informes dos médicos privados para xustificar a necesidade dos gastos,

Dende o principio da negociación deste regulamento UGT estivo de acordo con estes cambios mostrándose en contra CSIF CCOO e CIG, hoxe á hora de votar os representantes da CSIF cambiaron o seu sentido do voto e avalaron este cambio. A explicación do cambio fíxose clara ao tratar o punto seguinte da orde do día.

O concelleiro informounos que quedara deserto o concurso da Relación de Postos de Traballo e para compensar que xa non dará tempo nesta lexislatura de rematar a nova valoración de postos ía abordar por fases a mellora de factores de carácter retributivo para compensar, a saber:

A primeira parte negociaríase no primeiro trimestre do vindeiro ano e a segunda parte no trimestre seguinte. Si tomamos como exemplo o tempo que lles leva executar a sentenza das comisións de servizo ou a realización dos concursos, é facil que non se poida aplicar nesta lexislatura .

A CIG manifestou que , como sempre sostivo, e como a maioría das seccións sindicais mantiveron nas distintas xuntas de persoal celebradas en meses anteriores, se debería empezar por aquilo que afectara ao maior número de empregados como era a carreira profesional que afectaba á totalidade do persoal. Debedes saber que a Sección Sindical da CIG nesta mesa de negociación foi a única que mantivo a súa postura, como non podía ser doutro xeito.

Lembrouse unha vella petición da totalidade dos sindicatos que é a de incluír no especifico a produtividade mensual.

O concelleiro dixo que ía empezar polo que xa estaba practicamente resolto e que non ía cambiar a súa orde proposta.

Dende a CIG pedímoslle ao concelleiro que fixera de vez o da perigosidade e o da produtividade e logo nos puxeramos xa coa carreira profesional, esta non é a súa prioridade. Saberemos si esta proposta, conseguida como moeda de cambio, ten resultados prácticos cando vexamos os orzamentos deste concello para o 2022.

Para rematar falou o concelleiro de que ían facer promoción do A2 ao A1 en Bibliotecas e unhas promocións en Bombeiros e que para o ano que ven se sacarían á OPE tódalas vacantes que se produzan este ano.


Non entendemos como un goberno que se define como socialista pode desentenderse dos xubilados, adoptar medidas de cómputo que benefician aos que mais cobran, promocionar a educación infantil privada ou equiparar os intereses da medicina privada cos servizos públicos de saúde.

Estase a producir neste concello unha Baltarización da xestión do persoal, ao mais puro estilo ourensán, repártense postos e retribucións en comisións de servizo en contra dos intereses da propia administración ( rotación excesiva deste persoal que lle impide desenvolver os postos do xeito mais eficaz) ou repartindo produtividades con xustificacións espurias. O mais grave disto e que algúns dos que debería defender os intereses da totalidade dos empregados son beneficiarios deste sistema.

Convocará a señora alcaldesa aos compañeiros que se xubilaron este ano para agradecerlles os servizos prestados antes de darlles unha...............................

Neste momento de incremento dos contaxios polo Covid non atopamos explicación a convocatoria realizada pola señora alcaldesa para realizar un ágape con +-1500 posibles asistentes coas consecuencias que un brote nese contexto suporían para o funcionamento do concello. Gustaríanos moito neste asunto coñecer a opinión dalgún dos colectivos que durante a primeira fase da pandemia fartáronse de falar de grupos burbulla, de evitar contactos nos solapes, medidas de protección individual..................

Categoría: MXN
Visitas: 973