Ante o comunicado que a CIG fixo no día de onte alertando das denegacións que o persoal municipal deste concello estaba a recibir por parte do Servizo de Persoal do carácter retribuído do permiso parental de 8 semanas para o coidado de filla, fillo ou menor acollido, a Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña INFORMA:


- Que no día de onte recibiuse comunicación telefónica do Concelleiro Jose Manuel Lage Tuñas na que CONFIRMA que o permiso parental RETRIBUÍDO VAISE MANTER nos termos en que foron negociados e acordados coa representación legal dos traballadores.


- Que as ORDES E INSTRUCIÓNS que recibistes do Servizo de Persoal moitos de vos, e que a nos mesmos como delegados de persoal nos foron confirmadas, relativas á denegación do carácter retribuído do permiso, NON FORON AUTORIZADAS NIN ERAN COÑECIDAS POR EL COMO CONCELLEIRO responsable na materia.


- Que polo tanto, as ORDES E INSTRUCIÓNS QUE RECIBISTES relativas a que, ou ben renunciabades mediante un correo electrónico ao carácter retribuído do permiso e desfrutabades do mesmo sen retribución nas semanas solicitadas ou do contrario debiades entender a solicitude do voso permiso denegado e, polo tanto, incorporarvos ao voso posto de traballo, NON DEBEDES TELAS EN CONTA, e que as vosas solicitudes vanse a conceder con carácter retribuído sempre que as necesidades do servizo o permitan.


A Sección Sindical da CIG non pode estar máis que satisfeita pola decisión adoptada polo Goberno Municipal ante esta situación de incerteza xerada de maneira totalmente innecesaria e que provocou un grande malestar entre o persoal municipal.


Porén, non podemos deixar pasar estes graves feitos por alto que amosan unha grande descoordinación e falta de xestión nun servizo clave nesta administración pública, como son os Recursos Humanos. Porque as preguntas que se derivan desta crise de xestión son moitas, pero entre outras, poderían ser:


¿Como pode ser que a persoa coas competencias delegadas na materia de persoal descoñeza que no Servizo de Persoal se dan instrucións relativas á limitación dun dereito recoñecido e negociado ás súas costas?


Se descoñecía as ordes e instrucións que se estaban a realizar ¿quen coñecía e mesmo propuxo que se deran estas ordes?


¿Pode alguén que non teña competencias delegadas na materia decidir sobre a concesión ou denegación dun dereito regulado e aprobado?


Ás persoas afectadas que vos puxestes en contacto con esta sección sindical, grazas pola vosa confianza na nosa acción sindical. Recomendámosvos que vos dirixades novamente ao Servizo de Persoal para recibir as novas instrucións e resolución da concesión dos vosos permisos nos termos solicitados.


Seguimos.

A Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña