Ana Isabel Filgueiras Espasandín, con DI XXXXXXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, EXPON:

Que no BOP da provincia da Coruña do martes, 20 de febreiro saíu publicada a Resolución do Concelleiro responsable da Área de Economía e Planificación Urbana pola que se estableceu a composición do tribunal que xulgará as probas selectivas para a de 11 prazas de arquitecto/a superior (subgrupo A1), C.E. 1/23.

Que a regulación dos órganos de selección está recollida no artigo 59 da Lei de Función pública de Galicia, que establece como único  requisito profesional que “os membros dos órganos de selección deben pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao esixido para participar no proceso selectivo”.

Que tamén indica que a composición dos órganos de selección deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros e que estes actuarán con autonomía no exercicio da súa discrecionalidade técnica. Polo tanto, deben ter os coñecementos e recursos suficientes para propoñer as probas e avaliar os exercicios realizados polos aspirantes que concorran ao proceso.

Tamén se contempla no art. 11 do Real Decreto 364/1995 de 10 de marzo e no art.19.2 da Lei 30/84 de 2 de agosto que na composición  dos tribunais de selección se velará polo cumprimento do principio de especialidade.

Que o temario proposto para este proceso, recollido nas bases da convocatoria (BOP nº 90 de 12 de maio de 2023) inclúe 18 temas de carácter xeral -parte común- e 72 de carácter específico, relacionados coas competencias profesionais das prazas que se convocan -parte específica-, polo que a parte común do temario ten un peso do 20% e a específica un peso do 80%.

Que nos catro exercicios dos que se compón o proceso, o temario común (18 temas) terase en conta no primeiro deles, o test, xa que o segundo e terceiro exercicios refírense só á parte específica do temario (72 temas). E no primeiro exercicio, aínda que non se recolle especificamente nas bases, entendese que o número de preguntas de cada tema será proporcional, de xeito que se garanta que o peso de cada tema é equivalente, e que todos os temas son materia do exercicio.

Que a parte específica do temario recolle toda a lexislación e normativa urbanística, incluíndo o planeamento municipal deste concello (PXOM e PEPRI), sectorial e técnica, e pese ao anterior, a composición do tribunal TITULAR acordada por Resolución do Concelleiro está formada polos seguintes perfís profesionais:

-Presidencia: perfil xurídico

 

-Secretaría: perfil económico, recentemente incorporado doutra administración

 

-Vogais:  

 a) TAG (titulación: Periodista)

 b)Arquitecto superior doutra administración 

 c)Profesor ensino secundario (este sindicato solicitou información sobre se cumpre requisitos para ocupar o posto que desempeña en comisión de servizo, sen que a día de hoxe se obtivera resposta)

 

Compre sinalar que dentro deste tribunal non foi nomeada ningunha das arquitectas/os municipais como membro titular, quedando estes relegados a ser suplentes dos anteriores, o que pon de manifesto que o concelleiro de persoal non ten a confianza necesaria no persoal municipal, e neste caso, concretamente nos TECNICOS/AS SUPERIORES DE ARQUITECTURA.

Á vista do perfil profesional dos membros do órgano de selección, a composición do tribunal ofrece serias dúbidas sobre a solvencia profesional do mesmo para propoñer as probas e xulgar os coñecementos e a idoneidade dos candidatos que concorran a este proceso.

Polo anteriormente exposto

SOLICITO

Que se revise a composición dos membros deste tribunal baseado nos principios sinalados anteriormente, incluíndo aos/as arquitectos/as municipais en número suficiente, en aras a garantir un adecuado desenvolvemento do proceso, visto o carácter marcadamente técnico deste proceso selectivo.

 

A Coruña a 22 de febreiro de 2024