Dende a sección sindical da CIG do Concello da Coruña queremos rexeitar a política de xestos

deste goberno municipal, concretamente da despedida que o Sr Alcalde vaille dar (13 xaneiro)

aos/as traballadores/as do RISGA que prestaron servizo estes últimos 7 meses e cunhas

retribucións por categorías de 684 e 612€, cando o Comité de Empresa deste Concello leva

solicitado dende a constitución do mesmo en 2015, que se lles retribúa polo traballo que fan

en igualdade de condicións que o resto do persoal municipal.

 

Dende a CIG, creemos que os/as traballadores/as do RISGA estarían moito máis satisfeitos si

en vez da despedida oficial se lles pagara o que en xustiza lles corresponde polo traballo

realizado e que non foran utilizados coma obra barata para limar e maquillar as listas do paro.

 

A Coruña 13 de xaneiro de 2017

A plataforma Queremos Galego convoca a mobilización polo Día das Letras Galegas
A CIG fai un chamamento a participar este martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, na manifestación en defensa da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela. Coa mobilización, que se celebra baixo o lema "O idioma é a vida" e que partirá da Alameda ás 12.00 horas, preténdese reivindicar cambios na lexislación que eviten decretos ou sentenzas contra o idioma propio do país. A central amosa a súa satisfacción polo feito de que as Letras Galegas deste ano se lle dediquen a Manuel María, escritor lucense que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.
2016 05 17 2016 05 17 CartazManifaQueremosGalego
 

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida”, recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016. Dende a CIG amosan a súa satisfacción polo feito de que a edición deste ano se lle dedique ao escritor lucense, que ademais de salientar pola súa extensa e valiosa obra literaria fíxoo pola súa militancia sindical, política, cultural e de defensa da lingua.

O seu compromiso co nacionalismo galego chegou a converterse en materia literaria e deixou pegada en moitas das súas composicións, de igual xeito que a súa concepción dialéctica da sociedade. Por exemplo, no libro “Poemas pra construír unha patria”, de 1977, aborda a importancia de contar con sindicatos de clase para defendérmonos da explotación capitalista e colonial.

 

Poema/Democrático/G/Sindical

O SINDICATO é o noso único

lar posíbel,

fogar

que nos defende contra a

esplotación/capitalista

C--O--L--O--N--I--A--L;

arma que empregamos

pra loitar contra os

nosos nemigos;

vencello que

nos xungue como clase e

nos fai sentir povo

concencia=alerta=coleutiva.

Un home só non é ninguén.

Nada pode un home só.

                                    O

individualismo é sempre

pernicioso/insolidario,

E--G--O--I--S--T--A.

Por eso louvo ó SINDICATO

UNICO=GALEGO=DEMOCRATICO.

Fago un chamamento

apaixoado, con toda a forza

que tén a miña voz, pra que

o meu povo,

O NOSO POVO

COLONIZADO/NEGADO/ASOBALLADO

forme

SINDICATOS VERDADEIROS

que resposten únicamente

ás necesidás i aspiraciós

que tén prantexadas a clase

OBREIRA/LABREGA/MARIÑEIRA

semente e mais raigaña

do P--O--R--V--I--R

CEIBE/PROLETARIO DE GALICIA.

20150108_TTIP.mobilizacion
 

O TTIP pode converterse nun dos grandes ataques non xa contra a soberanía dos pobos (que baixo o capitalismo non existe) senón contra o Estado de Dereito como o coñecemos nas últimas décadas

O contexto de negociación, as orixes do TTIP e o seu novo modelo de relacións laborais

 Un dos argumentos clásicos durante a última etapa á hora de xustificar os recortes de dereitos laborais é a necesidade de acabar cos efectos sociais da crise e de crear emprego. Nada máis lonxe da realidade. O proceso de creación do TTIP (polas súas siglas en inglés, correspondentes a Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) é anterior á crise e responde, desde o punto de vista económico e laboral, a dous elementos: por unha banda, a clásica política de aumentar os beneficios dos grandes capitais a través de incrementar o nivel de explotación da clase traballadora, e por outro (e ante o contexto de afundimento de boa parte da economía especulativa) a entrada das multinacionais en sectores da economía produtiva nos que até o de agora o seu nivel de participación era reducido, esencialmente os servizos públicos.

