A realidade ao respecto das negociacións en materia de persoal no Concello da Coruña a 3 meses do fin de mandato, é a seguinte: 

 

CARREIRA PROFESIONAL

Se ben é certo que dende o pasado mes de outubro vimos traballando en mesas técnicas (que non negociadoras)  non é menos certo que estas mesas técnicas están paralizadas, e que o Concello sen motivación nin xustificación anulou a última mesa técnica que estaba prevista para o pasado 06 de febreiro. Preocúpanos a deriva que tomou o traballo das mesas técnicas, coa última xuntanza nas que nos reuniron ás sección sindicais por separado. Sospeitamos que, unha vez máis, a suposta negociación á que se refiere UGT no seu último correo é a que ten lugar noutros espazos e despachos que non son os da negociación colectiva. A realidade é que a un día de rematar o mes de febreiro non hai proposta definitiva para a carreira profesional, non hai coñecemento da contía económica que o concello vai a adicar, nin data para a Mesa Xeral de Negociación.

 

RPT

Gábase tamén a sección sindical da UGT do bo resultado nas negociacións... recordamos novamente que o único ámbito negociador é o da MXN e que ata o de agora o único que se ten producido son duas xuntanzas INFORMATIVAS E INFORMAIS coa empresa adxudicataria. No último contacto coa empresa mantido o pasado 02 de febreiro non nos facilitaron datos concretos para comezar a traballar, como nos pensabamos. A realidade que non ofreceron da nova RPT é a seguinte: a participación dos traballadores nas enquisas non chegou ao 50%, o contacto da empresa adxudicataria coas xefaturas de servizo (unha das cuestións fundamentais para poder ter unha valoracións real dos servizos) non está sendo doado nin tan sequera foron quen de reunirse co coordinador xeral municipal, ou que a empresa non ten constancia de que exista un acordo da Mesa Xeral de Negociación ao respecto da negociación do método de valoración que se empregue na elaboración da nova RPT.... Polo tanto, ao respecto da negociación da nova RPT, nada que celebrar.

 

PLAN DE IGUALDADE

Máis de un ano despois da primeira xuntanza da Comisión Negociadora do Plan de igualdade, o pasado 24 de febreiro tivemos a segunda xuntanza da comisión. Para a nosa sorpresa, nesta segunda xuntanza, se nos achega xa a proposta do borrador do IV Plan de Igualdade, sen que mediara durante todo este ano a preceptiva negociación. O Concello non achega  a documentación obrigatoria e precisa para negociación do plan, a pesar de ter aberto na Inspección de Traballo un expediente sancionador por falta grave  por este motivo, a raíz da denuncia que esta sección sindical tivo que interpoñer. a CIG deixou claro nesta segunda sesión de traballo que non vai a asinar ningunha proposta en materia de plan de igualdade que non cumpra a legalidade vixente, e non dubidaremos en dar os pasos legais precisos para que esta se cumpla.