20150108_TTIP.mobilizacion
 

O TTIP pode converterse nun dos grandes ataques non xa contra a soberanía dos pobos (que baixo o capitalismo non existe) senón contra o Estado de Dereito como o coñecemos nas últimas décadas

O contexto de negociación, as orixes do TTIP e o seu novo modelo de relacións laborais

 Un dos argumentos clásicos durante a última etapa á hora de xustificar os recortes de dereitos laborais é a necesidade de acabar cos efectos sociais da crise e de crear emprego. Nada máis lonxe da realidade. O proceso de creación do TTIP (polas súas siglas en inglés, correspondentes a Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos) é anterior á crise e responde, desde o punto de vista económico e laboral, a dous elementos: por unha banda, a clásica política de aumentar os beneficios dos grandes capitais a través de incrementar o nivel de explotación da clase traballadora, e por outro (e ante o contexto de afundimento de boa parte da economía especulativa) a entrada das multinacionais en sectores da economía produtiva nos que até o de agora o seu nivel de participación era reducido, esencialmente os servizos públicos.

 A crise do modelo de produción da globalización neoliberal transfórmase en acción política da burguesía para conseguir manter a súa taxa de beneficios a través de reducir os custos laborais: menos salarios, redución das indemnizacións por extinción do contrato, facilidades para modificar todas as condicións de traballo, etc., etc. Nunha primeira fase, isto veu da man da destrución de postos de traballo para reducir en boa parte unha xeración histórica de traballadores entre os que sectores importantes gozaban de condicións dignas. Na súa estratexia, agora xa non optan por aumentar os niveis de desemprego (do actual 20-25%), senón por transformar o emprego de calidade que queda en emprego precario. Tres postos de traballo dignos han querelos transformar en catro de precarios, aumentando así os seus beneficios e situando o desemprego en niveis do 15% na próxima década.

O contido e a significación do TTIP con afectación directa e indirecta sobre as relacións laborais

 Desde o punto de vista dos dereitos laborais, poderiamos falar de tres elementos esenciais que definen o TTIP: opacidade, intervención privada na regulación e privatización do órgano de resolución de controversias.

 A propia Comisión Europea define na súa web ao TTIP da seguinte forma: "O TTIP ten por obxectivo eliminar as barreiras comerciais entre os Estados Unidos e a Unión Europea (suprimir aranceis e normativa innecesaria, restricións ao investimento, etc.) e simplificar a compravenda de bens e servizos entre estes dous espazos. Eliminar estas barreiras supoñerá crecemento económico, creación de postos de traballo e diminución dos prezos."

 Unha vez visto o contido, debemos analizar a afectación concreta. En primeiro lugar, realmente o TTIP non fala de aranceis, senón do conxunto de garantías e controis que interveñen na exportación e importación dunha mercadoría; é dicir, eliminar controis administrativos e garantías sobre os produtos. En segundo lugar, cando se refire á obriga de estándares comúns dos dereitos laborais, non se define se falamos de mínimos ou de máximos, pero atopamos unha simple referencia ao concepto de Traballo Decente da Organización Internacional do Traballo (OIT) e non aos convenios desta organización internacional. Así mesmo, non se establece nos documentos ningunha cláusula de intanxibilidade ou non regresividade que obrigase a manter uns mínimos dereitos. Nun contexto no cal estados da Unión Europea reducen dereitos e cun movemento sindical maioritario que non opta pola mobilización, pódenos abocar a unha perda de dereitos laborais. Se observamos a media de convenios da OIT ratificados polo Reino de España, 133, están moi lonxe dos 14 dos EEUU. Isto tería un claro efecto sobre a normativa interna, nunha tendencia á baixa na aplicación do TTIP, transformando así o mandato de creación de normativa común en perda de dereitos.

 Debemos ter en conta que, como xa intentou o primeiro borrador de Directiva Bolkestein, se facilita a posibilidade de aplicar as normas do país de orixe se a empresa non ten sede onde presta servizos e fai un simple desprazamento de persoal. Isto implicaría que as normativas aplicábeis non serían as de estados da Unión Europea senón o dereito laboral dos estados de EEUU., na maior parte dos cales non hai salario mínimo, dereito a negociación colectiva ou dereito de folga.