 A crise do modelo de produción da globalización neoliberal transfórmase en acción política da burguesía para conseguir manter a súa taxa de beneficios a través de reducir os custos laborais: menos salarios, redución das indemnizacións por extinción do contrato, facilidades para modificar todas as condicións de traballo, etc., etc. Nunha primeira fase, isto veu da man da destrución de postos de traballo para reducir en boa parte unha xeración histórica de traballadores entre os que sectores importantes gozaban de condicións dignas. Na súa estratexia, agora xa non optan por aumentar os niveis de desemprego (do actual 20-25%), senón por transformar o emprego de calidade que queda en emprego precario. Tres postos de traballo dignos han querelos transformar en catro de precarios, aumentando así os seus beneficios e situando o desemprego en niveis do 15% na próxima década.

O contido e a significación do TTIP con afectación directa e indirecta sobre as relacións laborais

 Desde o punto de vista dos dereitos laborais, poderiamos falar de tres elementos esenciais que definen o TTIP: opacidade, intervención privada na regulación e privatización do órgano de resolución de controversias.

 A propia Comisión Europea define na súa web ao TTIP da seguinte forma: "O TTIP ten por obxectivo eliminar as barreiras comerciais entre os Estados Unidos e a Unión Europea (suprimir aranceis e normativa innecesaria, restricións ao investimento, etc.) e simplificar a compravenda de bens e servizos entre estes dous espazos. Eliminar estas barreiras supoñerá crecemento económico, creación de postos de traballo e diminución dos prezos."

 Unha vez visto o contido, debemos analizar a afectación concreta. En primeiro lugar, realmente o TTIP non fala de aranceis, senón do conxunto de garantías e controis que interveñen na exportación e importación dunha mercadoría; é dicir, eliminar controis administrativos e garantías sobre os produtos. En segundo lugar, cando se refire á obriga de estándares comúns dos dereitos laborais, non se define se falamos de mínimos ou de máximos, pero atopamos unha simple referencia ao concepto de Traballo Decente da Organización Internacional do Traballo (OIT) e non aos convenios desta organización internacional. Así mesmo, non se establece nos documentos ningunha cláusula de intanxibilidade ou non regresividade que obrigase a manter uns mínimos dereitos. Nun contexto no cal estados da Unión Europea reducen dereitos e cun movemento sindical maioritario que non opta pola mobilización, pódenos abocar a unha perda de dereitos laborais. Se observamos a media de convenios da OIT ratificados polo Reino de España, 133, están moi lonxe dos 14 dos EEUU. Isto tería un claro efecto sobre a normativa interna, nunha tendencia á baixa na aplicación do TTIP, transformando así o mandato de creación de normativa común en perda de dereitos.

 Debemos ter en conta que, como xa intentou o primeiro borrador de Directiva Bolkestein, se facilita a posibilidade de aplicar as normas do país de orixe se a empresa non ten sede onde presta servizos e fai un simple desprazamento de persoal. Isto implicaría que as normativas aplicábeis non serían as de estados da Unión Europea senón o dereito laboral dos estados de EEUU., na maior parte dos cales non hai salario mínimo, dereito a negociación colectiva ou dereito de folga.

 Non o abordamos neste artigo porque se trata noutro capítulo, pero uno dos grandes obxectivos do TTIP é que os servizos públicos sexan totalmente privatizados (TISA é a folla de ruta), o que poderían conseguir a través da Garantía do Mínimo Custo. Debemos lembrar que, parcialmente, isto xa se incorporou á normativa de entes locais vixente en Estado español.

Acordos de investimento e o ISDS: a privatización e privación de xustiza

 Falamos de opacidade por ser secretos boa parte dos documentos do proceso de negociación (como, por exemplo, a Nota da Comisión de 26 de maio de 2014 xa filtrada), aínda que hai outros que se fixeron públicos, como a nota informativa da Comisión Europea de novembro de 2013, onde se definen novas liñas de actuación relativas a acordos de investimento: por unha banda, "aclarar e mellorar as normas de protección do investimento", e por outro “mellorar o funcionamento do sistema de solución de controversias”. Isto vén significar que a nova normativa poderá desenvolver o concepto de "expropiación indirecta". Na práctica, implicaría que habería que compensar economicamente a un investidor dun sector ou actividade no que se aumentasen os dereitos laborais ou os impostos ou no que simplemente se optase por recuperar a titularidade ou xestión pública. Estas tres situacións terían a consideración de dano ao investimento que debería ser indemnizado polo Estado.

