Este xoves está convocada a Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas para tratar os Orzamentos Xerais do Estado para 2016
A CIG (como central sindical con maior representación nas administracións públicas con presenza en Galiza) está convocada á Mesa Xeral na que se tratarán os aspectos contidos na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2016 que afectan ao persoal das administracións, tales como as cuestións retributivas ou a oferta de emprego público.
Para a Área Pública da CIG, unha vez máis, o Goberno nin sequera acerta nas formas, xa que as centrais sindicais asistirán a esa mesa de negociación sen coñecer unha proposta concreta. “Acudiremos sabendo só dos anuncios e noticias que, descaradamente, son transmitidos aos medios de comunicación coa finalidade de manipular a opinión pública sobre a falsa recuperación de dereitos e condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos, así como a falsa recuperación de servizos públicos”.
A orde do día, critica Maricarme López Santamariña, voceira da CIG-Área Pública, resulta como sempre xenérica e “oca de contido”. O que, entende, pon de manifesto a nula vontade negociadora “e xa nos adianta que a postura do Goberno é puramente estética e falsa”.
Recuperar os dereitos e defender os servizos públicos
Á espera das “imposicións” que vaia expoñer o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, á CIG solicitará na Mesa Xeral, novamente, a recuperación dos dereitos laborais e salariais subtraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.
Neste senso, a central nacionalista demandará ao Goberno de Rajoy que levante a limitación ás taxas de reposición, estabelecendo as reposicións ao 100%, mais tamén contemplando plans de recuperacións “para todos os servizos que se encontran en situación de colapso e mesmo xa están desaparecidos”.
De igual xeito, reivindicarase que se garanta o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores, con incrementos salariais e a devolución, até a súa totalidade, da paga extraordinaria de decembro do 2012. Sobre esta cuestión, a CIG tamén solicitará da administración do Estado que obrigue á Xunta de Galiza a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos” e que supoñen unha discriminación salarial a respecto do persoal ao servizo doutras administracións.
Xunto a isto, a Área Pública da CIG “seguirá apostando pola mobilización do persoal dos servizos públicos, e da sociedade en xeral, para cambiar estas posturas políticas de raíz e facer defensa dos postos de traballo, condicións laborais e mantemento e reposición dos servizos públicos tan necesarios no momento actual”.