O Consello de Ministros aprobou este venres un Real Decreto de medidas en materia de emprego público, sen previa convocatoria da Mesa de Negociacións

A Área Pública da CIG (CIG-Adminsitración, CIG-Ensino, CIG-Saúde), diante do anuncio propagandístico do Consello de Ministros de que se devolverán ás empregadas e empregados públicos as pagas extra suprimidas, denuncia que se trata dunha operación estética e electoralista, que se ningunearon os órganos de representación e reitera todas as súas demandas.
11-12-21 area publica 3
 

A Área Pública da CIG lembra que o Ministro de Facenda e Administracións Públicas xa se comprometera ante a mesa Xeral das administracións públicas do pasado 30 de xullo a abrir un proceso de negociación en dito ámbito. Porén asegura que, a día de hoxe, cun Real Decreto Lei anunciado este venres e o proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016 en trámite, non houbo nin unha soa convocatoria a Mesa de Negociación.

Por iso considera que é “un insulto aos órganos de representación que hoxe se aprobe esta modificación das condicións de traballo sen convocar á mesa xeral de empregadas/os públicos/as”. Entende ademais que é “insultante que a CSIF queira utilizar as/os traballadoras/es públicos como vasalos do Partido Popular” e que se presente como “portavoz da organización política que nos suprimiu os nosos dereitos adiantando as medidas que adoptará o goberno”.

A Área Pública da CIG lembra ademais que xa na primeira semana de agosto o propio Feijóo anunciou tras da celebración do Consello da Xunta que o 25% da paga extra do ano 2012 será reintegrada aos traballadores/as da Xunta de Galiza en este ano 2015. “Non sabemos nada efectivo sobre iso, repiten este anuncio unha e outra vez como pura propaganda e agora o reiteran porque estamos ás portas dun novo proceso electoral”.

CIG-Área Pública queda á espera de poder coñecer o contido completo do Decreto  e ver o alcance que terá para o conxunto das administracións públicas aquí en Galiza. En todo caso denuncia “a discriminación que supón entre distintas administración, xa que ese decreto é de aplicación directa para o persoal da Administración Xeral do Estado” e subliña que “cando son recortes ou anulación de dereitos os decretos leis son de obrigado cumprimento para o persoal de todas as administracións pero cando son reposicións  levan coletillas de que quedan á consideración das posibilidades de cada administración”.

En todo caso, para a CIG é insuficiente que se limiten unicamente a devolver as pagas extra subtraídas. Xunto a isto exixe que se recuperen todos os dereitos que foron suprimidos a través dos sucesivos decretos e leis que supuxeron un retroceso gravísimo nas condicións laborais, salariais e sociais de todas as empregadas e empregados públicos.

Considera un anuncio electoralista o incremento salarial do 1% para o persoal das administracións e reclama aumentar o emprego público estábel para garantir uns servizos calidade

Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada esta tarde co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".
11-12-21 area publica 3
 

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Este xoves está convocada a Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas para tratar os Orzamentos Xerais do Estado para 2016

Ante a convocatoria da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas para este xoves, en Madrid, a CIG-Área Pública (Ensino, Saúde e Administración Pública) critica a falta de propostas concretas por parte do Goberno español, mentres abundan os anuncios propagandísticos “de cara a manipular a opinión pública a respecto da falsa recuperación de dereitos e condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores ao servizo das distintas administracións”.
RecursoAreaPublica
 

A CIG (como central sindical con maior representación nas administracións públicas con presenza en Galiza) está convocada á Mesa Xeral na que se tratarán os aspectos contidos na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2016 que afectan ao persoal das administracións, tales como as cuestións retributivas ou a oferta de emprego público.

Para a Área Pública da CIG, unha vez máis, o Goberno nin sequera acerta nas formas, xa que as centrais sindicais asistirán a esa mesa de negociación sen coñecer unha proposta concreta. “Acudiremos sabendo só dos anuncios e noticias que, descaradamente, son transmitidos aos medios de comunicación coa finalidade de manipular a opinión pública sobre a falsa recuperación de dereitos e condicións laborais e salariais das empregadas e empregados públicos, así como a falsa recuperación de servizos públicos”.