 O novo sistema de solución de controversias, o outro gran elemento do TTIP, é o ISDS (Solución de Controversias entre Investidores e Estados). Viría ser un tribunal de arbitraxe formado por tres xuristas privados, facendo un deles de “xuíz”. Este organismo está pensado para que as empresas poidan emprender accións legais contra un Estado se consideran que os seus intereses comerciais foron prexudicados. Indubidabelmente, isto non só rompe con calquera concepción do Estado de Dereito senón que resta soberanía mesmo aos aparellos do estado dos Estado-nación. As resolucións, laudos, serían non recorríbeis e executábeis. Até o de agora coñecemos os tribunais públicos que emanan dun aparello do Estado burgués, que, máis aló da súa natureza de clase, da normativa existente e da correlación de forzas do movemento obreiro, nalgunhas ocasións permiten resolucións progresistas como mecanismo para minorar o conflito capital-traballo. Co ISDS a normativa ten unha orixe privada, coa intervención directa dos lobbies, os tribunais non teñen xuíces públicos senón xuristas privados e non se permite nin o recurso. Ademais, deberiamos ser conscientes de que aquí as partes son multinacionais e Estados, e os auténticos prexudicados son a clase traballadora e as nacións sen Estado que nin sequera poden comparecer no procedemento para defender os seus intereses.

 Co ISDS xa non falamos de golpe de Estado contra os dereitos sociais senón contra a propia democracia burguesa; quen lexisla e emite resolución son os representantes da burguesía para garantir que cando se municipalice, se nacionalice e se aumenten os impostos ou se conquisten dereitos laborais, haxa que os compensar economicamente.

As xustificacións do TTIP

 As xustificacións do TTIP, que atopamos no informe realizado polo Centre for Economic Policy Research de Londres, son dúas ideas moi simples: o incremento do PIB e a creación de emprego.

 O incremento do 0,5% do PIB sitúano na eliminación do que denominan aranceis ás mercadorías, e que fixan entre o 10 e o 20% do seu custo. Non só non é correcto o dato de que os aranceis supoñen a porcentaxe sobre o custo que din, senón que por rebaixar ou eliminar estes non se aumenta o PIB (isto último sempre depende da demanda e non da desregulación normativa). O incremento do PIB sitúano nos sectores do metal (12%) e alimentos procesados (9%) pola eliminación de controis de seguridade e alimentarios. O eliminar garantías e controis e rebaixar salarios ten un efecto de caída da demanda nos territorios onde se aplica, polo que o primeiro efecto é a caída do consumo nos estados da Unión Europea. O diminuír controis non supón aumentar a demanda senón rebaixar custos. Iso á súa vez ten un efecto de destrución de emprego que provoca esa caída de consumo. Así mesmo, a chegada de produtos a un custo inferior supón unha diminución da produción interna.

 En canto á creación de emprego, no caso do Estado español sitúana en 144.000 postos de traballo. Pero debemos explicar que a tendencia será a eliminar postos de traballo e a transformar emprego de calidade en precario. Todos os tratados chamados “de libre comercio” tiveron efectos no conxunto do planeta, cuantificando xa os primeiros estudos a perda dun millón de postos de traballo como consecuencia do TTIP (Tufts University). A seguir, no caso concreto do Estado español explicaremos o porqué.

Os efectos do TTIP no Estado español

 O TTIP pode converterse nun dos grandes ataques non xa contra a soberanía dos pobos (que baixo o capitalismo non existe) senón contra o Estado de Dereito como o coñecemos nas últimas décadas. Á vez, e como xa adiantamos, o obxecto que se persegue é atopar novos mercados para as burguesías internacionais a través da eliminación de garantías de todo tipo, a degradación das condicións laborais e asegurarse a xestión privada dos históricos servizos públicos.

