imprimir

 Ana Isabel Filgueiras Espasandín, con DI xxxxxxxxx e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, EXPON:

En sesión celebrada en data 22 de Outubro de 2025 a Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña adoptou o acordo de aprobar inicialmente a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello da Coruña e someter a devandita modificación puntual ao trámite de información pública durante un prazo de 20 días hábiles para a presentación de alegacións, reclamacións ou suxestións.

Polo que, dentro dentro do prazo establecido ao efecto, formulo as seguintes ALEGACIONS para ser tidas en conta antes da aprobación definitiva da modificación puntual da RPT:

No apartado cuarto do Informe Proposta indícase: “Escoitadas as distintas seccións sindicais e debatido en mesas técnicas establecéronse como pautas xerais a efectos de fixar os requisitos a cumprir para poder participar na convocatoria do concurso ordinario 1/2025, os preestablecidos na RPT vixente, limitando a modificación ao apartado de requisitos específicos con criterios laxos, no sentido de facilitar a participación, agás que o desempeño dun determinado posto requira por normativa unha determinada titulación, acudindo soamente a ramas profesionais de coñecemento ou a pertenza a determinadas prazas naqueles supostos en que as funcións e tarefas e desenvolver demanden a presenza de coñecementos especializados, como pode suceder nos postos de administración especial. Incorpórase en documento anexo a este informe proposta, a efectos da súa aprobación como modificación puntual da RPT, a relación de postos que se postulan para incluír na convocatoria do concurso ordinario 1/2025 (PROV 2025067), cuxos requisitos específicos, a efectos desta convocatoria son obxecto de aprobación como modificación puntual, respectando o resto de condicións e características dos respectivos postos de traballo.”

Dende o momento en que o goberno municipal plantexou nas mesas técnicas coas seccións sindicais do Concello da Coruña a necesidade de establecer requisitos específicos de titulación para os postos de administración especial como requisito necesario para poder desenvolver a convocatoria do concurso ordinario, empezouse traballando cun listado duns 300 postos de traballo que contemplaban a totalidade dos postos de administración especial da RPT, xa que as pautas establecidas polo goberno municipal para traballar nas mesas técnicas eran establecer requisitos de titulación específica para todos os postos de administración especial.

Tal e como indica o Informe Proposta a modificación limitaríase a establecer ramas de titulación nos requisitos específicos en todos os postos da RPT da escala de administración especial que non os tiveran establecidos na actual RPT, salvo en aqueles postos da escala de administración especial que por normativa legal ou sentenza xudicial requeriran dunha titulación específica. Deixaríanse para as futuras negociacións da valoración de postos o establecemento das titulacións concretas xa que sería nese momento onde se analizarían as funcións dos postos.

No listado de postos que acompaña ao Informe Proposta as modificacións de requisitos específicos afectan a un total de 19 postos de traballo, dos que catro son postos da escala AG/AE: postos 74, 2124,197 e 1876, e o resto pertencen á escala de AE: postos 2130,1325,2251,2252,330,505,524,1841,1851,1881,1791,1613,1625,1639,1642.

En ningún apartado do Informe Proposta se motiva a decisión de poñer unha titulación concreta a un posto de traballo, non se explican en ningún momento as razóns de porque é mais adecuada unha titulación ou outra para un

determinado posto de traballo dos 19 sometidos a cambios. Tal motivación só podería darse acudindo ás funcións concretas a desenvolver en cada posto de traballo que sería o que debe definir que titulación é mais adecuada para ese posto concreto de administración especial. En ningún momento durante o desenvolvemento das mesas técnicas, nin na mesa xeral de negociación do 21 de Outubro de 2025, nin no Informe Proposta se fai mención nin se traballou sobre o manual de funcións dos postos nin se falou sobre as funcións concretas dos postos polo que o establecemento de titulacións específicas incumpliría o establecido no artigo 35 da Ley 39/2015 de 1 de Outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas relativo á motivación do actos administrativos.

No apartado 4 do Informe Proposta arriba mencionado indícase que se modificarían os requisitos específicos no sentido de establecer soamente ramas profesionais de coñecemento. Pois ben en moitos dos requisitos específicos establécense modificacións incluíndo ou eliminando titulacións específicas como por exemplo nos postos 2130,1325, 524, 1841,1881, 1791, 1625, 1639, 1642 contradecindo o establecido no propio Informe Proposta que debería servir de fundamento para a modificación.

