imprimir

Bo día a todas e todos:

Diríximonos a vos de xeito urxente para informarvos de que estamos tendo coñecemento de que o Goberno Municipal decidiu, de xeito unilateral, con premeditación e alevosía, eliminar, pola vía dos feitos e sen comunicación á representación legal dos traballadores, o carácter retribuído do permiso parental para o coidado do fillo, filla ou menor acollido, que a nosa instrucción establece como retribuído a partir do 02 de agosto de 2024.

Tivemos coñecemento de que o argumento que se vos está a dicir verbalmente, é que tras a aprobación o pasado 29 de xullo do Real Decreto-lei 9/2025, de 29 de julio, polo que se amplía o permiso de nacemento e coidado, mediante a modificación do texto refundido da lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, o texto refundido da lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobao polo Real Decreto Lexislativo 5//2015, do 30 de outubro, e o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, para completar a transposición da Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de xuño de 2019, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores, e pola que se deroga a Directiva 2010/18/UE do Consello, este permiso deixa de ter carácter retribuído dende o día de entrada en vigor deste Real Decreto.

Esta sección sindical quere denunciar, en primeiro lugar, públicamente, a decisión adoptada e as formas nas que se está a levar ao cabo, xa que a última mesa técnica de negociación que se levou ao cabo foi o 31 de xullo e algo tan importante coma isto non foi nin mencionado polas persoas responsables que estaban presentes.

Doutra banda, denunicamos, unha vez máis, a falta da boa fe na negociación, práctica reiterada por parte deste Goberno Municipal, que se ben o pasado 22 de xullo facía propaganda a través dos seus medios de comunicación afins e levaba a gala ser o primeiro goberno que apostara por esta medida para a aplicación remunerada ao seu persoal municipal, non dubidaba en “cociñar” un recorte do mesmo a espaldas da representación sindical e vulnerando unha norma consensuada e negociada.

Á sección sindical da CIG non pode deixar de parecerlle inadmisible que esto esté a acontecer xustamente coa recente chegada da nova xefatura de servizo do Servizo de RRHH, que ademáis sabemos que conta cunha longa vinculación sindical na súa administración de orixe, e que avale, consinta e mesmo instrúa, unha orde como esta que vulnera dereitos de conciliación conseguidos de xeito pioneiro nesta administración pública mediante a negociación colectiva.

Por todo isto, no día de hoxe acabamos de solicitar por rexistro aclaracións formais ao respecto e a paralización inmediata das denegacións do carácter retribuído que se están levando ao cabo nestes momentos, xa que a instrucción regulada ata o momento establece claramente que o permiso en cuestión neste concello TERÁ CARÁCTER RETRIBUÍDO. Agardamos a resposta a este requerimento para que dende a nosa asesoría xurídica podan valorarse as accións legais a tomar. 

Sabemos que vos están a dicir verbalmente ante as vosas solicitudes por escrito que si queredes seguir a desfrutar do permiso pero sin o carácter retribuído do mesmo, que enviedes un correo ao servizo de persoal na que vos mesmos renunciedes ao carácter retribuído. Dende a sección sindical da CIG aconsellamos non renunciar voluntariamente por escrito a ningún dos vosos dereitos,  e que ante estas indicacións solicitedes unha resolución motivada á denegación do carácter retribuído do permiso.

Dende a CIG poñemos á vosa disposición os nosos medios de asesoría para que ante este atraco e roubo de dereitos, podades levar ao cabo as medidas legais correspondentes.

Por último, deixámosvos por aquí as recentísimas declaracións feitas ao diario El País o pasado 26 xullo ao xeito da máis pura propaganda do señor Concelleiro Lage Tuñas ao respecto deste permiso retribuído nesta administración: “Esta medida permite cuidar sin penalización económica, fomenta la corresponsabilidad entre hombres y mujeres y mejora las condiciones de los trabajadores”, defiende José Manuel Lage Tuñas, concejal de Economía y Planificación Estratégica en A Coruña, el departamento encargado de gestionar la norma. En su opinión, se trata de una decisión que “refuerza el compromiso” del ayuntamiento “con la igualdad y la conciliación”, y que sitúa a la ciudad como “referencia en la gestión pública de derechos laborales”.

Unha vez máis, este Goberno Municipal aposta polo “facede o que eu diga pero non o que eu faga”

Categoría: INICIO
Visitas: 933