 No terreo do concreto, e analizado o carácter periférico da economía española (construción, turismo, automóbil e agroalimentaria), veremos que algunhas zonas que teñen o automóbil e o metal como principais actividades (Barcelona, Valencia, Valladolid, Pontevedra) terán unha caída das súas producións por chegar aos mercados vehículos e produtos estadounidenses fabricados con menos dereitos laborais. Así mesmo, o efecto indirecto será unha permanente presión sobre os salarios dignos dos sectores do automóbil e o metal, algo que tamén podería ocorrer noutros sectores, como a alimentación pola chegada de produtos a baixo prezo froito da falta de dereitos laborais e a alteración xenética destes. Só debemos observar o efecto da eliminación dun millón de postos de traballo na agricultura e a alimentación en México nos vinte anos de vixencia do NAFTA.

 Agora xa non falamos de deslocalización de actividades, senón dun proceso de degradación interna das condicións laborais polo que as pequenas e medianas empresas non poden asumir as caídas de custos, cuestión que provocará a destrución de emprego. Nese camiño, os traballadores e traballadoras das grandes empresas verán degradadas as súas condicións laborais.

 Non foron obxecto de análise neste artigo os efectos das propostas do documento secreto de 26 de maio de 2014, pero o seu desenvolvemento é un puro espolio e roubo dos servizos públicos a mans das multinacionais. Impoñer o mellor prezo como criterio principal na xestión do servizo público é un agasallo para as grandes empresas privadas, á vez que implicará un proceso sen precedentes de degradación das condicións laborais. Unicamente temos que ver as condicións dos traballadores e as traballadoras de Telefónica fai vinte anos e as das contratas privadas do sector da telefonía na actualidade. Tamén deberiamos ver a calidade dos servizos de agora e os que tiñamos con titularidade pública. É por iso polo que queren garantir a imposibilidade de remunicipalizacións e nacionalizacións.

 Máis aló das dificultades para coñecer todo o que se discute entre EEUU e a Comisión Europea, o TTIP, CETA e TISA son os mecanismos a través dos cales nos rouban servizos públicos e degradan condicións laborais como camiño para manter as taxas de beneficios das multinacionais. Pero, sobre todo, son a nova táctica e estratexia en que a desposesión se desenvolve a través de mecanismos case sen posibilidade de participación pública e onde xeran un suxeito antagónico con dificultades de identificación.

 Agora xa non falamos de modelos económicos dentro do capitalismo, falamos dun modelo único cunha única posibilidade de xestión, empobrecendo as clases traballadoras e terminando con expresións de democracias formais. Pensar que hai algún tipo de liberdade no paraugas da Unión Europea é unha utopía reaccionaria e manterse no capitalismo como modelo económico é asumir o sufrimento social.

Denunciará ademais, nas 13 manifestacións previstas, as políticas da UE, nomeadamente o comportamento inhumano en materia de refuxiados/as
A CIG presentou este luns os contidos da campaña do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e o documento no que se recollen as principais demandas que a central sindical dirixe ao goberno que se conforme no Estado español. Demandas que se concretan precisamente no lema escollido “Reformas laborais e lei mordaza, anulación Xa!” e que se acompañan coa denuncia das políticas antisociais da UE e do seu carácter proimperialista.
16-04-25 RP Primeiro de Maio
 

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que compareceu acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou, que a central sindical exixe a derrogación das contrarreformas laborais que levaron adiante primeiro o PSOE e posteriormente, con máis intensidade, o PP. Contrarreformas que foron impostas “so pretexto de que a entrada na crise tiña que ver coas rixideces do mercado laboral e que era necesario rematar con elas para saír da mesma”.

Denunciou que isto provocou que se promoveran toda unha serie de medidas que no fondo o que perseguían era a precarización xeneralizada das condicións laborais e unha caída tamén xeneralizada dos salarios. “Buscaban ir cara un modelo de relacións laborais cada vez máis individualizado, prexudicando claramente á clase traballadora, na medida en que así se debilitaron tanto as súas condicións laborais como a súa capacidade de resposta fronte a patronal”.

Sinalou que estas contrarreformas supuxeron a flexibilidade na contratación; a modificación substancial das condicións de traballo; facilitar o despedimento tanto de carácter individual como colectivo; facilitar ás empresas o incumprimento dos convenios e mesmo facilitar que moitos deses convenios acaben caendo se non se negocien, como está a pasar agora, ao suprimir a ultraactividade”.

