imprimir

D./D.ª XXXXXXXXXX, co meu XXXXXXXXXXX, na miña calidade de Delegada de Persoal e delegada da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, con domicilio para os efectos de
notificacións no Local Sindical da CIG no Concello da Coruña, e ao abeiro do disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (en diante, LPACAP), comparece e, como mellor proceda en Dereito,

EXPÓN

Que mediante resolución do concelleiro delegado responsable de Economía e Planificación Estratéxica, por delegación da Xunta de Goberno Local, ditada o pasado 10 de xullo de 2026 e publicada no correspondente BOP da Coruña 137 do 22 de xullo de 2026, aprobouse a modificación da Instrución reguladora da creación e xestión das listaxes de agarda para a contratación temporal de persoal no Concello da Coruña.

Ao considerar que determinados aspectos da citada modificación non se axustan plenamente ao ordenamento xurídico, veño interpoñer o presente

RECURSO POTESTATIVO DE REPOSICIÓN con fundamento nos seguintes

I.- ANTECEDENTES DE FEITO

Primeiro.- Sobre a lexitimación da organización recorrente.

A organización sindical recorrente ostenta a condición de sección sindical con implantación no Concello da Coruña e exerce, no ámbito da Administración municipal, as funcións de representación e defensa dos intereses colectivos do persoal empregado público que lle atribúen a Constitución Española, a Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de Liberdade Sindical, o Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público e o resto do ordenamento xurídico.

O presente recurso formúlase no exercicio das funcións de representación institucional e defensa dos intereses profesionais e laborais do persoal empregado público ao que afecta a Instrución recorrida, ao incidir directamente sobre os criterios de constitución, ordenación e xestión das listaxes de agarda para a cobertura temporal de postos de traballo, así como sobre as condicións de acceso á mellora de emprego.

A lexitimación desta organización sindical non deriva da defensa de situacións individuais concretas, senón da súa función constitucional e legal de representación e tutela dos intereses colectivos do persoal afectado polas decisións organizativas da Administración en materia de emprego público.

Neste sentido, o artigo 7 da Constitución Española recoñece aos sindicatos como instrumentos básicos para a defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios, mentres que o artigo 28.1 garante o dereito de liberdade sindical, cuxo contido esencial comprende a actividade dirixida á defensa dos intereses profesionais das persoas traballadoras.

Así mesmo, os artigos 2.2.d) e 2.2.c) da Lei Orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de Liberdade Sindical, recoñecen expresamente o dereito das organizacións sindicais a exercer a actividade sindical na empresa ou Administración e a promover conflitos e accións administrativas ou xudiciais en defensa dos intereses colectivos que representan.

A doutrina consolidada do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo vén recoñecendo unha lexitimación ampla das organizacións sindicais para impugnar disposicións, actos administrativos e decisións organizativas que afecten ás condicións de traballo ou aos intereses colectivos do persoal ao que representan, sen que resulte esixible a acreditación dun interese individualizado distinto da súa propia función representativa.

En consecuencia, esta organización sindical comparece plenamente lexitimada para a interposición do presente recurso administrativo, ao versar a resolución impugnada sobre materias que inciden directamente nas condicións de acceso ao emprego temporal, na mobilidade profesional e na xestión das listaxes de agarda do persoal ao servizo do Concello da Coruña.

Segundo.- Aprobación da modificación da Instrución.

A Administración municipal do Concello da Coruña aprobou unha modificación da Instrución reguladora da creación e xestión das listaxes de agarda para a contratación temporal de persoal, publicada o pasado 22 de xullo de 2026 no BOP 137, introducindo cambios relevantes no funcionamento das listaxes, no sistema de mellora de emprego, na integración das persoas procedentes dos distintos procesos selectivos e noutras cuestións relacionadas coa xestión do persoal temporal.

Trátase, polo tanto, dunha modificación de alcance relevante respecto da regulación anteriormente vixente, ao afectar á configuración do sistema de xestión das listaxes de agarda utilizadas para a cobertura temporal de postos de traballo no Concello da Coruña.

Terceiro.- Negociación na Mesa Xeral de Negociación.