A orde do día, critica Maricarme López Santamariña, voceira da CIG-Área Pública, resulta como sempre xenérica e “oca  de contido”. O que, entende,  pon de manifesto a nula vontade negociadora “e xa nos adianta que  a postura do Goberno é puramente estética e falsa”.

 

As mobilizacións producíronse de forma simultánea nos diferentes países da UE e en América do Norte
 
Con concentracións en toda Galiza e unha manifestación conxunta en Vigo, a CIG manifestou a súa rotunda oposición ao Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP). Unhas mobilizacións que se desenvolveron no marco dunha xornada internacional que o secretario xeral, Suso Seixo, considerou dobremente importantes porque con elas, ademais de rexeitar o TTIP, tamén se manifestou a oposición ao CETA (Acordo Económico de Comercio Global).
2015 04 18 ManifaTTIPVigo09
 

Galería de imaxes

Seixo, que participou na concentración celebrada en Compostela, lembrou que está previsto que o CETA –un tratado de características similares ao TTIP, negociado entre Canadá e a UE- vaia a debate no parlamento Europeo en decembro deste ano. “O que ocorra con este tratado pode ser bastante determinante para o que suceda despois co TTIP xa que o contido de ambos os dous acordos é moi similar e se conseguimos que a maioría dos eurodeputados non o aproben podería implicar que este tamén quedara aparcado de momento”, sinalou.

Para o secretario xeral da CIG o TTIP hai que inserilo no espírito das políticas de liberalización do comercio e dos investimentos a nivel internacional da Organización Mundial de Comercio (OMC), que pretendía facilitar a entrada das empresas multinacionais nos mercados de todo o mundo eliminando as trabas existentes. “Como iso atopou moitas dificultades pola oposición de moitos países, sobre todo do terceiro mundo, e provocou infinidade de mobilizacións sociais en contra, o que se fai a través destes acordos de carácter bilateral é intentar facer efectivos esas normas de liberalización que pretendía a OMC por esta vía”.

A isto engadiu que para evitar que se estabelezan medidas proteccionistas por parte dos estados, con estes acordos créase un mecanismo de Resolución de Disputas entre Investidores e Estados (ISDS). Un órgano de arbitraxe ao que poderán recorrer as multinacionais para demandar os estados se ven prexudicados os seus intereses polas decisións que os gobernos adopten en calquera materia. “É determinante, porque a través dese mecanismo o que buscan precisamente é que calquera intento que poida haber por parte dun goberno dun estado para defender os seus intereses o teña moi difícil”.

Parello a isto, estes tratados prevén a creación do chamado “Consello de Cooperación Reguladora”. Un órgano permanente encargado de harmonizar a lexislación e a normativa xa existente que poderá reducir ás cotas máis baixas posíbeis de exixencia os estándares de dereitos en materia laboral, de saúde, mediomabiental… “Trátase de institucionalizar os mecanismos a través dos que as grandes empresas multinacionais poidan incidir e de dificultar que os estados poidan facer novas regulacións que poñan en cuestión a rendibilidade dos seus investimentos”.

De feito Seixo alertou de que ese Consello de Cooperación Reguladora terá capacidade -ao longo do tempo e de forma aínda máis opaca- para ir recortando a regulación en materias como servizos, medioambiente, saúde ou alimentación, que poderían quedar agora á marxe destes tratados pola presión social. “Camiñamos cara un modelo de sociedade no que os estados van ter menos capacidade fronte os intereses das multinacionais”, asegurou.

Xunto a isto denunciou que serán tribunais de arbitraxe internacionais privados os que diriman as cuestións entre empresas e estados. “Son tribunais á marxe dos ordinarios de xustiza e da lexislación dos estados que estarán constituídos por avogados/as de grandes bufetes especializados na materia. Dáse ademais a circunstancia de que eses mesmos avogados que nun momento actúan como tribunal de arbitraxe, logo actúan como avogados de parte das multinacionais co cal xa se pode imaxinar a favor de quen vai ser o seu posicionamento”.

Para o secretario xeral da CIG todo isto supón que o capital transnacional non só vai ter influencia directa nas políticas económicas e laborais senón que mesmo vai institucionalizar uns mecanismos e crear un escenario no que se vai permitir o luxo de ter garantida unha marxe de beneficios en todos os investimentos que faga.

