MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RPT

Dende que o actual goberno municipal acordou o inicio dunha nova valoración de postos de traballo xunto coa convocatoria dun novo concurso de traslados, a Sección Sindical da CIG deixou claro o seu posicionamento de que non avaliaría ningunha modificación puntual da RPT que afectase á creación e valoración de postos, xa que entendíamos que isto debía facerse no marco dunha valoración integral e global da totalidade dos postos de traballo do Concello da Coruña.

Porén, o goberno municipal plantexou na MXN do pasado 16/04/2025 unha modificación puntual da RPT referida exclusivamente ao establecemento de titulacións para os postos de Administración Especial, pensando na abordaxe dun novo concurso de traslados, toda vez que xa houbo sentenzas que afectaron a determinados postos do anterior concurso e que supuxeron a súa eliminación do mesmo.

A CIG sempre defendeu, e a propia normativa e xurisprudencia así o avalan, que os postos de Administración Especial deben contar con requisitos de titulación para o seu desempeño. Por tal motivo, avaliamos positivamente que se iniciase o traballo a través de mesas técnicas de estudo de titulacións e ramas, cunha modificación puntual da RPT exclusivamente para este fin.

Dende entón, a metodoloxía de traballo foi totalmente caótica, con cambios constantes de criterio e de propostas. Ata ese momento, traballárase nas bases do concurso xeral, establecendo áreas funcionais para os postos de Administración Especial, sen que o goberno municipal expresase en ningún momento —dende marzo de 2024, cando comezaron as negociacións das bases— a necesidade desta modificación, xa que estaba previsto iniciar a negociación dunha nova RPT na que se abordarían os requisitos de titulación, tan necesarios para estes postos.

Con todo, durante os seguintes meses continuouse traballando nesta modificación das titulacións, partindo dun primeiro listado duns 300 postos de traballo que comprendían a totalidade dos postos de Administración Especial da RPT. Sempre se incluíron todos os postos, sen exclusión por nivel, xa que consideramos que o establecemento de titulacións é algo que debe afectar á totalidade dos postos da RPT.

Ante a imposibilidade de abordar esta modificación a tempo para convocar o concurso ordinario antes de finais de ano, e de facelo sen estudar pormenorizadamente as funcións de cada un dos 300 postos para negociar as titulacións máis acaídas, optouse por unha modificación puntual engadindo ramas de titulación nos postos de Administración Especial, deixando as titulacións concretas para o momento das negociacións da nova RPT.

Poucos días antes da MXN convocóusenos, por separado, a cada sección sindical a unha reunión previa onde se nos comunicou un cambio substancial: os postos de nivel 26 (xefaturas de departamento) quedaban excluídos desta modificación puntual e deixábanse para o momento da valoración de postos da RPT, sempre que estivese lista no primeiro semestre de 2026.

Por todo isto, a CIG votou en contra desta modificación puntual por varios motivos:
- É unha modificación puntual que só se aplica a unha pequena parte dos postos de Administración Especial e que non resolve a necesidade de establecer titulacións para a totalidade destes postos, xerando un agravio comparativo. Dánse casos como, por exemplo, o posto de técnico medio de innovación, que conta con dúas prazas (2129 e 2130), aplicándose a modificación só á 2130.
- Engádense titulacións a postos barrados AG/AE, o que pode impedir que o persoal de Administración Xeral poida concorrer a eles.
- Exclúense desta modificación puntual todos os postos de Administración Especial de nivel 26.

A CIG considera que o goberno municipal non respectou o acordado, ao presentarnos unha modificación parcial de só 19 postos fronte aos 300 cos que estivemos traballando dende o pasado mes de abril, incluíndo —en contra do acordado— postos de AG/AE, modificando ou eliminando titulacións específicas en lugar de establecer ramas de titulación, e excluíndo de xeito interesado os postos de nivel 26.

Con todo, esta proposta de modificación puntual foi aprobada cos votos a favor de CSIF e UGT, a abstención de CCOO e o voto en contra da CIG. Polo tanto, esta modificación puntual está en período de información pública ata o día 21 de novembro, polo que vos recomendamos que lle botedes unha ollada por se vos vedes afectados e queredes presentar alegacións.

