NOTA ENVIADA AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

Dende a sección sindical da CIG no concello da Coruña queremos mostrar a nosa indignación polo acontecido no pleno da Corporación Municipal celebrado onte no relativo ao reintegro do 26.23% da paga extra de decembro do 2012Indignación contra o PP pola ausencia de dous dos seus concelleiros , o que fixo innecesario que o PSOE apoiase o voto en contra da Marea.  Indignación contra o PSOE por non manter o compromiso que tiña manifestado aos sindicatos e absterse na votación tratando de eludir a súa responsabilidade. E indignación contra o Goberno Municipal por non manter o compromiso manifestado pola concelleira de facenda de realizar o pagamento neste ano, tan pronto como fora posible.

Estamos indignados co Goberno Municipal pola falta de correspondencia entre o que din e o que fan, non se pode dicir que se está a favor da clase traballadora, en contra das medidas adoptadas polo Goberno do PP e mes e medio despois da publicación dunha lei que permite recuperar parte dos recortes, neste concello este sen aplicar, cando así o fixeron noutras administracións públicas, incluso gobernadas polo PP, supoño que os membros do equipo de goberno e os seus asesores que veñen doutras administracións públicas, alcalde e concelleira de facenda incluídos, negaranse a cobrar a parte que lles corresponde da súa paga extra, cando a súa administración de orixe decida pagarlla aos seus empregados, ate que non o fagan os empregados do concello da Coruña. Non se pode levar no programa  electoral a recuperación dos servizos públicos e concesionar a ORA por un período de 8 anos, ou seguir tramitando como se nada pasara a concesión do mantemento dos parques e xardíns do concello.

 

A Coruña a 21 de outubro de 2015
 

 

O Secretario da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña

José María Calatayud Sánchez