Precariedade laboral

Seixo chamou especialmente a atención sobre as consecuencias que estes tratados terán para as condicións laborais de de vida da clase traballadora. “Van acentuar as políticas xa emprendidas polo FMI, a UE de ir cara unha cada vez maior redución de dereitos, flexibilización e desregulación do mercado laboral”, dixo.

Lembrou que as últimas políticas que se promoveron por parte do PP e do PSOE de reformar o mercado laboral, a reforma da negociación colectiva ou o debate permanente que está introducindo a patronal en materia de folga “pretenden ir reducindo dereitos en materia laboral e de prestacións sociais seguindo o modelo norteamericano”.

Ao seu entender un tratado destas características vai acelerar aínda máis este proceso, porque as propias empresas da UE van presionar moito máis aos gobernos. “Estamos a falar de gobernos que son moi proclives ás súas exixencias, alegando que non poden competir nas mesmas condicións que as multinacionais norteamericanas á hora de vender os seus produtos no mercado europeo, porque parten dunhas condicións laborais e sociais cunhas exixencias moito máis baixas das que hai hoxe na UE”.

Ante isto concluíu que “estes tratados o que van facer é acelerar a tendencia das políticas da UE de recorte de dereitos, desregulación e flexibilización do mercado laboral. Por iso é tan importante que non sexan aprobados”.

Vigo acolleu a primeira das asembleas informativas da campaña nacional sobre o TTIP que continúa este martes día 3 en Ferrol

 
A CIG celebrou este mércores en Vigo a primeira das asembleas previstas na campaña nacional de divulgación e explicación dos contidos e das consecuencias do Tratado Transatántico de Comercio e Investimento (TTIP) que están a negociar os estados de América do Norte (EEUU e Canadá) e a Unión Europea. Dende a central sosteñen que se trata dun acordo de libre comercio que suporá un golpe do capital no saqueo á clase traballadora e un ataque á soberanía dos estados, ademais de constituír un retroceso sen precedentes nos dereitos laborais, económicos, sociais e ambientais.
2015 01 28 AsembleaInformativaTTIPVigo03
 

(Galería de imaxes)

No acto celebrado no local do sindicato na cidade -que foi presentado polo secretario comarcal, Alberte Gonçalves- interviron o director da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera: o secretario comarcal da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira; e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara.

O máximo responsábel da CIG-Vigo lembrou que a asemblea enmárcase nunha campaña nacional que vén de poñer en marcha o sindicato nacionalista e que inclúe actos informativos nas sete cidades galegas. Gonçalves denunciou que o acordo está a ser negociado de xeito oscurantista “en centros de decisión cada vez máis afastados de nós” e advertiu que a pesar de tratarse dun acordo comercial “vai afectar tamén aos convenios colectivos e ás condicións de traballo”.

Neste senso, incidiu en que é máis que un simple tratado de libre comercio, xa que modifica a normativa xa existente en materia laboral, social e mesmo ambiental. “Trátase dun novo golpe do capital no saqueo á clase traballadora, e polo tanto hai que inserilo no marco da loita de clases”.

Un novo paso na globalización

A CIG inicia hoxe en Vigo unha campaña informativa sobre os contidos e as consecuencias para a clase traballadora do TTIP e do CETA

A CIG vai iniciar unha campaña para divulgar os contidos e as consecuencias que terán para as clases populares os tratados de libre comercio que a Unión Europea e os estados de América do Norte (EEUU e Canadá) están a negociar de xeito opaco. Uns tratados que, de aprobárense, suporán un golpe brutal á soberanía dos estados, ao quedar esta supeditada aos intereses e beneficios das empresas multinacionais; e constituíndo un retroceso sen precedentes nos nosos dereitos económicos, sociais e ambientais máis elementais. O primeiro acto informativo terá lugar hoxe mércores no local da CIG de Vigo ás 18.30 horas e nela participarán Alberte Gonçalves, Manuel Mera, Antolín Alcántara e Manuel G. Moreiras.
Cartaz_Tratado_TTIP
 

Na primeira fase desta campaña a central sindical ten convocados actos abertos en cada unha das comarcas para informar do contido dos acordos e explicar as consecuencias que terán para nós como clase e como nación. As conferencias, nas que tamén se proxectará un vídeo-documental, comezarán este mesmo mércores 28 en Vigo e rematarán o 24 de febreiro en Ourense.