Con carácter previo á aprobación da modificación, a proposta foi sometida á Mesa Xeral de Negociación, de conformidade co previsto no artigo 37 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

No transcurso da negociación, esta organización sindical, xunto coa maioría da representación sindical presente na Mesa, manifestou o seu desacordo con diversos aspectos da proposta, formulando observacións expresas relativas, entre outras cuestións:

  á necesidade de incorporar ao expediente administrativo unha xustificación suficiente das modificacións propostas;
 á nova regulación da mellora de emprego;
 ao tratamento das persoas xa integradas nas listaxes vixentes;
 e á utilización de conceptos que, ao xuízo desta parte, carecen da precisión necesaria para garantir unha aplicación homoxénea da Instrución.

O resultado da negociación foi o voto favorable dunha única organización sindical e o voto contrario das tres restantes.

Debe deixarse constancia de que o presente recurso non cuestiona a existencia do proceso negociador nin a competencia da Administración para adoptar finalmente unha decisióndistinta da defendida polas organizacións sindicais, senón a insuficiente motivación de determinados aspectos da resolución finalmente aprobada.

Cuarto.- Ausencia de documentación xustificativa incorporada ao expediente coñecido.

Durante a negociación colectiva foi solicitada expresamente por esta organización sindical a incorporación dunha memoria ou documento equivalente que permitise coñecer as razóns organizativas, funcionais ou técnicas que xustificaban as modificacións introducidas respecto da regulación anterior.

Ata onde alcanza o coñecemento desta parte, non foi facilitada documentación que permitise identificar:

 os problemas concretos detectados na aplicación da Instrución vixente;
 os datos ou informes utilizados para fundamentar a reforma;
 as distintas alternativas valoradas pola Administración;
 nin as razóns polas que se optou finalmente polas solucións incorporadas ao novo texto.

Esta afirmación non pretende soster que o ordenamento xurídico esixa necesariamente a existencia dun documento denominado "memoria xustificativa", senón poñer de manifesto que non consta no expediente administrativo coñecido por esta parte documentación suficiente que permita exteriorizar as razóns que fundamentan as principais decisións discrecionais
incorporadas á modificación da Instrución.

Quinto.- Alcance do presente recurso.

Este recurso non pretende cuestionar globalmente a modificación da Instrución nin negar a potestade de autoorganización da Administración municipal. Pola contra, o presente recurso limítase a impugnar aqueles aspectos da modificación respecto dos que esta parte aprecia unha insuficiente motivación administrativa, unha deficiente concreción normativa ou unha regulación que non permite coñecer adecuadamente as razóns polas que se abandonan solucións anteriormente vixentes para adoptar outras novas.

II.- FUNDAMENTOS XURÍDICOS

PRIMEIRO.- Sobre os límites da potestade de autoorganización da Administración e a esixencia de motivación das decisións discrecionais.

As decisión discrecionais das administración non poden constituir unha facultade inmune ao control xurisdicional, nin tampouco a discrecionalidade das mesmas poden permitir adoptardecisións carentes de fundamento obxectivo ou insuficientemente explicadas.

O artigo 103.1 da Constitución Española establece que a Administración Pública serve con obxectividade os intereses xerais e actúa con sometemento pleno á lei e ao Dereito. Pola súa banda, o artigo 9.3 da Constitución garante, entre outros principios, a seguridade xurídica e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Estes principios desenvólvense no artigo 3.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, que impón ás Administracións Públicas a actuación conforme aos principios de eficacia, obxectividade, transparencia, boa fe, confianza lexítima e boa administración.

A estes principios debe engadirse o deber de motivación previsto nos artigos 35 e 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, especialmente cando a Administración exerce potestades discrecionais ou adopta decisións que afectan a intereses lexítimos dos cidadáns.

A motivación non constitúe unha mera formalidade, senón unha garantía esencial do Estado de Dereito, pois permite coñecer as razóns da decisión administrativa, facilita a súa impugnación polos interesados e posibilita o control xudicial da actuación administrativa.