Ao non facer unha modificación dos requisitos específicos que contemple á totalidade dos postos de administración especial da RPT do Concello da Coruña supón unha discriminación ao modificar so unha parte dos postos de administración especial e outros non, chegando a darse a situación con esta modificación de que un posto de traballo que na RPT teña unha dotación superior a un, teña diferentes requisitos específicos aínda sendo o mesmo posto de traballo. Esta situación dase cos seguintes postos:

-Técnico Medio de control de Xestión de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 2124-2125 pero o cambio dos requisitos específicos so contempla ao 2124.

-Técnico Medio de Innovación Tecnolóxica de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 2129-2130 pero o cambio so contempla ao 2130.

-Técnico Medio de Educación que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1325-1327 pero o cambio so contempla ao 1325.

-Delineante da oficina Técnica de Mobilidade Urbana que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1791-1792 pero o cambio so contempla ao 1791.

-Técnico de Intervención da Edificación que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1612-1613 pero o cambio so contempla ao 1613.

- Técnico Medio de Intervención da Edificación que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1623-1625 pero o cambio so contempla ao 1625.

-Delineante da Oficina Técnica de Planeamento e Xestión que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1640-1643 pero o cambio so contempla ao 1642.

-Técnico Medio de Control de Xestión de Calidade dos Servizos que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 197-198 pero o cambio so contempla ao 197.

- Xefatura de Sección de Apoio Técnico de Infraestructuras que figura na RPT coa dotación correspondente aos códigos 1876-1878 pero o cambio so contempla ao 1876.

Tal e como xa indicamos anteriormente o apartado cuarto do Informe Proposta indícase “acudindo soamente a ramas profesionais de coñecemento ou a pertenza a determinadas prazas naqueles supostos en que as funcións e tarefas e desenvolver demanden a presenza de coñecementos especializados, como pode suceder nos postos de administración especial.”. Pois ben dentro das modificacións dos requisitos específicos inclúense 4 postos que figuran na RPT non apartado da escala como postos AG/AE (postos 74,2124, 197 e 1876). O RDL 781/1986 de 18 de abril polo que aproba o texto das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local indica no seu artigo 167 que os funcionarios de carreira da Administración Local que non teñan habilitación de carácter nacional se integrarán nas escalas de Administración Xeral e de Administración Especial de cada Corporación. Tamén indica no artigo 169 que corresponde aos funcionarios da escala de Administración Xeral o desempeño de funcións comúns ao exercicio da actividade administrativa. Introducindo requisitos específicos de titulación a postos barrados ás escalas AG/AE, discrimísase e impídese poder concurrir a eles ao persoal pertencente á escala de administración xeral aos que non se lles require estar en posesión de requisitos específicos de titulación.

Por todo o relatado a sección sindical da CIG do Concello da Coruña votou en contra da aprobación desta modificación puntual da RPT na mesa xeral de negociación que tivo lugar o día 21 de Outubro de 2025, xa que como expuxemos nos parágrafos anteriores trátase dunha modificación arbitraria, discriminatoria, carente de motivación e fundamento.

Esta modificación precisa dun análise das funcións concretas dos postos de traballo de administración especial que non se fixo e non se entende estando en marcha os trámites iniciais tendentes á negociación dunha nova valoración de postos, debería ser durante as negociacións desa nova valoración de postos onde se analizasen as funcións e froito desa análise se establecesen os requisitos específicos de titulación dos posto de traballo entre outra moitas cuestións. Porén este goberno municipal non tivo inconvinte en incluir no seu informe proposta, punto cuarto, un último parágrafo que indica” A estratexia de autoorganización que se formula facilita continuar analizando e mesmo negociando coas seccións sindicais, as peculiaridades dos postos de traballo a provistar por concurso específico, así como aqueles outras que deban proverse polo sistema de libre designación……., de tal sorte que os funcionarios desempeñen as funcións para as que están mais capacitados (idoneidade) e que as funcións que a administración debe realizar sexan cumpridas de maneira eficiente polo funcionariado”. Da lectura deste parágrafo non podemos mais que concluir que as peculiaridades dos postos de traballo e que os funcionarios desempeñen as funcións para as que están mais capacitados (idoneidade),serve de motivación para analizar o sistema de provisión pero sendo totalmente aplicable para ser usada como motivación para esta modificación puntual non se aplica, esto constitúe unha conducta arbitraria, contraria ás normas que rexen a función pública e contraria aos dereitos do persoal municipal.

POLO EXPOSTO, SOLICITO:

Que se teñan en conta as alegacións expostas pola sección sindical da CIG no concello da coruña antes da aprobación definitiva desta modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello da Coruña.

Na Coruña, na data de sinatura electrónica deste documento

XUNTA DE GOBERNO LOCAL DO CONCELLO DA CORUÑA

Categoría: INICIO
Visitas: 838