RESUMO MXN DO 19 DE XULLO DE 2022

 

No día onte, 19 de xullo,  tivo lugar a Mesa Xeral de Negociación que convocou o concelleiro a pasada semana, e que para non perder o costume, puxeron á nosa disposición a documentación relativa aos puntos a tratar con 24 horas de antelación. Esperemos que o xulgado cambie o rumbo destas prácticas abusivas e carentes de toda clase de respecto aos representantes das/os traballadoras/es.

A orde día contiña os seguintes puntos que pasamos a resumirvos:

 

     1.   Aprobación da acta da MXN anterior.

Aprobación por unanimidade.

 

  1. Proceso de estabilización do emprego público.

O concelleiro explica que aprobou a OPE 2022, na que se inclúen as prazas correspondentes aos procesos de estabilización, o pasado 20 de maio, dentro do prazo previsto pola Lei 20/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Como xa informaron con anterioridade, volven recordar que os procesos de estabilización das OPE 2017 e 2018 xa foron comunicados no seu día ás persoas interesadas e os correspondentes ás prazas incluídas na OPE 2022 informan que están sendo comunicadas nestes días.

De acordo ao establecido na lei 20/2021, procede aprobar as bases xerais que rexerán os procesos de estabilización, tanto os que se desenvolverán polo sistema de concurso como aos que se levarán a cabo a través do sistema de concurso-oposición.

Informa que nestes intres o servizo de Recursos Humanos está elaborando un borrador de bases xerais de aplicación a todos os procesos, que se complementarán coas específicas relativas a cada unha das convocatorias. O concelleiro propón a creación dunha Mesa Técnica para este asunto que inicie o traballo  a partir do mes de setembro. Ten previsto ter rematadas as bases no mes de novembro de 2022 e facer os procesos de estabilización no 2023, en canto rematen os procesos de promocións internas, OPE libre e concurso.

A CIG explica ao concelleiro que as centras sindicais do país, agás a CSIF que so estivo na primeira das xuntanzas de traballo e non volveu, están a traballar coa FEGAMP nunhas recomendacións sobre as bases dos procesos de estabilización e que este traballo está a piques de rematar e que se remitirá a tódolos concellos para que poida haber homoxeneidade nos procesos que convoquen as distintas entidades locais.

O concelleiro manifesta que terá en conta o documento que achegue a FEGAMP, pero deixa claro que non seguirá a totalidade das mesmas, xa que o concelleiro ten criterio persoal e político propio en certos aspectos, tales como o criterio de desempate: a pesar de que as centrais sindicais comparten por unanimidade o criterio de desempate o de prestar servizos na administración convocante, que hai xa numerosas bases de convocatorias que inclúen este criterio, así como xurisprudencia ao respecto… o concelleiro non comparte este criterio a pesar da excepcionalidade do proceso, nin dende o punto de vista de eficiencia (aproveitar o coñecemento do traballo e da estrutura organizativa dos traballadores que xa están prestando servizos) nin dende o criterio económico (evitar o pago de numerosas indemnizacións con cartos públicos nun momento de gran incerteza económica). O concelleiro non comparte que para os procesos do artigo 2 a fase de oposición non sexa eliminatoria.

 

  1. Iniciación dos traballos de valoración de postos de traballo: RPT.

O Goberno Municipal da conta do estado de traballo coa empresa adxudicataria para a elaboración da RPT, que resultou ser ADECCO. O concello mantivo xa as primeiras reunión coa empresa nas que se constituíron os equipos de traballo e de intercambio de información, para proceder á realización da primeira fase de análise da organización municipal, coa descrición funcional dos servizos, dos departamentos e das unidades administrativas, así como unha análise dos postos de traballo, o cal permitirá ter unha visión dos mesmos e dos/as empregados/as que os ocupan. O concelleiro propón manter un primeiro encontro entre a empresa e as seccións sindicais, que en principio establécese que poida ter lugar no mes de setembro.

A CIG recórdalle ao señor concelleiro que ten un compromiso para que o método de valoración da RPT sexa consensuado nunha MXN e non imposto pola empresa.

Existe un prazo de execución no contrato coa empresa de 11 meses, e todos concordamos en que será moi difícil que poida ter o traballo rematado nese tempo.

O señor Lage deixa claro que a nova RPT, no caso de que chegue a rematarse, non solucionará os problemas retributivos xerais xa que non suporá un incremento notable da masa salarial, nin melloras retributivas en termos xeral…

 

  1. Dación de conta do estado dos procesos selectivos do período 2022-2023.

O concelleiro da conta a través dun documento elaborado polo servizo de Persoal do estado dos diferentes procesos de selección das OEP acumuladas tanto de procesos de libre concorrencia, promoción interna e concurso de traslados.

Ao respecto do concurso de traslados o concelleiro informa que a partir de setembro comezará a fase de lectura de memorias.

Ao respecto do resto de procesos prevese rematar coa promoción interna e procesos de libre concorrencia das OEP acumuladas, ao longo do 2023. Se dera tempo, incluso comezaríase cos procesos de selección da OEP do 2022.

 

  1. Carreira horizontal

Propón iniciar traballos para a elaboración dun regulamento a través de Mesas Técnicas coas seccións sindicais a partir do mes de setembro. Cabe recordar que o compromiso do Goberno Municipal foi abordar unha segunda fase de melloras para o resto de persoal, despois de ter abordado por separado as relativas á área de Seguridade Cidadá, a partir do mes de xuño de 2022… e como pronto xa recoñece que comezaremos a traballar nesas melloras (que o señor concelleiro limita á carreira horizontal) a partir de setembro de 2022.

Non é claro cos tempos, nin cos prazos, nin co alcance. Recoñece por un lado que non cre que quede resolto neste mandato, pero por outra parte di que ao mellor parcialmente, pero por outro lado di que cre que sería mellor abordar a carreira horizontal na nova RPT…. Non hai claridade nin transparencia.

Encantaríanos que en temas tan relevantes e igualadores como unha valoración de postos de traballo e a carreira horizontal do persoal municipal, mostrara a mesma claridade e contundencia coa que falou por,  exemplo, do criterio de desempate nos procesos de estabilización, ou na determinación persoal de que na nova RPT as xefaturas de servizos sexan, exclusivamente, de libre designación….

¿Os motivos de por que é claro nuns asuntos que afectan a uns poucos e non nos que afectan a todos? Seguro que despois de ler este resumo vos mesmos chegades a interesantes conclusións ao respecto desta pregunta.

 

 

 

Agardamos que esta información fose do voso interese. Recordade que podedes contactarnos a través do noso correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., na nosa extensión 10141 e acceder á toda información a través na nosa páxina web www.cigconcelloacoruna.com