imprimir
As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013
A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a resolución que regula as axudas dirixidas aos homes e familias monoparentais, que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 se acollesen a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado dos/das fillos/as.
Logo Muller
 

Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:

- Homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

-Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental enténdese o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionábel será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

A contía desta axuda estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral gozada, da duración desta e do número de fillas/os a cargo da persoa solicitante.

Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 22 de maio de 2013).

 

DOG_AxudasReducionXornada.pdf

Categoría: PRENSA
Visitas: 2468