As datas previstas dos actos públicos (a falta de concretar lugares a horas) son:

- Vigo, 28 de xaneiro: ás 18:30 horas no local sindical (r/ Greogorio Espino, 47).

- Ferrol, 3 de febreiro

- Lugo, 10 de febreiro.

- A Coruña, 11 de febreiro.

- Compostela, 12 de febreiro.

- Pontevedra, 12 de febreiro.

- Ourense, 24 de febreiro.

Que é o tratado TTIP? 

 O TTIP (nas siglas en inglés de Transatlantic Trade and Investment Partnership) é un acordo transatlántico que se negocia  en segredo dende ano pasado entre a Unión Europea e os Estados Unidos de América. Está prevista a súa entrada en vigor a finais do ano 2015. Plenamente coincidente en contidos e obxectivos é o texto -xa pechado- do Acordo Económico e Comercial Global (CETA - AECG) entre o Canadá e a Unión Europea.

Este Tratado non se discute en ningún Parlamento, é secreto; por tanto, os parlamentos dos estados membros non poden participar, negociar, aprobar ou rexeitar o Acordo. Contrariamente, participan máis de 600 asesores/as das máis grandes empresas multinacionais destes continentes. Son, por tanto, estas corporacións as que impoñen as condicións políticas do Acordo por riba dos estados.

Negocian acordos que diminúan ou eliminen todas aquelas normas que protexen ou aseguran a calidade dos servizos, dos alimentos, da agricultura, dos dereitos sindicais, do salario, das pensións, da sanidade, do ensino, do medio ambiente, etc., para asegurar a liberdade de mercado destas grandes multinacionais e bancos.

Créanse tribunais privados constituídos por estas grandes empresas, que poderán sancionar a un ou varios estados con indemnizacións millonarias, se consideran ser afectadas na súa competencia ou actividade por normas ou lexislación que protexan o traballo, a alimentación, o comercio, o medio ambiente ou os servizos e prestacións públicas.

Que consecuencias vai ter?

Na seguridade alimentaria.- Exemplos: En Europa só está permitido a comercialización dun produto transxénico, en EEUU 160. Eliminarase o control sobre os pesticidas; eliminarase a prohibición sobre a hormona de crecemento bovina relacionada con cancro en humanos. Permitirase a venda e consumo de carnes de ave tratadas con cloro para branquealas. Trátase de non pór trabas ás grandes empresas agroalimentarias. O principal é o negocio e non a saúde da poboación. Os nosos produtos, os nosos labregos/as e gandeiros/as non poderán resistir contra estas multinacionais.

Nos dereitos no traballo.- Os convenios colectivos, o salario mínimo, a protección sanitaria e pensións públicas resultan afectados. Os EEUU non asinaron os acordos da OIT sobre dereitos Internacionais no traballo, por tanto non aceptan a liberdade sindical e a organización en sindicatos. As empresas americanas que se instalen aquí non estarán obrigadas a cumprir a lexislación laboral, nin convenios nin salario mínimo. As consecuencias serán que as empresas de aquí reclamarán a aplicación das normas de equivalencia alegando razóns de competencia; por tanto, os nosos dereitos universais e colectivos serán atacados.

Nos servizos e prestacións públicas as normas de competencia que reclama EEUU para servizos públicos como a sanidade, ensino primario, secundario e universidades, pensións, ou servizos prestados por concellos, etc., son considerados como monopolios públicos e, por tanto, afectan á actividade privada e ao libre mercado das empresas. Unha vez que un servizo público se privatiza, o Acordo prohibe que volva ser recuperado polo estado. As persoas ricas non terán problema en contratar a súa sanidade privada nin a súa pensión, pero que sucederá coa clase traballadora? Sucederá, acaso, como en Estados Unidos que cando pecha unha empresa os traballadores/as perden os seus fondos de pensións?