 Non o abordamos neste artigo porque se trata noutro capítulo, pero uno dos grandes obxectivos do TTIP é que os servizos públicos sexan totalmente privatizados (TISA é a folla de ruta), o que poderían conseguir a través da Garantía do Mínimo Custo. Debemos lembrar que, parcialmente, isto xa se incorporou á normativa de entes locais vixente en Estado español.

Acordos de investimento e o ISDS: a privatización e privación de xustiza

 Falamos de opacidade por ser secretos boa parte dos documentos do proceso de negociación (como, por exemplo, a Nota da Comisión de 26 de maio de 2014 xa filtrada), aínda que hai outros que se fixeron públicos, como a nota informativa da Comisión Europea de novembro de 2013, onde se definen novas liñas de actuación relativas a acordos de investimento: por unha banda, "aclarar e mellorar as normas de protección do investimento", e por outro “mellorar o funcionamento do sistema de solución de controversias”. Isto vén significar que a nova normativa poderá desenvolver o concepto de "expropiación indirecta". Na práctica, implicaría que habería que compensar economicamente a un investidor dun sector ou actividade no que se aumentasen os dereitos laborais ou os impostos ou no que simplemente se optase por recuperar a titularidade ou xestión pública. Estas tres situacións terían a consideración de dano ao investimento que debería ser indemnizado polo Estado.

 O novo sistema de solución de controversias, o outro gran elemento do TTIP, é o ISDS (Solución de Controversias entre Investidores e Estados). Viría ser un tribunal de arbitraxe formado por tres xuristas privados, facendo un deles de “xuíz”. Este organismo está pensado para que as empresas poidan emprender accións legais contra un Estado se consideran que os seus intereses comerciais foron prexudicados. Indubidabelmente, isto non só rompe con calquera concepción do Estado de Dereito senón que resta soberanía mesmo aos aparellos do estado dos Estado-nación. As resolucións, laudos, serían non recorríbeis e executábeis. Até o de agora coñecemos os tribunais públicos que emanan dun aparello do Estado burgués, que, máis aló da súa natureza de clase, da normativa existente e da correlación de forzas do movemento obreiro, nalgunhas ocasións permiten resolucións progresistas como mecanismo para minorar o conflito capital-traballo. Co ISDS a normativa ten unha orixe privada, coa intervención directa dos lobbies, os tribunais non teñen xuíces públicos senón xuristas privados e non se permite nin o recurso. Ademais, deberiamos ser conscientes de que aquí as partes son multinacionais e Estados, e os auténticos prexudicados son a clase traballadora e as nacións sen Estado que nin sequera poden comparecer no procedemento para defender os seus intereses.

 Co ISDS xa non falamos de golpe de Estado contra os dereitos sociais senón contra a propia democracia burguesa; quen lexisla e emite resolución son os representantes da burguesía para garantir que cando se municipalice, se nacionalice e se aumenten os impostos ou se conquisten dereitos laborais, haxa que os compensar economicamente.

As xustificacións do TTIP

 As xustificacións do TTIP, que atopamos no informe realizado polo Centre for Economic Policy Research de Londres, son dúas ideas moi simples: o incremento do PIB e a creación de emprego.

 O incremento do 0,5% do PIB sitúano na eliminación do que denominan aranceis ás mercadorías, e que fixan entre o 10 e o 20% do seu custo. Non só non é correcto o dato de que os aranceis supoñen a porcentaxe sobre o custo que din, senón que por rebaixar ou eliminar estes non se aumenta o PIB (isto último sempre depende da demanda e non da desregulación normativa). O incremento do PIB sitúano nos sectores do metal (12%) e alimentos procesados (9%) pola eliminación de controis de seguridade e alimentarios. O eliminar garantías e controis e rebaixar salarios ten un efecto de caída da demanda nos territorios onde se aplica, polo que o primeiro efecto é a caída do consumo nos estados da Unión Europea. O diminuír controis non supón aumentar a demanda senón rebaixar custos. Iso á súa vez ten un efecto de destrución de emprego que provoca esa caída de consumo. Así mesmo, a chegada de produtos a un custo inferior supón unha diminución da produción interna.

