AO GOBERNO MUNICIPAL

CONCELLERÍA DE RECURSOS HUMANOS 

ASUNTO: Requirimento sobre o proceso de elaboración da nova RPT e garantía do dereito á negociación colectiva

Ana Isabel Filgueiras Espasandín, con DI xxxxxxxxx e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da sección sindical da CIG no Concello da Coruña

EXPÓN:

 

A CIG, como organización sindical con representación na Mesa Xeral de Negociación (MXN), considera necesario trasladar ao Goberno Municipal a súa preocupación polo proceso de elaboración da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e requirir que se garanta a participación efectiva de todas as organizacións sindicais lexitimadas na súa negociación.

 

1.  ANTECEDENTES

A elaboración dunha nova RPT é un compromiso que o actual Goberno Municipal mantén desde o inicio do mandato.

 

Na MXN do 17 de outubro de 2019, primeira Mesa mantida co actual Goberno e co actual concelleiro responsable de Recursos Humanos, anunciouse o compromiso de abordar unha nova RPT, coa previsión de tela rematada antes de xuño de 2022. Acordouse externalizar os traballos e a CIG deixou xa daquela constancia da necesidade de negociar o manual de valoración antes da súa aplicación.

 

Na MXN do 23 de setembro de 2021, o Goberno informou da licitación do contrato para a análise e elaboración da nova RPT e ofreceu á representación sindical a posibilidade de participar activamente no proceso. A CIG reiterou a súa disposición a participar, sempre que o método de valoración dos postos fose obxecto de negociación.

 

Na MXN do 19 de xullo de 2022, xa coa empresa adxudicataria, ADECCO, iniciando os traballos, a CIG volveu reclamar que o método de valoración fose consensuado na MXN e non imposto pola empresa.

 

Na MXN do 7 de xullo de 2023, o Goberno anunciou novamente o inicio do expediente administrativo para a elaboración dunha nova RPT.

 

Posteriormente, na MXN do 27 de maio de 2024, o Goberno volveu anunciar a intención de negociar a nova RPT, daquela co obxectivo de tela rematada a finais de 2025. Nesa Mesa pretendeuse establecer como condición para a negociación a aceptación da libre designación como sistema de provisión das xefaturas de servizo. A CIG manifestou que o sistema de provisión forma parte da propia RPT e debe ser obxecto de negociación no seu conxunto.

 

Nesa mesma Mesa, o concelleiro responsable manifestou que «quen non estea de acordo co marco de negociación non participará na negociación da RPT». A CIG advertiu expresamente que non podía ser excluída da negociación e que defendería o seu dereito a participar.

 

2.  A SITUACIÓN DURANTE 2026

O 29 de abril de 2026, no resumo da MXN remitido ao persoal, a CIG volveu deixar constancia desta situación e da súa disposición a participar na negociación.

 

A principios do mes de maio a CIG recibiu unha chamada do concelleiro responsable na que mostraba a sua predisposición a manter unha reunión coa nosa sección sindical sobre a RPT e nos aceptamos. A reunión non se convocou.

 

Paralelamente, a CIG ten constancia de que se mantiveron contactos e reunións entre o Goberno Municipal e outras organizacións sindicais con representación na Mesa, nas que se estaría abordando a nova RPT.

 

Esta circunstancia resulta especialmente relevante tendo en conta que, segundo a información da que dispón esta organización, se tería alcanzado incluso un acordo ou preacordo de carácter económico para determinados colectivos, cunha das organizacións sindicais, que tería sido posteriormente sometido á votación das persoas afiliadas desa organización.

 

A CIG considera necesario que estes feitos sexan aclarados formalmente, pois, de confirmarse, estaríamos ante un proceso de negociación sobre materias que afectan ás condicións de traballo do persoal municipal no que unha das organizacións lexitimadas permanece á marxe.

 

A mediados do mes de maio de 2026 a CIG dirixiuse por escrito ao concelleiro responsable trasladándolle que tiveramos coñecemento dun acordo de carácter económico para determinados colectivos con outra organización sindical e instándolle a fixar data para a reunión comprometida coa CIG sobre a RPT.

 

Tras esa comunicación, mantívose unha reunión coa CIG, coa participación da Dirección de Área e do Servizo de Recursos Humanos. Nela, a CIG presentou as súas propostas para a nova RPT e quedou pendente unha posterior reunión co concelleiro responsable. Esta reunión nunca chegou a producirse.

