A CIG denuncia a hipocrisía do Goberno de Inés Rey: feminismo de discurso e abandono da Casa de Acollida

A Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña denuncia a situación insostible e precarizada que sofre desde hai anos o persoal auxiliar da Casa de Acollida Municipal, un recurso esencial na loita contra a violencia de xénero e o risco que supón para as mulleres que sofren esta violencia.

Resulta inaceptable que isto aconteza baixo un goberno que se di feminista. O Executivo de Inés Rey presume de igualdade mentres mantén en condicións indignas un servizo clave para a protección das mulleres vítimas de violencia machista. Isto non é feminismo: é propaganda.

A RPT contempla 9 prazas, pero só unha está cuberta de maneira estable, mentres o resto do persoal —un colectivo feminizado— continúa en fraude de temporalidade, no nivel máis baixo e sometido a unha sobrecarga extrema:

  • Quendas cubertas por unha soa auxiliar
  • Cuadrantes sen planificación
  • Dificultades para vacacións e conciliación
  • A falta de concreción na aplicación dos coeficientes nocturnos, mentres si se recoñecen a colectivos masculinizados como a Policía Local

Estamos ante unha política laboral machista sostida por un goberno que presume do contrario.

As consecuencias son graves: chegouse a que unha traballadora accidentada non puidese abandonar o seu posto ao estar soa. Isto é desprotección institucional.

No plano sindical, tras tres mesas técnicas en 2025 sen avances reais, solicitamos reunión coa concelleira Nereida Canosa e seguimos sen resposta. Tamén incumpriron o compromiso de convocar unha nova mesa no primeiro trimestre de 2026, nun claro desprezo á representación sindical.

A situación xa foi denunciada no pleno polos grupos da oposición, mentres o Goberno segue sen actuar. Ao mesmo tempo, licítase unha empresa privada sen transparencia, baixo sospeitas de posibles vinculacións co entorno da concellería.

Esiximos solucións inmediatas: cobertura das prazas, fin da temporalidade, reforzo de persoal, dereitos laborais reais —incluídos os nocturnos— e transparencia.