Toda unha serie de medidas que, denunciou, provocaron unha caída moi importante dos salarios, o incremento da precariedade laboral, da contratación a  tempo parcial e unha “fraude enorme” porque “moitos dos contratos a tempo parcial son en realidade contratos a xornada completa porque se obriga a traballadoras e traballadores a facer xornada completa cando teñen asinado un contrato por media xornada e mesmo por menos”.

A isto engadiu que se legalizou todo o que ten quen ver cos falsos autónomos, a través da creación da figura do autónomo economicamente dependente. “Unha figura que fai que a incorporación da xente nova, en moitos casos, sexa en bastante peores condicións que as que tiñamos xeracións anteriores”.

Para o secretario xeral da CIG estas contrarreformas levaron, non só á precarización das condicións laborais, senón tamén a deixar á clase traballadora en moito peores condicións para responder a calquera tipo de recorte nos nosos dereitos.

Lei Mordaza

Xunto a isto, a CIG demanda tamén a derrogación da Lei Mordaza que Seixo definiu como “complemento do PP ás contrarreformas laborais” e como un instrumento “para reprimir de forma directa, sen ter que chegar aos xulgados, calquera mobilización social”.

Neste sentido lembrou que se trata dunha lei “enormemente arbitraria e discriminatoria”, que calquera goberno pode aplicar para, de inmediato, “reprimir e castigar a aquelas organizacións sociais que promovan a mobilización social, independentemente de que despois, pola vía do contencioso, poidas chegar ao xulgado e che dean a razón, porque polo de pronto tes que afrontar, en moitos casos, multas de cantidades desorbitadas que poden chegar ata os 600.000 euros. Unha cantidade que é moi difícil de soportar para calquera organización”.

Políticas da UE e situación dos/as refuxiados/as

A terceira das reivindicacións da CIG neste Primeiro de Maio ten que ver co modelo de Unión Europea que se está a construír, do que a CIG xa alertou cando se produciu a integración do Estado español no daquela Mercado Común. “Denunciabamos os prexuízos que ía ter nos termos nos que se estaba producindo para o noso país –Galiza- pero a maiores estamos vendo como nos últimos anos, so pretexto da crise económica se están a promover por parte da UE recortes en materia de dereitos laborais e sociais”.

Xunto a isto incidiu especialmente no tratamento que se está dando ás refuxiadas e refuxiados cun comportamento que cualificou de “inhumano”, denunciando a “hipocrisía de pretender presentarse como unha UE defensora dos dereitos humanos” cando logo se lles impoñen enormes restricións ás persoas que chegan como refuxiadas fuxindo de guerras provocadas  por conflitos de intereses xeoestratéxicos da UE que, en non poucas ocasións obedecen a intereses de multinacionais en Oriente Medio, no Norte de África e noutras partes do mundo. “Isto demostra que se está construíndo unha Europa profundamente antisocial e inhumana que está pensada en función dos intereses do capital financeiro europeo e non dos intereses dos pobos e das persoas que a conformamos”.

Con todo, Seixo e Miranda Vigo deixaron constancia de que o feito da CIG promover estas reivindicacións diante do goberno do Estado obedece a unha razón “de puro pragmatismo” por ser este quen ten competencias lexislativas nestas materias. En calquera caso, e tal e como subliñou o secretario confederal de Comunicación, a CIG mantén viva a reivindicación estratéxica dun Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais “con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo en Galiza, como exercicio dun dereito democrático e, sobre todo, como unha necesidade para poder garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para toda a clase traballadora galega”.

Todas estas cuestións son as que a CIG porá de manifesto nas manifestación convocadas con motivo do Primeiro de Maio que, ademais de celebrarse nas sete cidades, se estenderán a vilas como Cee, Ribeira, Foz, Vilagarcía, A Estrada ou Cangas.