 

En xuño de 2026, a CIG dirixiuse novamente por escrito ao concelleiro responsable, denunciando a falta de negociación e solicitando unha reunión formal para coñecer o estado do proceso e presentar as súas propostas para o conxunto do persoal municipal. Non se recibiu resposta nin se convocou a reunión solicitada.

 

3.  UNHA RPT QUE PODERÍA ESTAR XA PREDETERMINADA

Durante o mes de setembro de 2026, a CIG recibiu información de empregados municipais segundo a cal unha Dirección de Área estaría mantendo reunións co persoal para trasladar o contido dunha nova RPT, anunciando cambios relevantes nos postos e manexando un calendario que situaría a súa aprobación antes de finais de ano.

 

De confirmarse esta información, resulta especialmente preocupante que se estea trasladando ao persoal o contido dunha RPT que aparentemente se atopa nun estado avanzado sen que se producise unha negociación efectiva coa totalidade da representación sindical lexitimada.

 

A CIG quere deixar claro que nunca se negou a negociar a nova RPT. Desde 2019 vén reclamando precisamente o contrario: participar no proceso e negociar os criterios e contidos que lle son propios.

 

A cuestión, polo tanto, non é a vontade de negociar, senón que a CIG está a quedar fóra dun proceso que, segundo todos os indicios, podería estar xa materialmente avanzado, mentres outras organizacións terían mantido contactos e negociacións sobre o seu contido.

 

4.  CONSIDERACIÓNS E REQUIRIMENTO

A negociación colectiva do persoal empregado público debe desenvolverse de maneira real, efectiva e de boa fe, conforme aos principios establecidos no TREBEP e na normativa galega de emprego público.

 

A negociación non pode quedar reducida á comunicación de decisións previamente adoptadas nin pode existir unha negociación paralela que determine de antemán o contido dunha materia que debe ser obxecto de negociación na correspondente Mesa.

 

Por todo o anterior, a CIG REQUIRE ao Goberno Municipal para que:

 

  1. Garanta de inmediato a participación efectiva da CIG, en igualdade de condicións co resto das organizacións sindicais lexitimadas, no proceso de elaboración e negociación da nova RPT.
  2. Informe formalmente do estado real de elaboración da RPT, da documentación e propostas existentes, das decisións que xa fosen adoptadas e do calendario previsto para a súa negociación, tramitación e aprobación.
  3. Informe dos contactos e reunións mantidos con cada unha das organizacións sindicais en relación coa nova RPT e do contido abordado neles.
  4. Aclare se se alcanzaron acordos ou preacordos de carácter económico ou doutra natureza vinculados á nova RPT ou ás condicións de traballo do persoal, indicando as organizacións participantes e o seu contido.
  5. Garanta que ningún acordo, decisión ou contido previamente definido fóra da Mesa Xeral de Negociación predetermine o resultado da negociación.
  6. Convoque coa maior brevidade a Mesa Xeral de Negociación, iniciando un proceso real, transparente e efectivo, coa participación de todas as organizacións lexitimadas.

 

A CIG advirte expresamente de que, de confirmarse a existencia dunha RPT previamente definida ou materialmente predeterminada sen a correspondente negociación colectiva, considerará que o procedemento presenta serios vicios de orixe, reservándose o exercicio das accións que correspondan en defensa dos dereitos da representación sindical e do persoal municipal.

 

Finalmente, existe unha cuestión que esta organización considera especialmente grave e que debe ser aclarada. Representantes da CIG recibiron en ámbitos informais unha manifestación atribuída ao concelleiro responsable no sentido de que «non tería sentido negociar con persoas que acudiron aos tribunais por vía penal contra o Goberno Municipal».

 

A CIG require que se aclare formalmente se a existencia destes procedementos xudiciais tivo ou está a ter algunha incidencia na súa exclusión do proceso de elaboración e negociación da RPT.

 

A CIG agarda unha resposta formal a este requirimento e a inmediata adopción das medidas necesarias para garantir unha negociación colectiva efectiva.

 

Na Coruña, na data de sinatura electrónica deste documento

 

SECCIÓN SINDICAL DA CIG