Nas normas de saúde e medio ambiente os estados perden capacidade efectiva para controlar as multinacionais e prohibir actividades perigosas. En tratados idénticos a este, a tabaqueira Philip Morris reclama miles de millóns de indemnización a Australia por prohibir a publicidade dos cigarros. Tamén reclama millóns de dólares a Uruguai por obrigar ás compañías a ilustrar nos paquetes de cigarros as fotos e gráficos que advirten do risco de fumar. A petroleira Occidental Petroleum reclama 1.700 millóns a Ecuador, por rescindir este país o contrato por violar as leis de contaminación. Canadá tivo que pagar 122 millóns por revogar os dereitos sobre a auga a unha compañía do seu propio país.

Ningún Estado pode gañar nestas reclamacións, porque os tribunais son privados e creados polas empresas. É ilustrativo o caso recente de Arxentina, que debe pagar 500 millóns a Empresas Americanas por desvincular o peso na relación co dólar. Os países non mandan nin na súa moeda.

Os estados perden a súa soberanía e poder de decidir e gobernar sobre os seus recursos. A clase traballadora resulta sacrificada en beneficio dos multimillonarios aos que estes Gobernos entregan todo o poder, porque traballan para eles. Parece lóxico que nacións como Catalunya, Euskal Herria e mesmo Escocia na Unión Europea queiran exercer a súa soberanía, porque os ricos de Madrid e Alemaña non poden decidir o destino de todos os pobos.

En que situación quedará o pobo galego, como se enfrontará a nosa industria, a nosa pesca, o noso agro e a nosa clase traballadora a un ataque tan brutal e antidemocrático aos nosos recursos e dereitos? Se non decidimos nós o noso destino, non teremos futuro como pobo.

Paremos o Tratado Transatlántico!

Documentos
Cartel_Tratado_TTIP.pdf
ttip_diptico.pdf
 

Denuncia que a administración volveu remitir o texto sen apenas cambios e sen aceptar ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano

A Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galiza volveu remitir o anteproxecto de Lei do Emprego de Galiza e deu un novo prazo para a súa revisión que remata este venres. Tras analizalo, a CIG-Área Pública reitera o seu rexeitamento á totalidade do texto e solicita a súa retirada. Denuncia que apenas se introduciron modificacións e que non se aceptou ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano.
11-12-21 area publica 3

A Área Pública da CIG na que están integradas as federacións de Ensino, Saúde e Administración considera que este ‘mal chamado’ anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza, é en realidade unha nova Lei de Función Pública Galega pero que non contempla o dereito á negociación colectiva nas administracións públicas; non recolle a recuperación dos dereitos laborais e económicos sustraídos aos traballadores e traballadoras das administracións públicas; non promove a recuperación do emprego público en Galiza e tampouco recolle a defensa dos servizos públicos, entre moitas outras cuestión.


 

A Área Pública denuncia que porén si é un proxecto de Lei que posibilitará “impulsar o desmantelmamento dos servizos públicos e camiñar cara unha administración totalmente dixital, onde desparecerá a necesaria independencia dos empregados/as públicos/as no desempeño das súas tarefas”.

O novo borrador do anteproxecto de LEPG apenas introduce modificacións respecto do enviado en abril do ano 2013 e a CIG-Área Pública ratifica e mantén todas as alegacións presentadas en maio dese mesmo ano.

Daquela remitiu un escrito no que se recollína unha serie de consideración xénericas aos apartados relativos a : 1.- Regulación e definición Persoal directivo; 2.- Carreira profesional e novo sistema de retibucións; 3.- Normalización lingua galega nas admininistracións públicas e 4.- Supresión Plus dos altos cargos.

Xunto a este, presentou, xa en abril do pasado ano un texto onde se recollían centos de alegacións á totalidade do articulado.

Por iso manifesta, unha vez máis, a súa oposición aos "paripés" de negociación do ano 2013. Un ano no que “se perderon moitas horas en facer lectura das alegacións xa presentadas por escrito por parte de esta organización sindical ante a administración,  para que finalmente o texto que nos remiten novamente non recolla ningunha das nosas propostas e apenas contemple modificacións co inicialmente enviado”, denuncia a Área Pública.

Preme aquí para ver a documentación que xa están en poder desa Dirección Xeral da Función Plública.

