PLAN DE FORMACIÓN
Aprobouse o plan de formación para este ano 2026 coa abstención da nosa sección sindical e o voto a favor do resto de seccións sindicais.
A nosa abstención está motivada porque levamos varios anos advertindo que os cursos de interpretación musical e de interpretación instrumental para a banda de música municipal, pola información que nos consta, non serían cursos de formación si non que se estaría pagando con cargo á partida de formación a contratación de directores invitados e de solistas invitados. Informóusenos de que o director da banda municipal emitiu un informe ao respecto e acordouse na mesa que se nos facilitaría ese informe, estamos á espera de poder consultalo.
Debido ao retraso cada vez maior co que se aproba o plan de formación anual o sr. Concelleiro estivo dacordo nunha proposta, xa feita con anterioridade pola representación sindical, na elaboración dun plan de formación de carácter bianual que permita unha mellor planificación e execución dos cursos de formación.
PROTOCOLO FRONTE AS AGRESIÓNS EXTERNAS NO TRABALLO
A nosa sección sindical levaba moito tempo solicitando a negociación dun protocolo fronte as agresións que sufre o persoal municipal no seu posto de traballo, xa que polo que nos contades percibíamos un incremento das agresións ao persoal e unha situación de desprotección por parte do concello en moitos casos, deixando á sua sorte á persoa agredida. Non é así en todos os casos e, afortunadamente, a implicación dalgún responsable é maior conseguindo que se adoptaran medidas cautelares nos xuzgados.
Esta disparidade nas actuacións de protección do persoal municipal demostra que non se pode deixar á responsabilidade individual un tema tan delicado, pero esperábamos un protocolo moito mais ambicioso por eso a nosa implicación en melloralo foi total pero recibimos o non por resposta e, como xa vos informamos, ningunha das nosas aportacións foi tida en conta por ese motivo votamos en contra do documento que nos presentaron.
Aínda así o protocolo foi aprobado na MXN co voto a favor de UGT, CCOO e CSIF, sen que fixeran ningunha achega de mellora ao mesmo, e polo tanto será de obrigado cumprimento, estaremos vixiantes para que se cumpla. Non dubidedes en poñervos en contacto con nos si considerades que non se está actuando correctamente.
En canto esté publicado e entre en vigor informarémosvos e enviaremos tamén as aportacións que fixemos e que non se tiveron en conta para que fagades a vosa propia valoración.
PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DO ACORDO DA CARREIRA HORIZONTAL
Este punto foi aprobado por unanimidade de todas as seccións sindicais.
Modifícanse a base 6.2 e a base transitoria segunda que quedan coa seguinte redacción:
6.2 Ao persoal que ingrese no Concello da Coruña procedente doutras Administracións públicas onde non estea implantado o sistema de carreira administrativa horizontal ou cos que non exista convenio ou outro instrumento de colaboración subscrito e vixente, poderánselle computar os anos de servizo na súa administración de orixe sempre que exista equivalencia na escala, subescala, clase e praza ocupada naquela e na que se pase a ocupar no Concello da Coruña, e cumpran os requisitos de permanencia na correspondente escala, subescala, clase e grupo/subgrupo de clasificación profesional e de formación para a avaliación favorable establecidos neste acordo
Base transitoria segunda. Xubilación e falecemento.
En recoñecemento aos servizos prestados no Concello da Coruña, o persoal que se xubile ou faleza por calquera causa, dende a entrada en vigor deste acordo ata o 30/12/2029, terá dereito ao aboamento do 100% do complemento adicional ao complemento de destino correspondente en función do grao ou graos de carreira administrativa que teña recoñecidos de acordo co establecido neste acordo, co máximo das vinte catro últimas mensualidades.
A efectos de xubilación entendese incluido o persoal funcionario ao que lle sexa recoñecida una incapacidade permanente para o exercicio das funcións propias do seu corpo ou escala, ou polo recoñecemento dunha pensión de incapacidade permanente absoluta ou, incapacidade permanente total en relación co exercicio das funcións do seu corpo ou escala, sen previsión de revisión.