Manifestacións

* Vigo: 12:00 h do Cruce da Doblada

* A Coruña: 12:00 h, Praza de Vigo

* Pontevedra: 12:00 h, Praza da Ferrería

* Ferrol: 12:00 h, Avda de Esteiro

* Santiago: 12:30 h da Praza Roxa

* Lugo: 12:00 h da Ronda da Muralla

* Ourense: 12:00 h do Pavillón dos Remedios

* Ribeira: 12:00 h da Praza do Peixe

* Foz: 12:30 h diante de Facenda

* Vilagarcía: 12:00 h da Casa do Mar

* A Estrada: 12:00 h da Praza do mercado

* Cee: 12:30 h Praza do Concello

* Cangas: 17:00 h desde o concello

Documentos
PROGRAMA DE DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS DA CIG.pdf

NOTA DE PRENSA CIG

CON ROGO DE PUBLICACIÓN

Diante da nova aparecida na Voz de Galicia baixo o titular de “ O Goberno Local notifica o despido a dous interinos” no que desenvolvemento desta nova, fan mención ao resto dos interinos e a vinculación que deste feito se fai ca rescisión de contrato de Pedro Rial, a Sección sindical da CIG quere manifestar o seguinte:

Os dous interinos que se mencionan estaban contratados para a execución dun proxecto concreto, polo tanto a finalización dese proxecto e o remate do seu obxetivo non debería ser considerado como despido se non como fin de contrato.  Todo isto con independencia da posible legalidade da modalidade ou non da contratación e do obxeto do mesmo.

Vincular a este tipo de contrato co cese da relación laboral de Pedro Rial significa non ter coñecemento da legalidade vixente ou actuar con bastante mala fe. O cese destre traballador é consecuencia dunha sentenza xudicial firme, producida por unha demanda da CIG, ao ser contratado de maneira “irregular”, ase o demostra a senteza, polo anterior goberno municipal que xa debería ter executada esta senteza.

 

O secretario da sección sindical da CIG no Concello da Coruña

 

José María Calatayud Sánchez

NOTA ENVIADA AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

Dende a sección sindical da CIG no concello da Coruña queremos mostrar a nosa indignación polo acontecido no pleno da Corporación Municipal celebrado onte no relativo ao reintegro do 26.23% da paga extra de decembro do 2012Indignación contra o PP pola ausencia de dous dos seus concelleiros , o que fixo innecesario que o PSOE apoiase o voto en contra da Marea.  Indignación contra o PSOE por non manter o compromiso que tiña manifestado aos sindicatos e absterse na votación tratando de eludir a súa responsabilidade. E indignación contra o Goberno Municipal por non manter o compromiso manifestado pola concelleira de facenda de realizar o pagamento neste ano, tan pronto como fora posible.

Estamos indignados co Goberno Municipal pola falta de correspondencia entre o que din e o que fan, non se pode dicir que se está a favor da clase traballadora, en contra das medidas adoptadas polo Goberno do PP e mes e medio despois da publicación dunha lei que permite recuperar parte dos recortes, neste concello este sen aplicar, cando así o fixeron noutras administracións públicas, incluso gobernadas polo PP, supoño que os membros do equipo de goberno e os seus asesores que veñen doutras administracións públicas, alcalde e concelleira de facenda incluídos, negaranse a cobrar a parte que lles corresponde da súa paga extra, cando a súa administración de orixe decida pagarlla aos seus empregados, ate que non o fagan os empregados do concello da Coruña. Non se pode levar no programa  electoral a recuperación dos servizos públicos e concesionar a ORA por un período de 8 anos, ou seguir tramitando como se nada pasara a concesión do mantemento dos parques e xardíns do concello.

 

A Coruña a 21 de outubro de 2015
 

 

O Secretario da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña

José María Calatayud Sánchez

A sección sindical da CIG no concello da Coruña, en relación coa noticia aparecida na prensa de que a Marea e o PSOE van apoiar a proposta inicial do Modificativo de Crédito, na que se contempla a retirada de 467.000 € dos gastos de persoal, o que dificultaría a posibilidade de facer efectiva a obriga legal de aboar o 26.23% da paga extra secuestrada en decembro do 2012 mediante un decreto lei do Goberno do PP, e a expresa vontade da Marea de votar en contra dos votos particulares que propoñan  o seu pagamento temos que manifestar o seguinte:

  1. A concelleira de Facenda e Persoal, Eugenia Vieites, puxo de manifesto na primeira e única mesa xeral de negociación á que fomos convocados os representantes dos traballadores que a súa intención era efectuar o pagamento no presente ano, que non o podían facer este mes por dificultades de tesourería pero que tratarían de facelo ao longo deste ano.
  2. O portavoz do PSOE, José Manuel Dapena manifestounos, nunha reunión que mantivo cos sindicatos a petición do seu grupo municipal, que apoiarían as reivindicacións dos sindicatos, nos lles dixemos que recorreriamos calquera modificación do capitulo de persoal diante dos tribunais por que iso dificultaría o cobro da paga extra e contestounos   que eles tamén llo advertiran e “que o tiñan bastante claro”.
  3. Esta maneira de comportarse dos dous grupos políticos que sustentan ao Goberno Municipal, cambiando de criterio e de posición nun prazo inferior a 15 días, fai que no futuro sexa complicado aplicarlles o principio de boa fe, base fundamental para poder chegar a posibles acordos nas mesas de negociación.
  4. A CIG, como xa puxo de manifesto ,tanto na mesa de negociación como na reunión co grupo municipal do PSOE, recorrerá este modificativo diante dos tribunais para tratar de impedir un novo espolio aos salarios dos empregados municipais.

 

A Coruña, a 17 de outubro de 2015

 

O Secretario da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña

José María Calatayud Sánchez

O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións

A Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.
11-12-21 area publica 3
 

A Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe, cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.

Por iso considera que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é “insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como “portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.

A Área Pública da CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25% da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso electoral”.

CIG-Área Pública queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto  e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal de todas as administracións pero cando son reposicións  levan coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada administración”.

En todo caso, para a CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais, salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.

Considera un anuncio electoralista o incremento salarial do 1% para o persoal das administracións e reclama aumentar o emprego público estábel para garantir uns servizos calidade

Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada esta tarde co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".
11-12-21 area publica 3
 

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Este xoves está convocada a Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas para tratar os Orzamentos Xerais do Estado para 2016

Ante a convocatoria da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas para este xoves, en Madrid, a CIG-Área Pública (Ensino, Saúde e Administración Pública) critica a falta de propostas concretas por parte do Goberno español, mentres abundan os anuncios propagandísticos “de cara a manipular a opinión pública a respecto da falsa recuperación de dereitos e condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores ao servizo das distintas administracións”.
RecursoAreaPublica
 

A CIG (como central sindical con maior representación nas administracións públicas con presenza en Galiza) está convocada á Mesa Xeral na que se tratarán os aspectos contidos na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2016 que afectan ao persoal das administracións, tales como as cuestións retributivas ou a oferta de emprego público.

Para a Área Pública da CIG, unha vez máis, o Goberno nin sequera acerta nas formas, xa que as centrais sindicais asistirán a esa mesa de negociación sen coñecer unha proposta concreta. “Acudiremos sabendo só dos anuncios e noticias que, descaradamente, son transmitidos aos medios de comunicación coa finalidade de manipular a opinión pública sobre a falsa recuperación de dereitos e condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos, así como a falsa recuperación de servizos públicos”.

A orde do día, critica Maricarme López Santamariña, voceira da CIG-Área Pública, resulta como sempre xenérica e “oca  de contido”. O que, entende,  pon de manifesto a nula vontade negociadora “e xa nos adianta que  a postura do Goberno é puramente estética e falsa”.

 

As mobilizacións producíronse de forma simultánea nos diferentes países da UE e en América do Norte
 
Con concentracións en toda Galiza e unha manifestación conxunta en Vigo, a CIG manifestou a súa rotunda oposición ao Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP). Unhas mobilizacións que se desenvolveron no marco dunha xornada internacional que o secretario xeral, Suso Seixo, considerou dobremente importantes porque con elas, ademais de rexeitar o TTIP, tamén se manifestou a oposición ao CETA (Acordo Económico de Comercio Global).
2015 04 18 ManifaTTIPVigo09
 

Galería de imaxes

Seixo, que participou na concentración celebrada en Compostela, lembrou que está previsto que o CETA –un tratado de características similares ao TTIP, negociado entre Canadá e a UE- vaia a debate no parlamento Europeo en decembro deste ano. “O que ocorra con este tratado pode ser bastante determinante para o que suceda despois co TTIP xa que o contido de ambos os dous acordos é moi similar e se conseguimos que a maioría dos eurodeputados non o aproben podería implicar que este tamén quedara aparcado de momento”, sinalou.