A doutrina consolidada do Tribunal Supremo ten declarado reiteradamente que a discrecionalidade administrativa non dispensa da obriga de motivar, senón que precisamente a reforza, pois a motivación é o instrumento que permite comprobar que a decisión responde a criterios obxectivos e non arbitrarios.

Así mesmo, o Tribunal Constitucional ten afirmado que a prohibición da arbitrariedade dos poderes públicos implica a necesidade de que toda decisión administrativa susceptible de afectar situacións xurídicas apareza sustentada en razóns obxectivas, suficientes e susceptibles de control.

Aplicando esta doutrina ao presente caso, a modificación da Instrución supón unha revisión substancial do sistema de funcionamento das listaxes de agarda, alterando aspectos que viñan aplicándose de forma continuada durante anos.

Tal circunstancia fai especialmente esixible que a Administración exteriorice as razóns polas que considera necesario modificar o modelo anterior e explique por que as novas solucións resultan máis adecuadas para a consecución das finalidades perseguidas.

Non se trata de cuestionar a oportunidade política ou organizativa das medidas adoptadas, senón de comprobar se a potestade discrecional foi exercida de forma motivada, racional e conforme aos principios que rexen a actuación administrativa.

SEGUNDO.- Sobre a insuficiencia da motivación da resolución impugnada e a ausencia no expediente administrativo dunha fundamentación suficiente das modificacións introducidas.

O núcleo do presente recurso sitúase na insuficiente motivación das modificacións aprobadas e na falta de constancia, no expediente administrativo coñecido por esta parte, da documentación que permita comprender as razóns polas que se adoptan as distintas decisións incorporadas á nova Instrución.

Resulta esixible, tal e como esta sección sindical manifestou na Mesa Xeral de Negociación, que o expediente administrativo conteña os antecedentes, informes e documentos que permitan coñecer o proceso de formación da vontade administrativa e verificar que as decisións discrecionais adoptadas responden a criterios obxectivos, racionais e proporcionados.

Neste sentido, o artigo 70 da Lei 39/2015 define o expediente administrativo como o conxunto ordenado de documentos e actuacións que serven de antecedente e fundamento á resolución administrativa.

Pola súa banda, o artigo 53.1.a) da mesma norma recoñece ás persoas interesadas o dereito a coñecer, en calquera momento da tramitación, o estado do procedemento e a acceder ao expediente administrativo, o que presupón que este conteña os documentos que sustentan efectivamente a decisión adoptada.

No presente caso, durante o proceso de negociación colectiva solicitouse expresamente a incorporación ao expediente da documentación que xustificase as modificacións propostas.

Non obstante, ata onde alcanza o coñecemento desta parte, non foi facilitado documento ningún que permitise identificar:

os problemas detectados na aplicación da Instrución anterior;
 os informes emitidos polos servizos municipais competentes;
 os datos estatísticos ou organizativos que avalasen a necesidade da reforma;
 as distintas alternativas valoradas;
 nin as razóns polas que se optou finalmente polas modificacións aprobadas.

Durante a negociación realizáronse explicacións verbais relativas á conveniencia de simplificar a xestión das listaxes e reducir a carga administrativa derivada da existencia de múltiples relacións de aspirantes.

Esta explicación pode resultar suficiente para comprender a finalidade xeral da creación dunha listaxe única, porén, non permite explicar nin xustificar o conxunto das restantes modificacións introducidas na Instrución, particularmente as relativas ao novo réxime da mellora de emprego, á eliminación de mecanismos anteriormente vixentes, ao novo tratamento das persoas xa integradas nas listaxes ou á utilización do concepto de "categoría equivalente".

Cada unha destas decisións constitúe unha opción normativa autónoma e require unha motivación propia, pois responde a problemas distintos e produce efectos diferentes sobre a xestión das listaxes e sobre as expectativas lexítimas das persoas integrantes delas.

A Administración non pode ampararse nunha finalidade organizativa xenérica para entender motivadas todas as modificacións aprobadas. A motivación debe ser suficiente para permitir coñecer por que se modifica cada aspecto da regulación anterior, que finalidade concreta se pretende acadar e por que a solución finalmente adoptada resulta máis adecuada que outras alternativas razoablemente posibles.