 

O secretario xeral da CIG, presente na marcha de Vigo, rexeita as “condenas abusivas” e chama a mobilizarse contra a vaga represiva do Goberno español do PP

 
Milleiros de persoas saíron hoxe ás rúas das principais cidades e vilas de Galiza baixo o lema 'Defender os dereitos da clase traballadora non é delito' para rexeitar a ofensiva represiva do PP contra a constestación social aos recortes e en demanda do indulto para Carlos, Serafín, Ana e Tamara, os catro traballadores/as condenados/as a tres anos de prisión. Ao remate da manifestación central, celebrada en Vigo, deuse lectura a un comunicado conxunto das tres organizacións sindicais convocantes.
2014 06 30 ManiIndultoVigo01
 

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na marcha de Vigo, denunciou as “condenas abusivas” que lles foron impostas. Penas que considerou que “no se corresponden cos feitos acontecidos” e que entende que responden a unhas “directrices claras” do PP e do Goberno ao que este sustenta, “dirixidas á Fiscalía e aos xuíces que lle son afíns ideoloxicamente”, co obxectivo de que endurezan as condenas contra traballadores/as por participar nos piquetes informativos. 

Con esta mesma vaga represiva vinculou a política do Goberno de sancionar con multas importantes a traballadores/as por participar en piquetes informativos. “Unha política represiva coa que pretenden amedrentar á xente para que non participe nas convocatoria de folga e polo tanto non teña unha actitude activa fronte os recortes de dereitos laborais e sociais”.

Con todo, Seixo manifestou a súa esperanza de que o Goberno sexa sensíbel ás peticións de indulto destes traballadores/as, que considerou que “estarían bastante máis xustificados que outros que se están a conceder a persoas que cometeron delitos que son realmente graves, ben económicos ou ben por vulneración de dereitos fundamentais”.

As persoas solicitantes deberán terse acollido á redución entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013
A Secretaría de Muller da CIG informa que acaba de saír publicada no DOG a resolución que regula as axudas dirixidas aos homes e familias monoparentais, que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013 se acollesen a unha redución da súa xornada de traballo para o coidado dos/das fillos/as.
Logo Muller
 

Poderán beneficiarse das axudas previstas nesta resolución:

- Homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario, e os socios das sociedades cooperativas, sempre que estes últimos pertenzan ao réxime xeral da Seguridade Social.

-Familias monoparentais nas cales a persoa solicitante, home ou muller, sexa traballadora por conta allea e se acolla á redución de xornada. Por familia monoparental enténdese o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

Para ter dereito a axuda deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. O período máximo subvencionábel será de oito meses comprendidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2013. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade.

A contía desta axuda estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral gozada, da duración desta e do número de fillas/os a cargo da persoa solicitante.

Os formularios de solicitude pódense descargar no documento anexo a esta nova, na sede electrónica da Xunta de Galiza (https://sede.xunta.es). O prazo para presentar as solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza (DOG do 22 de maio de 2013).

 

DOG_AxudasReducionXornada.pdf

A central denunciará diante dos grupos parlamentarios os incumprimentos do Goberno galego en conciliación familiar e laboral

Xoves, 08 Maio 

O sector de Autonómica da federación de Administración da CIG manterá este mércores un encontro cos grupos parlamentarios galegos para propoñerlles a presentación dunha proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a respectar a lei de igualdade en materia de conciliación familiar e laboral.
 No encontro que terá lugar no Rexistro da institución autonómica este mércores ás 11.00 horas a central dirixirase aos grupos parlamentarios para denunciar os atrancos do Goberno galego “á correcta aplicación da lei de igualdade en materia de conciliación familiar na Administración pública autonómica”. 

Ao mesmo tempo, proporanlles a presentación dunha proposición non de lei na que se inste a respectar a vixencia dunha lei que, segundo critican, a Xunta está a intentar cambiar. Neste senso, lembran que a lei galega de igualdade, 7/2004, no seu artigo 44, recoñece o dereito á flexibilidade laboral por razóns familiares ao persoal da Administración pública galega. “Recoñece o máis amplo horario diario de referencia para realizar xornada laboral con total liberdade no caso de ter fillos/as menores de 12 anos ou persoas maiores a cargo”.