Atendendo as vosas demandas durante as mesas técnicas para a modificación do acordo fixemos a proposta de que se tivera que presentar a solicitude de recoñecemento de grao unha única vez e o recoñecemento dos seguintes graos a medida que se fosen cumplindo se fixese de forma automática, esta proposta non foi aceptada.
Tamén fixemos unha proposta de contido económico que consistía no incremento dun 15% da porcentaxe a cobrar no ano 2027 pasando do 85% ao 100%, tampouco foi aceptada.
OFERTA PUBLICA DE EMPREGO PARA O ANO 2026
O goberno municipal entregou unha proposta de conversión de 16 prazas de OPEs comprendidas entre os anos 2018 e 2023 na OPE do 2026 debido a un recurso da delegación do goberno e para evitar a perda destas prazas.
A sección sindical da CIG indicou que a proposta achegada non conta con prazas relativas aos grupos máis baixos e que ao respecto da quenda de discapacidade concentra as prazas exclusivamente no grupo A1 e que ao noso entender debería de repartirse dun xeito máis heteroxeneo entre o resto de grupos.
Ao respecto da promoción interna, a reserva ao turno por discapacidade concentráse do mesmo xeito exclusivamente en 2 prazas para administrativo (C1).
O goberno municipal comprometeuse a estudar a nosa achega antes da publicación definitiva da OEP.
Este punto foi aprobado por unanimidade.
PROPOSTA DE MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RPT.
O goberno municipal achega unha proposta de modificación puntual da RPT, enviando esta documentación con menos de 24 horas de antelación á celebración desta MXN.
Esta proposta de modificación excede, ao noso entender, a unha cuestión meramente organizativa. Inclúe, entre outras cuestións:
- Creación de postos na Área do Plan Estratéxico da Cidade da Coruña para o período 2030-2050
- Modificación na forma de provisión de postos de determinadas Xefatura de Servizo de Concurso Específico á Libre Designación
- Modificación do grupo de titulación no servizo de museos científicos
- Homoxeneización nas características de determinados postos equivalentes referidos a determinadas titulacións
- Cambio de denominación dunha unidade de RRHH e creación dunha Xefatura de departamento nesta unidade.
A Sección Sindical da CIG mantivo o criterio amosado durante todo este tempo relativo a que non avaliaría modificacións puntuais da RPT (agás exclusivamente ás derivadas da convocatoria do concurso de traslados e relativas a criterios de titulación para a administración especial), e polo tanto, non apoiaría ningunha modificación puntual da RPT que excedese a este respecto, toda vez que estase a negociar, teóricamente, unha nova RPT.
Con todo isto, este punto foi aprobado co voto en contra da CIG, a abstención de CCOO e o voto favorable de UGT e CSIF.
ROGOS E PREGUNTAS
O goberno municipal anunciou que se retomarían as mesas técnicas relativas á Casa de Acollida Municipal e de Mercados, sen concretar datas.
Dende a parte sindical preguntouse pola situación do persoal da Estación de Autobuses ante a próxima apertura da estación intermodal. O Concelleiro explicou que a concesión municipal da Estación de Autobuses remata, e que polo tanto, a partir dese momento, será a Xunta de Galicia quen asuma esta competencia. A partir dese momento, o goberno municipal convocará á representación sindical para tratar a reubicación deste persoal afectado, toda vez que a Xunta de Galicia non os subrogará. Explicou que é posible que ata que esto ocurra, parte deles sexa trasladado á estación intermodal de xeito temporal e para evitar a paralización da prestación do transporte.
Ao respecto da implantación das 35 horas nesta administración, o goberno municipal expresou o seu posicionamento favorable a esta medida, pero adiou o mesmo á negociación da nova RPT.