A ausencia desa motivación impide exercer adecuadamente o control da discrecionalidade administrativa e dificulta tanto o exercicio do dereito de defensa das organizacións sindicais como o eventual control xurisdicional da actuación administrativa.

Esta conclusión, resulta especialmente relevante cando a propia organización sindical da CIG puxeron de manifesto durante a Mesa Xeral de Negociación a necesidade de incorporar unha xustificación/memoria específica das modificacións propostas, sen que conste que tales observacións deran lugar á incorporación de novos informes ou antecedentes ao expediente administrativo.

En consecuencia, esta parte considera que a resolución recorrida presenta un déficit de motivación incompatible coas exixencias derivadas dos artigos 9.3 e 103.1 da Constitución Española, dos artigos 3 da Lei 40/2015 e 35, 53, 70 e 88 da Lei 39/2015, ao non exteriorizar de forma suficiente as razóns que sustentan o exercicio da potestade discrecional da Administración.

TERCEIRO.- Sobre a insuficiente motivación da nova regulación da mellora de emprego.

 A modificación da Instrución introduce unha nova regulación da denominada mellora de emprego, establecendo, entre outros aspectos, a necesidade de permanecer un período mínimo de nove meses no desempeño do posto obtido mediante chamamento desde a listaxe para poder optar a un novo nomeamento por esta vía.

Esta parte non cuestiona a competencia da Administración para regular os requisitos de acceso á mellora de emprego mediante decisións discrecionais (sempre e cando respeten os principios de igualdade, mérito, capacidade e non arbitrariedade) mais precisamente por tratarse dunha decisión discrecional, resulta esixible que a Administración exteriorice as razóns polas que adopta a concreta solución finalmente incorporada á Instrución.

No expediente administrativo coñecido por esta parte non consta documentación que permita comprender:

 por que se considera necesario modificar a regulación anteriormente vixente;
 que problemas de xestión se detectaran na aplicación do sistema anterior;
 que datos obxectivos avalan a necesidade da modificación;
 nin por que se fixa precisamente un período de nove meses, e non outro distinto.

A Administración non explica motivadamente se ese prazo responde a datos estatísticos, a necesidades derivadas da estabilidade dos servizos, á duración media dos nomeamentos ou a calquera outra circunstancia obxectivable.

En consecuencia, a decisión aparece desprovista da necesaria xustificación técnica ou organizativa que permita comprobar a súa racionalidade. Esta insuficiencia de motivación cobra especial relevancia por canto durante a negociación colectiva diversas organizacións sindicais formularon observacións expresas sobre a incidencia práctica desta modificación, sen que a resolución recorrida exteriorice as razóns polas que tales consideracións foron descartadas.

CUARTO.- Sobre a insuficiente regulación do réxime transitorio da listaxe única e a indeterminación do concepto de "categoría equivalente".

Un dos aspectos máis relevantes da modificación consiste na implantación dun sistema de listaxe única por categoría profesional, substituíndo o modelo anteriormente existente. Esta parte considera que a simplificación do sistema de listaxes pode responder a unha finalidade organizativa lexítima e mesmo favorecer unha maior eficacia na xestión dos chamamentos, razón pola cal non constitúe obxecto de impugnación a creación da listaxe única en si mesma.

O que se cuestiona é a insuficiente motivación dos efectos derivados da transición entre ambos modelos e a falta de precisión dalgúns dos conceptos empregados pola nova Instrución.

En primeiro lugar, a regulación aprobada non incorpora unha explicación suficiente sobre os criterios utilizados para integrar nunha única relación persoas procedentes de procesos selectivos distintos, nin pondera expresamente o impacto que esa integración pode producir sobre quen xa figuraban nas listaxes anteriormente vixentes e que xeraron expectativas.

É por isto que esta decisión discrecional non pode eximir á Administración de motivar adecuadamente as razóns polas que modifica un sistema consolidado e de explicar os criterios empregados para ordenar a transición entre ambos modelos.