Posteriormente a Xunta desenvolveu este aspecto da lei a través da Orde do 20 de decembro de 2013. Porén, varios aspectos dela chocan frontalmente coa lei cando se intenta establecer con carácter xeral un horario de referencia, xa que na lei recoñécese que este é establecido por cada centro en función das súa realidade. “Chégase así ao absurdo de non poder traballar os venres pola tarde na Administración xeral da Xunta a pesar de que moitos dos seus centros e edificios administrativos permanecen abertos e accesíbeis ao público”. A CIG presentou un recurso contencioso contra este intento de vulnerar unha lei a través dunha norma de carácter administrativo.

Actualmente a Xunta puxo enriba da mesa unhas instrucións para regulamentar a norma anterior, que continúa no camiño de limitar cunha norma inferior un dereito recoñecido amplamente pola lei. “Agora trata de establecer un horario de presenza obrigatorio para este tipo de flexibilidade familiar e mesmo valorar as condicións particulares”, denuncian.

Nos países desenvolvidos, a fin do consumismo compulsivo imperante na pasada década, provocado polas taxas de paro galopantes e a perda do poder adquisitivo dos traballadores unido á deterioración progresivo das condicións laborais, provocará frecuentes rebentos de conflitividade laboral e agudización da fractura social.

O fenómeno da globalización económica conseguiu que todos os elementos racionais da economía estean interrelacionados entre si debido á consolidación dos oligopolios, a converxencia tecnolóxica e os acordos tácitos corporativos, polo que a irrupción da crise económica na aldea global provocou a aparición de novos retos para gobernos e institucións sumidas no desconcerto e na incredulidade, retornando lenta pero inexorabelmente a escenarios económicos descoñecidos desde a II Guerra Mundial.

Ocaso da economía global

A substitución da doutrina económica de Equilibrio orzamantorio dos Estados pola do déficit endémico (práctica que por mimetismo, adoptarán as economías domésticas e as empresas e organismos públicos e privados), contribuíu á desaparición da cultura do aforro, endebedamento crónico e excesiva dependencia do Financiamento Exterior. Así mesmo, a política suicida na concesión de créditos e hipotecas de alto risco das principais entidades bancarias mundiais que inmersas no vórtice expansiva da economía mundial do último decenio e co fin de optimizar a súa conta de resultados, actuarían obviar as máis elementais normas de prudencia crediticia, converténdose en simples brokers especulativos e descoidando as dotacións aos Fondos de Provisión e Insolvencia.

Iso, unido á falta de supervisión por parte das autoridades monetarias dos índices de solvencia das entidades bancarias, orixinou a crise das subprime de EE.UU., seguida dun gotexar incesante de insolvencias bancarias, unha severa contracción dos empréstitos bancarios e unha alarmante falta de liquidez monetaria e de confianza nas institucións financeiras. A iso sumaríase a instauración do consumismo compulsivo nos países desenvolvidos, favorecido polo bombardeo incesante da publicidade, o uso irracional das tarxetas de plástico, a concesión de créditos instantáneos con sangrantes xuros e a invasión dunha marea de produtos manufacturados de calidade dubidosa e prezos sen competencia, provenientes dos países emerxentes, pois a obsesión paranoica das multinacionais apátridas ou corporacións transnacionais, por maximizar os beneficios (debido ao apetito insaciábel dos seus accionistas, ao esixir incrementos constantes nos dividendos), induciunos a endebedárense perigosamente en prol do xigantismo, mediante OPAS hostís e intensificando a política de deslocalización de empresas a países emerxentes, co fin de reducir os custos de produción (dado o enorme diferencial en salarios e a ausencia de dereitos laborais dos traballadores).

Finalmente, o brutal incremento do consumo de materias primas e produtos elaborados por parte dos países emerxentes (debido aos seus espectaculares crecementos dos PIB anuais no último decenio) coadxuvado pola intervención dos brokers especulativos, xerou unha espiral de aumentos de prezos imposíbeis de asumir polas economías do Primeiro Mundo (ao non poderen revertelas no prezo final do produto dados os seus altos custos de produción) e como consecuencia, produciuse unha sensíbel perda da súa competitividade, estancamento das súas exportacións e aumento dos Déficits por Conta Corrente e Débeda Externa, debuxándose un escenario a cinco anos no que asistiremos á implementación do proteccionismo económico, coa conseguente contracción do comercio mundial, subseguinte finiquito á globalización económica e retorno a escenarios económicos de compartimentos estancos.