Para o secretario xeral da CIG o TTIP hai que inserilo no espírito das políticas de liberalización do comercio e dos investimentos a nivel internacional da Organización Mundial de Comercio (OMC), que pretendía facilitar a entrada das empresas multinacionais nos mercados de todo o mundo eliminando as trabas existentes. “Como iso atopou moitas dificultades pola oposición de moitos países, sobre todo do terceiro mundo, e provocou infinidade de mobilizacións sociais en contra, o que se fai a través destes acordos de carácter bilateral é intentar facer efectivos esas normas de liberalización que pretendía a OMC por esta vía”.

A isto engadiu que para evitar que se estabelezan medidas proteccionistas por parte dos estados, con estes acordos créase un mecanismo de Resolución de Disputas entre Investidores e Estados (ISDS). Un órgano de arbitraxe ao que poderán recorrer as multinacionais para demandar os estados se ven prexudicados os seus intereses polas decisións que os gobernos adopten en calquera materia. “É determinante, porque a través dese mecanismo o que buscan precisamente é que calquera intento que poida haber por parte dun goberno dun estado para defender os seus intereses o teña moi difícil”.

Parello a isto, estes tratados prevén a creación do chamado “Consello de Cooperación Reguladora”. Un órgano permanente encargado de harmonizar a lexislación e a normativa xa existente que poderá reducir ás cotas máis baixas posíbeis de exixencia os estándares de dereitos en materia laboral, de saúde, mediomabiental… “Trátase de institucionalizar os mecanismos a través dos que as grandes empresas multinacionais poidan incidir e de dificultar que os estados poidan facer novas regulacións que poñan en cuestión a rendibilidade dos seus investimentos”.

De feito Seixo alertou de que ese Consello de Cooperación Reguladora terá capacidade -ao longo do tempo e de forma aínda máis opaca- para ir recortando a regulación en materias como servizos, medioambiente, saúde ou alimentación, que poderían quedar agora á marxe destes tratados pola presión social. “Camiñamos cara un modelo de sociedade no que os estados van ter menos capacidade fronte os intereses das multinacionais”, asegurou.

Xunto a isto denunciou que serán tribunais de arbitraxe internacionais privados os que diriman as cuestións entre empresas e estados. “Son tribunais á marxe dos ordinarios de xustiza e da lexislación dos estados que estarán constituídos por avogados/as de grandes bufetes especializados na materia. Dáse ademais a circunstancia de que eses mesmos avogados que nun momento actúan como tribunal de arbitraxe, logo actúan como avogados de parte das multinacionais co cal xa se pode imaxinar a favor de quen vai ser o seu posicionamento”.

Para o secretario xeral da CIG todo isto supón que o capital transnacional non só vai ter influencia directa nas políticas económicas e laborais senón que mesmo vai institucionalizar uns mecanismos e crear un escenario no que se vai permitir o luxo de ter garantida unha marxe de beneficios en todos os investimentos que faga.

Precariedade laboral

Seixo chamou especialmente a atención sobre as consecuencias que estes tratados terán para as condicións laborais de de vida da clase traballadora. “Van acentuar as políticas xa emprendidas polo FMI, a UE de ir cara unha cada vez maior redución de dereitos, flexibilización e desregulación do mercado laboral”, dixo.

Lembrou que as últimas políticas que se promoveron por parte do PP e do PSOE de reformar o mercado laboral, a reforma da negociación colectiva ou o debate permanente que está introducindo a patronal en materia de folga “pretenden ir reducindo dereitos en materia laboral e de prestacións sociais seguindo o modelo norteamericano”.

Ao seu entender un tratado destas características vai acelerar aínda máis este proceso, porque as propias empresas da UE van presionar moito máis aos gobernos. “Estamos a falar de gobernos que son moi proclives ás súas exixencias, alegando que non poden competir nas mesmas condicións que as multinacionais norteamericanas á hora de vender os seus produtos no mercado europeo, porque parten dunhas condicións laborais e sociais cunhas exixencias moito máis baixas das que hai hoxe na UE”.

Ante isto concluíu que “estes tratados o que van facer é acelerar a tendencia das políticas da UE de recorte de dereitos, desregulación e flexibilización do mercado laboral. Por iso é tan importante que non sexan aprobados”.