A seguridade xurídica proclamada polo artigo 9.3 da Constitución non impide modificar unha regulación administrativa, pero si esixe que as modificacións resulten previsibles, suficientemente explicadas e acompañadas dunha regulación que permita comprender o seu alcance.

No presente caso, a resolución recorrida non exterioriza as razóns polas que a solución finalmente adoptada resulta preferible a outras posibles opcións de integración das listaxes nin incorpora unha análise dos seus efectos sobre o funcionamento do sistema.

Sobre o concepto de "categoría equivalente"

Especial consideración merece a utilización do concepto de "categoría equivalente", introducido como criterio para posibilitar determinados chamamentos.

A Instrución non incorpora criterio ningún que permita determinar cando dúas categorías profesionais deben considerarse equivalentes. Non se especifica se a equivalencia debe apreciarse atendendo:

 ao grupo ou subgrupo de clasificación;
 á titulación exixida para o acceso;
 ás funcións efectivamente desenvolvidas;
 ao nivel retributivo;
 ou a calquera outro criterio previamente definido.

A ausencia destes parámetros introduce un elevado grao de indeterminación que amplía considerablemente a marxe de apreciación administrativa no momento de efectuar os chamamentos.

Os conceptos xurídicos indeterminados son perfectamente compatibles co ordenamento xurídico cando a propia norma incorpora criterios suficientes para orientar a súa aplicación. Con todo, cando tales criterios non existen ou resultan insuficientes, increméntase o risco de solucións dispares ante situacións substancialmente iguais, comprometendo os principios de igualdade, seguridade xurídica e previsibilidade da actuación administrativa.

Neste punto, a resolución recorrida tampouco incorpora explicación ningunha sobre as razóns polas que se opta por unha fórmula tan aberta nin sobre os mecanismos previstos para garantir unha aplicación uniforme deste novo criterio.

En consecuencia, esta parte considera que a regulación do concepto de "categoría equivalente" debería completarse mediante criterios obxectivos que permitan coñecer con suficiente anticipación os supostos nos que poderá ser aplicada, reforzando así a seguridade xurídica e reducindo a discrecionalidade administrativa na fase de xestión das listaxes.

En virtude do exposto,

SOLICITO que, tendo por presentado este recurso potestativo de reposición, se admita e, previos os trámites oportunos, se dite resolución pola que:

PRIMEIRO.- Se estime o presente recurso e se declare a nulidade ou, subsidiariamente, a anulabilidade dos preceptos da Instrución impugnados relativos:

á regulación da mellora de emprego;
 á regulación transitoria derivada da implantación da listaxe única, na medida en que non aparece suficientemente motivada;
 e á regulación do concepto de "categoría equivalente", por insuficiente determinación dos criterios para a súa aplicación.

Todo iso por resultar insuficientemente motivados e non quedar debidamente xustificado no expediente administrativo o exercicio da potestade discrecional da Administración.

SEGUNDO.- Subsidiariamente, para o caso de non estimarse a pretensión anterior, que se acorde a retroacción das actuacións ao momento inmediatamente anterior á aprobación da modificación da Instrución, co fin de que:

 se incorporen ao expediente administrativo os informes, estudos, antecedentes ou demais documentación que fundamenten as modificacións aprobadas;
 se valoren expresamente as alegacións formuladas durante o proceso de negociación colectiva;
 e se dite unha nova resolución debidamente motivada, na que se exterioricen as razóns organizativas, funcionais e xurídicas que sustentan cada unha das modificacións introducidas.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

I COMPETENCIA.- En canto á competencia, é competente o órgano ao que me dirixo por ser o mesmo que ditou a resolución que agora se impugna, tal e como dispón o artigo 123.1 da lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo Común das Administracións Públicas.
II LEXITIMACIÓN.- Ostento a lexitimación que como representante da CIG confire a LOLS no seu artigo 6 aos sindicatos que ostentan a condición de mais representativos.
III PROCEDEMENTO.- en canto as formalidades do procedemento o presente recurso cumpre cos requisitos que esixen expresamente os artigos 123 e 124 da mencionada lei 39/2015

Na Coruña, na data da sinatura electrónica do documento.

Categoría: INICIO
Visitas: 66