Radiografía do estancamento económico mundial

Nos países desenvolvidos, a fin do consumismo compulsivo imperante na pasada década, provocado polas taxas de paro galopantes e a perda do poder adquisitivo dos traballadores unido á deterioración progresivo das condicións laborais, provocará frecuentes rebentos de conflitividade laboral e agudización da fractura social dos países desenvolvidos, quedando diluídos os efectos benéficos das súas anunciadas medidas sociais ao dar por finiquitado o estado asistencial, o que obrigará a amplas capas da poboación a depender dos subsidios sociais. Ademais, o esperado anuncio da Fed do final da implementación de medidas cuantitativas (Quantitative Easing) para incrementar a base monetaria e a previsíbel suba de tipos de xuros no 2015, podería provocar un novo crash bursátil mundial pois o nivel chan das Bolsas mundiais, (nivel no que conflúen beneficios e multiplicadores mínimos) moveríase no abano dos 10.000-11.000 en Mercados Bursátiles como o Dow Jones, a anos luz dos estratosféricos teitos actuais, rememorando valores de outubro do 2008.

O devandito estourido provocará a conseguinte inanición financeira das empresas e subseguinte depreciación das súas moedas para incrementar as súas exportacións e terá como efectos benéficos o obrigar as compañías a redefinir estratexias, axustar estruturas, restaurar as súas finanzas e restablecer o seu crédito ante o mercado (como ocorreu na crise bursátil do 2000-2002) e como danos colaterais a ruína de millóns de pequenos investidores aínda cegados polas luces da estratosfera, a inanición financeira das empresas e o consecuente efecto dominó na declaración de crebas e incrementos da taxa de paro até niveis descoñecidos desde a época da II Guerra mundial xuntamente con incrementos espectaculares do déficit público e da débeda externa e un agudo estancamento das economías globais.

En canto aos países emerxentes (BRICS, México, Corea do Sur e Tigres asiáticos), sufrirán un severo estancamento das súas economías con crecementos anuais do PIB inferiores ao 3% (logo dun decenio espectacular con taxas de crecemento superiores aos dous díxitos), debido á brutal constrición das exportacións pola contracción do consumo mundial e á elevación dos parámetros de calidade esixidos polos países do Primeiro Mundo, implantación polos países emerxentes de leis laborais e ambientaos máis estritas, o que implicará unha drástica redución dos seus superávits. Así mesmo, deberán padecer taxas de inflación desbocadas, debido á escalada alcista dos prezos do cru e á necesidade imperiosa de importar cantidades inxentes de alimentos para abastecer aos seus habitantes ante a alarmante carestía de produtos agrícolas básicos para a súa alimentación, o que acelerará a agudización da fractura social, o incremento da inestabilidade social e un importante retroceso das súas incipientes liberdades democráticas.

Respecto dos países do Terceiro mundo, o esganamento das súas exportacións e a depreciación xeneralizada das súas moedas por mor da severa crise económica global plasmada na contracción da demanda mundial de materias, obrigará a unha gran parte da súa poboación a vivir por baixo da liña da pobreza ao sufrir taxas de inflación desbocadas próximas aos dous díxitos e incrementos espectaculares da Débeda Exterior. Así, o cambio de patróns de consumo dos países emerxentes, a escalada alcista dos prezos do cru (por volta dos 110 dólares) xuntamente con inusuais secas e inundacións e a aplicación de restricións á exportación dos principais produtores mundiais para asegurar o seu autoabastecemento, conseguirá desabastecer os mercados mundiais de produtos agrícolas básicos para a alimentación (trigo, millo, sorgo e arroz), elevar os seus prezos ata niveis estratosféricos e provocar unha nova crise alimentaria mundial. A dita crise irá "in crescendo" até alcanzar o seu cénit no horizonte do 2020 e afectará especialmente ás Antillas, América Central, México, Colombia, Venezuela, Exipto, Corea de Norte, India, China, Bangladesh e Sueste Asiático, ensañándose con especial virulencia co África Subsahariana e podendo pasar a poboación atrapada na fame dos 1.000 millóns actuais aos 2.000 millóns estimados polos analistas.

 

[Artigo tirado do sitio web 'Kaos en la red', do 29 de abril de 2014]