 En canto á creación de emprego, no caso do Estado español sitúana en 144.000 postos de traballo. Pero debemos explicar que a tendencia será a eliminar postos de traballo e a transformar emprego de calidade en precario. Todos os tratados chamados “de libre comercio” tiveron efectos no conxunto do planeta, cuantificando xa os primeiros estudos a perda dun millón de postos de traballo como consecuencia do TTIP (Tufts University). A seguir, no caso concreto do Estado español explicaremos o porqué.

Os efectos do TTIP no Estado español

 O TTIP pode converterse nun dos grandes ataques non xa contra a soberanía dos pobos (que baixo o capitalismo non existe) senón contra o Estado de Dereito como o coñecemos nas últimas décadas. Á vez, e como xa adiantamos, o obxecto que se persegue é atopar novos mercados para as burguesías internacionais a través da eliminación de garantías de todo tipo, a degradación das condicións laborais e asegurarse a xestión privada dos históricos servizos públicos.

 No terreo do concreto, e analizado o carácter periférico da economía española (construción, turismo, automóbil e agroalimentaria), veremos que algunhas zonas que teñen o automóbil e o metal como principais actividades (Barcelona, Valencia, Valladolid, Pontevedra) terán unha caída das súas producións por chegar aos mercados vehículos e produtos estadounidenses fabricados con menos dereitos laborais. Así mesmo, o efecto indirecto será unha permanente presión sobre os salarios dignos dos sectores do automóbil e o metal, algo que tamén podería ocorrer noutros sectores, como a alimentación pola chegada de produtos a baixo prezo froito da falta de dereitos laborais e a alteración xenética destes. Só debemos observar o efecto da eliminación dun millón de postos de traballo na agricultura e a alimentación en México nos vinte anos de vixencia do NAFTA.

 Agora xa non falamos de deslocalización de actividades, senón dun proceso de degradación interna das condicións laborais polo que as pequenas e medianas empresas non poden asumir as caídas de custos, cuestión que provocará a destrución de emprego. Nese camiño, os traballadores e traballadoras das grandes empresas verán degradadas as súas condicións laborais.

 Non foron obxecto de análise neste artigo os efectos das propostas do documento secreto de 26 de maio de 2014, pero o seu desenvolvemento é un puro espolio e roubo dos servizos públicos a mans das multinacionais. Impoñer o mellor prezo como criterio principal na xestión do servizo público é un agasallo para as grandes empresas privadas, á vez que implicará un proceso sen precedentes de degradación das condicións laborais. Unicamente temos que ver as condicións dos traballadores e as traballadoras de Telefónica fai vinte anos e as das contratas privadas do sector da telefonía na actualidade. Tamén deberiamos ver a calidade dos servizos de agora e os que tiñamos con titularidade pública. É por iso polo que queren garantir a imposibilidade de remunicipalizacións e nacionalizacións.

 Máis aló das dificultades para coñecer todo o que se discute entre EEUU e a Comisión Europea, o TTIP, CETA e TISA son os mecanismos a través dos cales nos rouban servizos públicos e degradan condicións laborais como camiño para manter as taxas de beneficios das multinacionais. Pero, sobre todo, son a nova táctica e estratexia en que a desposesión se desenvolve a través de mecanismos case sen posibilidade de participación pública e onde xeran un suxeito antagónico con dificultades de identificación.

 Agora xa non falamos de modelos económicos dentro do capitalismo, falamos dun modelo único cunha única posibilidade de xestión, empobrecendo as clases traballadoras e terminando con expresións de democracias formais. Pensar que hai algún tipo de liberdade no paraugas da Unión Europea é unha utopía reaccionaria e manterse no capitalismo como modelo económico é asumir o sufrimento social.