BASES PARA A PROVISIÓN DE POSTOS POR CONCURSO ORDINARIO

A Sección Sindical da CIG votou en contra destas bases debido exclusivamente ao listado de postos incluídos no concurso.

A Xunta de Persoal, por unanimidade das catro seccións sindicais, presentou unha proposta de bases que levamos negociando de xeito consensuado dende febreiro de 2024, ata acadar unha boa proposta cun peso do 35% para a antigüidade, 10% valoración do traballo desenvolto, 1% permisos de conciliación, 4% grao consolidado, 20% para a formación, 15% experiencia profesional e 15% para o galego.

Consensuadamente defendemos tamén as catro seccións sindicais, ata unha semana antes da MXN, que o concurso ordinario debía aplicarse ata os postos de nivel 26 inclusive, en contra do criterio mantido polo goberno municipal, que pretende modificar a forma de provisión das xefaturas de servizo para cubrilas todas por libre designación e as xefaturas de departamento para facelo por concurso específico.

Os cambios nas formas de provisión que pretende o goberno municipal carecen de motivación legal e, na nosa opinión, obedecen a outros intereses. Así o debeu entender tamén o Sr. Concelleiro, cando, catro días antes da MXN, se nos comunica que se eliminan os postos de nivel 26 do listado do concurso ordinario e se retiran da orde do día as bases do concurso específico.

As razóns que se nos dan para este cambio son que estes postos (xefaturas de departamento e xefaturas de servizo) precisan dun análise máis detallado para modificar a forma de provisión e tamén para evitar posibles recursos xudiciais. Comunícannos que estes postos se abordarán na fase de valoración da RPT, sempre que esta se poida realizar no primeiro semestre de 2026.

Non fai falta pensar moito para decatarse de que, tal e como alegamos por escrito durante as negociacións destes meses, coa actual RPT, co actual manual de funcións e coa xurisprudencia vixente, este cambio de forma de provisión carece totalmente de fundamento legal e de motivación, xa que debe xustificarse posto a posto tanto para cambiar a forma de provisión a libre designación como a concurso específico, e non como pretende o Sr. Lage, pasando o rodillo e pretendendo provisionar os postos de xefatura como a el lle conveña.

O listado de postos que achega o goberno municipal para o concurso ordinario consideramos que é totalmente insuficiente. Logo do intenso traballo que leva feito a CIG no seguimento das comisións de servizo neste Concello, e tendo en conta que nos últimos anos temos constatadas máis de 300 convocatorias de comisións de servizo motivadas por suposta urxencia e necesidade reiterada, presentar un anexo con algo máis de 100 postos non amosa intención real de resolver a problemática da cobertura temporal de postos mediante comisións de servizo que arrastra este goberno municipal.

De feito, ante a nosa pregunta, explicouse que o criterio seguido para a inclusión de postos foi o de incorporar unicamente aqueles que foran convocados para cobertura temporal por comisión de servizo durante o último ano.

Para a CIG, este criterio é totalmente inaceptable e unha tomadura de pelo e evidencia a intención do goberno municipal de manter postos vacantes “en reserva” para, despois da resolución do concurso, volver cubrilos temporalmente mediante comisións de Servizo e de xeito discrecional.

Se realmente o goberno municipal quixese rematar “co problema das comisións de servizo”, tal e como expresou na MXN, convocaría todos os postos vacantes que foron cubertos mediante comisións de servizo por urxencia e necesidade durante os últimos anos.

Revisando o listado de postos do concurso ordinario, detectamos que faltan uns 80 postos máis que deberían saír a concurso, así como todos os postos vacantes de nivel 26 que teñen como forma de provisión o concurso ordinario na actual RPT.

O resto das seccións sindicais desmarcáronse do criterio que consensuadamente defendemos durante todos estes meses de que o concurso ordinario chegase ata os postos de nivel 26.

Polo tanto, as bases do concurso ordinario saíron adiante cos votos a favor de UGT, CSIF e CCOO, e o voto en contra da CIG.

