O Goberno Municipal decidiu, no exercicio das súas competencias, pasar a xestionar as bibliotecas  que estaban en xestión indirecta a través de empresas privadas a xestionalas en  forma directa a  través da empresa pública EMVSA.

Este feito en concreto non afecta para nada nin á RPT nin ó organigrama municipal, nin ó capitulo I dos orzamentos ( salario dos funcionarios). Para o persoal da concesionaria privada só supón un cambio de empresario, con suxeición ao mesmo convenio  que tiñan e mantendo as mesmas condicións laborais e económicas.

Este proceso non é un proceso negociado. As únicas reunións que o Goberno Municipal, representado polo concelleiro de Cultura, mantivo co comité de empresa, tiveron todas carácter informativo e non negociador.

Este feito serviu como desculpa para que o autor desta mensaxe, con grandes doses de ignorancia, rancor e estupidez, tratase de vincular este feito co recurso presentado pola CIG contra a modificación da RPT no servizo de policía sen negociación previa.

Para tratar de iluminalo, imos  definir a posición da CIG neste asunto:

  1. A CIG aposta pola recuperación de todos os servizos públicos xestionados por empresas privadas.
  2. Cando se iniciou este proceso a Xunta de Persoal do concello, ostentando a CIG a súa presidencia, solicitou formar parte das diferentes comisións que estudaban este asunto pola posible afectación sobre o persoal municipal.
  3. A CIG defende o criterio de que se debería  unificar a xestión  da totalidade do servizo municipal de bibliotecas, con preferencia dentro da RPT do concello.

Nas reunións que se mantiveron co Goberno Municipal non estivo nunca representada a sección sindical da CIG no concello, Roberto Tizón acudiu a algunha delas en calidade de asesor dos delegados da CIG na empresa, da mesma maneira que acudiu algún delegado da UGT con responsabilidades mais ala do concello.

Xa para rematar, consideramos que os delegados sindicais non deberiamos incendiar ao persoal, deberiamos limitarnos a informar  sen falsidades para que eles poidan sacar as súas propias conclusións.