O Goberno municipal endurece as condicións das listas de agarda coa complicidade de UGT

O pasado 23 de xuño celebrouse unha Mesa Xeral de Negociación de carácter extraordinario na que o Goberno municipal levou para a súa aprobación unha modificación da Instrución 4/17, que regula as listas de agarda do persoal funcionario interino do Concello.

Con carácter previo á celebración da Mesa Xeral, a CIG convocou unha asemblea aberta dirixida ao persoal temporal, coa finalidade de informar da proposta do Goberno municipal e coñecer de primeira man a opinión das persoas directamente afectadas. A elevada participación permitiu compartir numerosas experiencias derivadas dos chamamentos, poñendo de manifesto o crecente malestar existente entre o persoal interino polo trato que recibe como consecuencia da súa situación de temporalidade.

Na propia asemblea quedou patente o rexeitamento ás modificacións que pretendía introducir o Goberno municipal. A CIG asumiu o compromiso de trasladar esa posición á Mesa Xeral de Negociación, defendendo a voz das traballadoras e traballadores temporais fronte a unha proposta que supón un novo recorte dos seus dereitos.

A proposta aprobada introduce cambios que supoñen un claro retroceso nas condicións do persoal temporal e consolida unha visión cada vez máis restritiva da súa situación laboral.

Entre as modificacións máis relevantes atópase a esixencia de acadar unha puntuación mínima equivalente ao 50 % da puntuación máxima do primeiro exercicio para poder formar parte das listas de agarda, así como a creación dunha lista única que integra persoas procedentes do último proceso selectivo en primeiro lugar e , en segundo lugar, persoas participantes incluídas na última lista cronoloxicamente aprobada agás as dos procesos de estabilización que sempre serán subsidiarias a calquera das anteriores.

Ademais, a proposta do Goberno municipal prevé recorrer a listas de agarda de "categoría equivalente" cando non existan listas vixentes da propia categoría. A CIG defendeu que este mecanismo non pode quedar ao criterio unilateral da Administración. A nosa proposta foi que cada utilización dunha lista doutra categoría fose sometida ao acordo da Comisión de Seguimento das Listas de Agarda, garantindo así a transparencia, a obxectividade e o control sindical. O Goberno municipal rexeitou esta proposta e limitouse a aceptar unha simple comunicación posterior á Comisión de avaliación e seguimento.

Outro dos aspectos máis lesivos da modificación é o recorte do dereito á mellora de emprego. Ata agora, as persoas interinas podían optar a unha mellora cando reunían os requisitos establecidos (ter un nomeamento no concello igual ou inferior a un ano). Coa nova redacción, só poderán acceder a esa mellora cando transcorran, como mínimo, nove meses nun nomeamento igual ou inferior a 1 ano. Esta limitación supón reducir as posibilidades de acceder a postos de maior estabilidade e mellores condicións, perpetuando a precariedade do emprego temporal.

Especialmente grave foi o ton empregado durante a negociación por responsables do Goberno municipal e do Servizo de Recursos Humanos. En lugar de manter un debate baseado en criterios técnicos, optaron por desacreditar o persoal interino con afirmacións como que "non estudan o suficiente" e que só preparan o imprescindible para entrar nunha lista de agarda e poder traballar durante anos sen superar un proceso selectivo completo. Estas palabras constitúen un desprezo inaceptable cara a centos de traballadoras e traballadores que acceden ás listas tras superar probas selectivas e que levan anos garantindo o funcionamento dos servizos municipais. Máis grave aínda resulta que este tipo de declaracións procedan precisamente de quen ten a responsabilidade de dirixir a política de persoal do Concello e debería actuar con respecto e rigor institucional.

Este discurso resulta, ademais, profundamente contraditorio. Quen hoxe cuestiona o mérito e a capacidade do persoal interino accedeu á condición de persoal funcionario de carreira, nalgúns casos, mediante procesos extraordinarios de estabilización, legais e sobradamente defendidos pola CIG. Pretender poñer agora en dúbida o esforzo e a preparación do persoal temporal desde esa posición carece de toda autoridade moral e evidencia unha dobre vara de medir absolutamente inaceptable.

Na votación final da proposta, CIG, CCOO e CSIF manifestamos o noso rexeitamento e votamos en contra por considerar que estas modificacións endurecen as condicións de acceso e permanencia nas listas de agarda, limitan as posibilidades de mellora de emprego e reducen as garantías na súa xestión. Pola contra, UGT foi a única organización sindical que apoiou a proposta do Goberno municipal, facendo posible a súa aprobación.

Desde a CIG seguiremos defendendo unhas listas de agarda transparentes, negociadas e con garantías, pero tamén un modelo de emprego público que respecte a dignidade do persoal temporal. O persoal interino non é un problema que haxa que corrixir, senón un colectivo que leva anos facendo posible o funcionamento dos servizos públicos municipais e que merece respecto, estabilidade e condicións laborais dignas.

Finalmente, cómpre sinalar que, ante o rexeitamento maioritario por parte da representación sindical á proposta presentada, o concelleiro responsable manifestou que se reserva o dereito de non ter en conta ningunha das achegas formuladas na Mesa Xeral de Negociación, anunciando a súa intención de publicar unha modificación da Instrución distinta da sometida a debate neste órgano. Esta actitude supón un grave menosprezo ao proceso de negociación colectiva e á representación legal do persoal. Por este motivo, desde a CIG agardaremos á publicación do texto definitivo para realizar unha análise completa do seu contido e valorar, de ser o caso, as accións que procedan no marco da defensa dos dereitos do persoal afectado.