BASES DO CONCURSO ESPECÍFICO PARA CABOS DO SEIS

Este punto foi aprobado por unanimidade, co compromiso do goberno municipal de estudar as últimas achegas feitas pola Sección Sindical da CIG sobre a valoración no apartado de titulacións académicas —para que se valoren as titulacións de ciclo medio de FP que non constitúen requisito de acceso— e sobre o suposto práctico da segunda fase, co obxectivo de clarificar cales son os protocolos de intervención nos que se baseará.

MODIFICACIÓN DA INSTRUCIÓN 2/21

Tras a modificación lexislativa que establece que o permiso parental para o coidado de fillos ten carácter non retribuído, o goberno municipal propuxo introducir un novo permiso retribuído na Instrucción 2/21, denominado “permiso para os coidados”, que consiste nun permiso de duración non superior a 40 días laborables para o coidado dos fillos ata que o menor cumpra os oito anos.

Este novo permiso poderá desfrutarse ata un máximo de 10 días laborables por ano natural e non poderá unirse con períodos de vacacións nin con días de asuntos particulares. Estes dous aspectos supoñen un empeoramento respecto ao permiso parental retribuído, e así llo expuxemos na mesa ao Sr. Concelleiro, que non quixo modificalo, o que motivou que a nosa Sección Sindical se abstivese na votación deste punto, que quedou aprobado cos votos a favor do resto das seccións sindicais.

 

ROLDA DE INTERVENCIÓNS

A convocatoria de MXN era unha convocatoria extraordinaria, e polo tanto, non admitía rolda de intervencións. A pesar diso, e fora da convocatoria, o Sr. Lage accedeu a que a CIG fixese unha pregunta sobre a cobertura de persoal administrative do COF, xa que fixeramos esta pregunta por escrito e todavía non tiñamos resposta.

No día de hoxe, 29 de outubro, recibimos resposta escrita á nosa pregunta, que vos trasladamos para o voso interese:

CONTESTACIÓN Á SOLICITUDE DO SINDICATO CIG EN RELACIÓN CO PERSOAL DO COF

 

O 16.09.2025 Ana Isabel Filgueiras Espasandín, na súa condición de secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, presentou no rexistro municipal de María Pita un escrito, con código de asento RMPE191IU1 e número de rexistro 71065, no que expón e solicita o seguinte:

 

“…No centro de traballo do COF (Centro de Orientación Familiar) traballa actualmente unha soa persoa no posto de auxiliar administrativo.

Anteriormente o COF contaba cunha dotación de tres persoas no posto de auxiliar administrativo.

O COF presta servizo a toda a área sanitaria da Coruña e non só a persoas da cidade, o que xenera unha carga de traballo inasumible por unha soa persoa nese posto.

POLO EXPOSTO, SOLICITA:

Se dote ao COF, como mínimo, dunha persoa máis para o posto de auxiliar administrativo con carácter urxente ao ser inasumible a carga de traballo actual”.

 

Vista a devandita petición,

 

COMUNÍCASELLE:

 

  1. A día de hoxe, non existe ningún título ou documento vixente e vinculante polo que o Concello da Coruña teña a obriga de manter e ampliar o persoal municipal co que conta o COF. A pesares diso, esta Administración municipal garante a continuidade da atención máis alá das súas competencias. Así, mantén a cobertura dun posto de auxiliar e procede a reforzar a dotación de persoal cando resulta imprescindible para garantir a atención ao público, mediante nomeamentos de persoal funcionario interino.

 

  1. A prestación sanitaria é unha competencia autonómica que recae no SERGAS, na Consellería de Sanidade, e non no Concello da Coruña. Compete ao SERGAS dotar o COF do persoal facultativo, sanitario non facultativo e de apoio necesarios para o seu funcionamento, o que inclúe o persoal administrativo.

 

III. O Concello da Coruña seguirá a centrar os seus esforzos de xestión administrativa en conseguir que se materialice un acordo polo que o Sergas asuma o compromiso de sufragar a totalidade do persoal do COF, en coherencia co seu ámbito competencial, mentres esta Administración municipal asume os gastos de subministracións e mantemento ordinario do inmoble no que se empraza.

 

SERVIZO DE RRHH.